Martes
26. Actividades da III Edición da Mostra de Ciencia e Cinema.
- Domus. Proxección de filmes a concurso. Vídeo. Sala Leonardo da Vinci.
De 16:00 a 19:00 h.
A road not taken (Christina Hemauer & Roman Keller, 2010) 66 min. Ensaio documental que conta a historia dos paneis solares que o antigo presidente dos Estados Unidos Jimmy Carter instalou no tellado da Casa Branca en 1979. O seu sucesor, Ronald Reagan, ordenou a retirada dos paneis, dentro dunha campaña de rexeitamento radical da política enerxética de Carter. Os moi simbólicos paneis solares foron gardados nun almacén e caeron no esquecemento. Trinta anos despois Christina Hemauer e Roman Keller seguen a pegada dos paneis solares e trazan a súa historia na viaxe que os leva de volta a Washington e Atlanta.
Let's talk about sex (James Houston, 2009) 77 min. Unha mirada aos adolescentes e a cultura do sexo en América, á luz dos problemas sanitarios arredor deste asunto.
Oykiagay, el poder del cielo (Diego Julio Ludueña, 2010) 30 min. Durante o Ano Internacional da Astronomía un grupo de astrónomos do Observatorio Astronómico de Córdoba (Arxentina) percorren pobos e paraxes no Impenetrable Chaqueño e en Formosa, levando un telescopio itinerante. Nesta viaxe descobren novas interpretacións sobre o ceo e tamén sobre a Terra.
- Fundación Caixa Galicia
19:15 h. Lunch break. Sharon Lockhart, 2008. Vídeo HD. Por primeira vez na súa carreira move a cámara ao longo dun moi preciso corredor do asteleiro Bath Iron Works en Maine durante a parada para o almorzo, mentres os obreiros se sentan para comer e falar.
- Fundación Luís Seoane
20:00 h. Tres semanas después (José Luis Torres Leiva, 2010). Tres semanas después é unha meditación visual sobre a paisaxe despois dunha catástrofe. Gravada durante oito días na zona máis afectada polo sismo de febreiro de 2010 en Chile, narra unha viaxe que subxectivamente cruza todas as imaxes e sons vividos durante ese período. Este documental forma parte do proxecto 8,8 do artista chileno Fernando Prats. Twist of fate (Karen Aqua, 2009). Esta curtametraxe experimental de animación explora a transformadora experiencia de ser diagnosticado cunha enfermidade que pon en perigo a vida. Esta peza expresionista captura impresións derivadas desta experiencia: convulsión, incerteza, a sensación de intromisión física, a perda de control. Ao explorar esta paisaxe física e emocional, o filme visualiza un mundo interno dentro do corpo, imaxinado a nivel celular. Heliocentric (Semiconductor, 2010) (85 min). Heliocentric emprega a fotografía time lapse e técnicas de seguimento astronómico para trazar a traxectoria do Sol a través dunha serie de paisaxes.
- CGAI
18:00 h. Chaiqian. J. P. Sniadecki, 2008. Subtítulos en galego. Retrato do espazo urbano e as condicións laborais dos traballadores emigrantes en Chengdu (provincia de Suichuan, China). Desde a observación de paisaxes en transformación á participación e interacción cun grupo de traballadores desprazados, unha análise das desigualdades da natureza transitoria da experiencia urbana.
21:00 h. Sweetgrass. Ilisa Barbash & Lucien Castaing-Taylor, 2009. Subtítulos en español. Elexía carente de sentimentalismo sobre o Oeste americano. Un longo traballo de documentación sobre os últimos vaqueiros dos nosos días, unha viaxe cos rabaños para pacer durante o verán cara ás fermosas e perigosas montañas Absaroka-Beartooth (Montana). Extrema na súa beleza e brutal na veracidade, preséntanos un mundo onde natureza e cultura, vulnerabilidade e violencia, se entrelazan intimamente. Presentada en Berlín, gañou o premio á mellor película no Play-Doc de Tui.