O Aquarium Finisterrae presenta a OceanoSfera
A
OceanoSfera é un proxector esférico dixital de máis de metro e medio de diámetro permitirá aos visitantes observar un espectáculo único, a simulación de fenómenos globais da Terra vistos dende o espazo. O novo sistema supón para o Aquarium un recurso de divulgación similar ao Planetario dixital para a Casa das Ciencias ou o Cinema 3D para a Domus.
Isto sitúa os Museos Científicos Coruñeses na vangarda tecnolóxica da oferta audiovisual científica en Europa. Esta presentación encaixa no desenvolvemento dunha das liñas actuación do Aquarium Finisterrae durante 2010, a de crear proxectos museográficos dirixidos á construción dunha colección de infraestruturas de contido educativo. A nova Charca da Caricias foi a primeira desas instalacións. Agora se presenta a OceanoSfera, un proxector dixital esférico para mostrar simulacións de fenómenos mariños, atmosféricos e oceanográficos a escala global. Precisamente pola dificultade que encerra a dimensión á que se producen os procesos que se queren contar, o proxector convértese nunha ferramenta eficaz que axudará á imaxinación dos visitantes para comprendelos. E será especialmente útil para ofrecer sesións didácticas aos grupos escolares. A OceanoSfera ocupa un espazo próximo á entrada da sala Maremagnum, acondicionado para as actividades que alí se desenvolverán. Dispón dunhas bancadas para acomodar ao público, e un sistema de iluminación e acústica que optimiza a calidade da proxección. A colección de infraestruturas museográficas completarase cun espazo no vestíbulo da planta inferior do Aquarium e que acollerá unha especie de aula dixital, actualmente en construcción.
O software do sistema inclúe un conxunto de fotos e vídeos preparados para a simulación de fenómenos globais da Terra vistos dende o espazo. Permite ademais realizar rotacións e inclinacións da esfera terrestre para visualizar, por exemplo, os casquetes polares dende un ángulo insual. É unha forma diferente de explicar estas cuestións, tradicionalmente representadas en pantallas planas. A instalación complétase cun atril interactivo cunha pantalla táctil que permite aos visitantes seleccionar o contido a proxectar, podendo elixir o idioma entre tres, galego, castelán ou inglés. Un primeiro nivel de selección na pantalla táctil distingue entre dous grandes apartados: Terra e Océanos. Dentro deles, inclúense dous programas "Blue Planet", que presenta cuestións como as correntes mariñas ou a distribución de auga salgada e doce na Terra, e "Frozen", un audiovisual que fala sobre o efecto regulador do xeo dos polos sobre a temperatura do planeta. Ademais, o proxector ofrece outros recursos para dar charlas e talleres, de especial interese para os grupos escolares. Así, pódese acceder a contidos didácticos sobre o cambio climático, visualizando os efectos do aumento do nivel do mar ou o desxeo dos polos, aproximarse aos métodos de exploración dos océanos, mediante a observación da distribución das boias coas que se obteñen datos, coñecer a dinámica do fenómeno de El Niño e La Niña, as estacións meteorolóxicas e a formación de nubes, ou a erosión das liñas de costa, entre moitos outros. Os contidos divulgativos da OceanoSfera están realizados con datos e imaxes procedentes de axencias internacionais de investigación oceanográfica (NOAA, NASA). E ofrece a posibilidade de incorporar programas propios. Así, proximamente o Aquarium Finisterrae presentará un programa sobre o tema da sobrepesca, un material derivado da campaña europea "Elixe o peixe correcto", liderada na España polo Aquarium. A OceanoSfera consta dunha esfera de proxección de 60 polgadas, 152 cm. de diámetro. Ademais ten un sistema de proxección dixital de alta definición instalado no seu interior, formado por dous proxectores de 7.000 lumens cada un, o que proporciona unha imaxe esférica cunha resolución de 1280P.














