Comeza a inscrición nos Campamentos de Nadal no Fórum
O mércores 15 de decembro comeza a inscrición para os campamentos de Nadal organizados polo Fórum Metropolitano, adicados este ano aos inventos e inventor@s. Terán lugar os días 27, 28, 29 e 30 de decembro de 2010 e 3, 4, 5 e 7 de xaneiro do 2011, e están dirixidos a nenos e nenas nacidos/as antes do 2006 (escolarizados), de 4 a 12 anos. Moitos dos grandes inventos da historia non teñen un nome asociado a eles, como por exemplo a roda, pero hai outros moitos que si. Unha chea deles son marabillosos: un lapis, o pan, a imprenta, a electricidade, o coche, o móbil, a televisión/cine, as lavadoras, os avións, etc. En fin, estamos rodeados a diario de marabillas e, as que nos quedan por descubrir! Cos valores dos personaxes e a través da creatividade dos nenos e nenas en forma de experiencias prácticas e con actividades moi variadas: motrices, lectoras, teatrais,... disfrutaremos destes días. A inscrición farase até cubrir as prazas por rigorosa orde de solicitude, 50% en horario de mañá e 50 % en horario de tarde. A cota é de 24 euros por participante. Máis información no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, s/n. Tlf. 981-184293).














