Palexco: XIX Salón do Anticuario da Coruña
Do
mércores 15 ao domingo 19
Sala Municipal de Exposicións de Palexco
De 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30, todos os días
Entrada libre.
Organizado pola Asociación Galega de Anticuarios, este ano como novidade, a mostra acollerá un "Espazo Xuvenil", sección no que os máis novos poderán descubrir e adquirir obras de grande interese e beleza a un prezo asumible. Este espazo incluirá pezas seleccionadas polos expositores do Salón co fin de poñer de manifesto que o gusto polas antigüidades non implica necesariamente prezos desorbitados. Con esta aposta, o certame busca fomentar o coleccionismo na xente nova e achegar as artes decorativas a todo tipo de público. En liñas xerais, a oferta clave do certame, no campo da decoración, céntrase no mobiliario en toda a súa riqueza e diversidade histórica. Dende o moble clásico español (S. XVII e posteriores) ata pezas que conseguiron perdurar no tempo e converterse en iconas do deseño como o moble francés, inglés, sueco do século XVIII. A isto súmase mobiliario do XIX xunto con pezas Art Nouveau e Art Deco. No capítulo das artes decorativas, o visitante poderá atopar unha ampla variedade de pezas de todas as técnicas, dende bronces ata cerámicas Sargadelos, compañía de indias; pasando por obxectos de pratería, luxosas vaixelas, cristalerías, esmaltes, e porcelanas de gran valor histórico e artístico. Ademais, a mostra presentará unha gran diversidade de elementos que poden incorporarse en proxectos decorativos, clásicos ou modernos, como columnas, chemineas, fontes ou accesorios como candelabros, lámpadas, marcos ou espellos que poderán atoparse nas diferentes casetas. Tamén se poden adquirir exquisitas xoias, reloxos e a máis ampla variedade de utensilios náuticos do últimos tres séculos.














