Domus: conferencia-coloquio “A expedición MALASPINA 2010: a exploración do océano global”
Luns
20
Domus (Rúa Santa Teresa, 1)
20:00
Entrada libre até completar capacidade.
Na sala Leonardo da Vinci da Domus terá lugar a conferencia-coloquio titulada "A expedición MALASPINA 2010: a exploración do océano global", impartida por Antonio Bode, Marta Varela e Marta Álvarez, Investigadores Titulares do Centro Oceanográfico da Coruña do Instituto Español de Oceanografía, e participantes na expedición. A expedición MALASPINA 2010 é unha circunnavegación do océano global co obxectivo de explorar a biodiversidade aínda descoñecida e analizar os efectos do cambio climático. Trátase dun esforzo extraordinario e multidisciplinar da comunidade científica española que rende homenaxe á viaxe que Alejandro Malaspina, ao mando de dous navíos da Armada Española, emprendeu en 1789. Nesta ocasión empregaranse os buques de investigación oceanográfica Hespérides e Sarmiento de Gamboa que realizarán máis de 40.000 millas náuticas percorrendo os océanos Atlántico, Índico e Pacífico entre decembro de 2010 e xullo de 2011. Nesta conferencia farase un percorrido dende a perspectiva histórica da expedición orixinal do s. XVIII ata os máis avanzados obxectivos e tecnoloxía que se empregará na expedición actual. Destacarase especialmente a relación de ambas as dúas expedicións coa Coruña, cidade na que Alejandro Malaspina estivo recluído ao final da súa expedición pero tamén onde está un dos principais centros de investigación do Instituto Español de Oceanografía que participan no proxecto actual. Para máis información pódese visitar a páxina web do proxecto MALASPINA 2010. Esta conferencia está organizada polo Centro Oceanográfico da Coruña do Instituto Español de Oceanografía, en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses.














