Domus: exposición fotográfica “Éufrates: un río de historias”
Desde
o martes 21 de decembro ao sábado 29 de xaneiro
Domus (Rúa Santa Teresa, 1)
De luns a domingo de 10:00 a 19:00 h. Pechado o 25 de decembro, o 1 de xaneiro e o 6 de xaneiro.
O obxectivo desta exposición fotográfica é dar a coñecer o Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio (PAMES) da Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña. Pretende mostrar unha pequena parte do traballo que este equipo sirio-español desenvolve nun proxecto de investigación na arqueoloxía máis antiga de Siria, a través dunha selección de imaxes que mostran o traballo de campo destes profesionais entre os anos 2005 e 2009. Visualizar a beleza dunha imaxe, o traballo dun grupo de investigadores que aman o que fan e ao mesmo tempo a maxia do país sirio son algunhas das sensacións que o espectador captará dende un primeiro momento. O PAMES é unha iniciativa científica de grande interese para o estudo das diferentes civilizacións que habitaron o Próximo Oriente dende finais do IV milenio a.C Encádrase pois na Orientalística antiga, unha disciplina apenas desenvolvida no ámbito dos estudos humanísticos no noso país. O obxectivo principal do PAMES é, polo tanto, o motivo do seu nacemento é examinar unha zona situada na Siria actual, denominada polos especialistas da antigüidade próximo-oriental, a conca sirio-mesopotámica. A área elixida para a investigación é un sector do val do río Éufrates duns 60 km de lonxitude, na provincia de Deir ez-Zor. Nesta zona englóbanse varias liñas de estudo:
- A fronteira setentrional do reino Mari.
- Os albores da historia (primeiras cidades e primeiros textos conservados)
- As canles de navegación, primeiros viaxeiros e exploradores europeos (s. XIX e XX)
- A política expansionista dos asirios (s. XIV-VII a.C)
- O limes oriental do Imperio Romano (s. VII d.C)
- As primeiras sociedades agropecuarias (VIII milenio a.C)
Unha multiplicidade de liñas de actuación, algunhas aínda en estado embrionario, converten o PAMES nun macroproxecto de gran potencial científico no campo da Prehistoria e fundamentalmente da Historia Antiga do Próximo Oriente.
O proxecto PAMES será ademais obxecto dunha intervención a principios de 2011 na Domus encadrada nunha nova liña de actuación en colaboración coa Universidade da Coruña, a Galería UDC. As salas de exposicións dos Museos Científicos Coruñeses abrirán espazos dedicados á presentación de proxectos de investigación desenvolvidos na Universidade da Coruña. Ademais da Galería UDC na Domus, dedicada ao proxecto PAMES, está previsto abrir outra na sala Humboldt do Aquarium.














