Do
venres 28 de xaneiro ao domingo 20 de marzo
Kiosko Alfonso
De luns a domingo: de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 h.
Entrada libre até completar capacidade.
"Abreverba" é a primeira exposición promovida conxuntamente polas Concellarías de Cultura de Vigo e A Coruña e comisariada por David Barro, na que se integran artistas de ambas cidades: Bosco Caride (Vigo, 1963), Almudena Fernández Fariña (Vigo, 1970), Xurxo Gómez-Chao (A Coruña, 1960) e Tatiana Medal (A Coruña, 1971). "Abreveverba" é unha mostra que parte da idea de facer un obrigado exercicio de unión e anamnese que permita lembrar algúns dos nomes cos que se constrúe a historia máis recente da arte galega. Son artistas, todos eles, que superan a barreira considerada como arte nova e que, sen lugar a dúbidas, conservan unha actitude fresca que non deixa de achegar novos camiños niso que se deu en chamar arte contemporánea, e que neste caso crean lazos a partir dunha idea de pintura híbrida e posta en relación con outros contextos. A exposición estivo na Casa das Artes de Vigo entre o 17 de decembro e o 23 de xaneiro, e posteriormente será inaugurada no Kiosko Alfonso da Coruña o 28 de xaneiro ás 20:00 horas.
Con respecto á exposición, a idea de titular cun palíndromo (abreveverba) ten que ver con esa vontade de comprender que na arte contemporánea a lectura dunha traxectoria ten que ser, necesariamente, de ida e volta e varias veces. Palíndromo, do grego palin dromein, significa volver ir cara a atrás. E esa necesidade á hora de entender este encargo tamén de ida e volta, con dobres exposicións que reúnen a estes catro artistas en Vigo e na Coruña, nace da experiencia de comprobar como as novas xeracións de críticos e comisarios descoñecen a arte máis recente para só conseguir construír unha historia a partir dos últimos nomes, das últimas urxencias. O palíndromo en galego, ‘abreveverba’, incide tamén na necesidade de subliñar unha serie de datos partindo de citas que nos permiten camiñar por cada unha das traxectorias lembrando as súas exposicións máis destacadas e o que delas e da obra destes artistas se ten dito no seu momento, e de aí que as imaxes se acompañen dunha biografía comentada. De aí que a intención sexa trazar un percorrido por entre as palabras e as imaxes, procurando atopar nos arquivos da memoria unha serie de frases que nos permitan saber a importancia de cada xesto, descubrir o breve verbo que nos desvele a súa ollada pictórica, a experiencia do tempo e do espazo.