6ª edición do Iberojazz 2011
Esta
sexta edición do Iberojazz 2011, que coincide co comezo da segunda década do século XXI, quere homenaxear a Irving Berlin: quen, sen chegar a ler música máis alá dun nivel elemental, conquistou coas súas composicións a sensibilidade da cultura norteamericana e occidental do século XX. Logo de estrear o "Alexander´s Ragtime Band", un tema que o catapultou á fama no ano 1911, pasou a formar parte do grupo editorial "Tin Pan Alley" da Gran Mazá. A partir desta composición, todo foi unha suma de éxitos para Irving Berlin nunha longa carreira artística. Esta composición honrou as primeiras bandas itinerantes da historia do Jazz, que hoxe cómpre lembrar. É a sexta edición dun festival que, como cada ano, pretende ofrecerlles aos cidadáns da Coruña e a todos os visitantes unha actividade musical con algo máis de tres décadas de actividade na nosa comunidade, que medra silenciosamente cun público cada día máis crítico e cun elenco artístico de alta calidade, dentro do ámbito autonómico, nacional, ibérico e internacional. A organización do Iberojazz toma como fío condutor a composición de Berlin e aposta nesta edición por unha programación relacionada directamente coa creación de novos proxectos musicais: no plano da composición, dos arranxos, da interpretación de temas inéditos, creados para ser estreados no marco do festival. Nestes proxectos participarán artistas noveis xunto a artistas de recoñecido prestixio nacional e internacional e a colaborarán diferentes institucións públicas e privadas de ámbito autonómico e internacional que apostan pola creación e polo apoio aos novos talentos do jazz e da música creativa. Esta edición ofrecerá seis actuacións en directo e dúas máster class concentradas en catro días que terán lugar no Teatro Rosalía de Castro, no Auditorio do Fórum Metropolitano, o Club Filloa Jazz e o Auditorio Andrés Gaos do Conservatorio Superior de Música (C.S.M.) da Coruña:
- Xoves 20. Fórum Metropolitano – 21:00 h. André Sarbib (piano) - Antonio Serrano (harmónica). Ofrecerán un espectáculo creado para o Iberojazz con novas composicións que se estrearán nesta sexta edición, na que tamén interpretarán temas do citado disco de Sarbib. Entrada: 7 euros (carné xove, maiores de 65 anos e desempregados: 5 euros).
- Xoves 20. Filloa Jazz - 22:30 h. Sesión dobre do Grupo Perkutone (José Antonio Rodríguez Outeda, Noli Torres e Vikas Triparti), proxecto que fusiona a través da percusión de parche, os estándares do jazz cos sons latinos e hindús; e o trío formado por José Manuel Rodríguez, Gustavo Hernán e o propio Noli Torres: unha arriscada e non menos interesante formación con temas propios. Ao final, terá lugar unha jam session a cargo dos dous grupos fusionados nos que se renderá homenaxe musical a Irving Berlin. Entradas: 5 euros.
- Venres 21. Fórum Metropolitano - 21:00 h. Chema Sáiz (guitarra) - Israel Sandoval (guitarra), dúo que porá a súa creatividade dentro do marco da improvisación e da interpretación de música propia e estándares de diferentes procedencias culturais, con referencia especial á música norteamericana e española. Entrada: 7 euros (carné xove, maiores de 65 anos e desempregados: 5 euros).
- Venres 21. Filloa Jazz - 22:30 h. Gabriel Peso trío, formado por Gabriel Peso (piano), Gustavo Hernán (contrabaixo), Borja García (batería). Presentarán material de composición propia e temas do repertorio de jazz, desde unha perspectiva histórica, evolutiva e sen esquecer a figura de Irving Berlin. Entradas: 5 euros.
- Martes 25. Auditorio Andrés Gaos do Conservatorio Superior de Música - De 10:00 a 14:00 h. Clase maxistral a cargo de Antonio Solimene: "Composición motívica".
- Martes 25. Fórum Metropolitano - De 10:00 a 14:00 h. Clase maxistral a cargo de Rosario Giuliani: "Saxo e Improvisación".
Ambos cursos están abertos a todo o mundo e a inscripción pode facerse no propio Conservatorio Superior de Música da Coruña. Entregaranse diplomas acreditados polo Conservatorio e asinados polos profesores italianos.
- Mércores 26. Teatro Rosalía de Castro - 21:00 h. Presentación do proxecto orixinal "Galitalia Jazz Meeting", que une a riqueza e madurez do jazz italiano coa frescura do jazz das novas xeracións galegas, encargado pola organización do Iberojazz ao Departamento de Jazz do Conservatorio Superior de Música da Coruña e á Saint Louis College of Music de Roma: un encontro musical de creación propia que servirá para celebrar a primeira licenciatura de Jazz de Galicia. Actuará a Big Band do C. S. M. da Coruña con Rosario Giuliani como artista invitado. Kin García e Antonio Solimene dirixirán a banda. O concerto será gravado en directo para realizar posteriormente un DVD. Entrada: 7 euros (carné xove, maiores de 65 anos e desempregados: 5 euros).
Aquí pode descargarse o programa completo: Iberojazz 2011.














