Catálogo de Cartografías quebradas, Outonarte#2010
Xa
está disponible o catálogo de "Cartografías quebradas, Outonarte#2010", co que se busca dar visibilidade a obra dos artistas emerxentes que nesta edición incluiu nomes como Fruela Alonso, Alejandro Castro "Nano", Arturo Fuentes, Christian García Bello, Borxa Guerrero, Sofía Grandío Barrio, María Marticorena, Holga Méndez, OQO Filmes (Editora e Produtora Audiovisual), Martín Pena, Andrés Pinal, Pisando Ovos (Rut Balbis) Compañía de Danza Contemporánea, Damián Ucieda, e Mar Vicente. Baixo o título "Cartografías quebradas", esta edición de Outonarte ofreceu un itinerario expositivo por propostas de actualidade das artes visuais en Galicia, ao través dunha xeira de xoves artistas que traballan con diferentes contidos, linguaxes e soportes técnicos: pintura, fotografía, vídeo, cortos de animación en stop-motion, instalacións, performances e rexistros de accións, intervencións no espazo público, danza contemporánea, etc., acompañados dun programa de actividades paralelas -desenvoltos ao longo do mes de outubro e a primeira semana de novembro-, entre as que se inclúen proxeccións, obradoiros, charlas, videolecturas e accións poéticas, presentación do catálogo da exposición, e outras iniciativas. Faros, vistas áereas de cidades, paisaxes enredadas en terra de ninguén, labirintos, ambientes sonoros e proxeccións orgánicas, estruturas cromáticas e lumínicas, pinturas murais, intervencións na escenografía urbana, mapeados e inventarios da cidade, restitucións e desprazamentos de estatuaria pública e relectura monumental, animacións de contos e relatos de diversas tradicións, épocas e culturas, pezas de danza contemporánea, e outras fabulacións... todo un convite á cidadanía para o coñecemento e disfrute da arte actual en Galicia.
O catálogo servirá para dar a coñecer a obra destes artistas ademais de servir de ferramenta de traballo para a propia Concellaría. A publicación estará nas distintas bibliotecas da cidade a disposición da cidadanía e todos aqueles interesados en conseguir un exemplar poden solicitalo poñéndose en contacto coa Concellaría de Cultura.














