Os Museos Científicos Coruñeses celebran o Día Darwin coa presentación de MisterDarwin.eu, a súa primeira exposición web online
Os Museos
Científicos Coruñeses celebran o Día Darwin, 12 de febreiro, coa presentación dunha páxina web específica sobre o célebre científico e a súa teoría da evolución, MisterDarwin.eu.
MisterDarwin.eu é unha web interactiva, participativa e multilingüe (galego, castelán e inglés), nacida para complementar a exposición "O asombro de Mr. Darwin". Pero máis que un mero complemento, é un producto divulgativo autónomo que terá valor por si mesmo, incluso unha vez que a exposición teña rematado, xa que está pensada para ofrecer novos recursos didácticos a públicos de todo o mundo.
O núcleo de MisterDarwin.eu é unha colección de interactivos online, unha viaxe pola vida e obra do naturalista inglés na que o visitante ten un papel moi activo. Ademais, a web ofrece un espazo sobre a Exposición fisica, con información práctica e un percorrido visual (vídeos e fotos). A terceira sección, Extras, é unha mediateca que agrupa recursos multimedia sobre a exposición e o seu tema: vídeos, publicacións, artigos, audios de conferencias, etc.
Así, a web permite revisitar a exposición e consultar ao detalle multitude de recursos sobre a evolución, ademais de comentar e opinar sobre os contidos, ou difundilos nas redes sociais. Fíxose un gran esforzo técnico para conseguir unha experiencia de uso rica e intuitiva, un deseño atractivo e unha compatibilidade con novos dispositivos móviles, como o iPad.
Os Museos Científicos Coruñeses aspiran con propostas xenuinas coma esta a ser referencia na rede. Iso enmárcase na aposta polos contidos dixitais, que axudan a difundir a ciencia e facelo dun xeito áxil e versátil. Neste camiño están tamén outros productos dos MC2 como a Wikiteca, salas con tecnoloxía dixital nos tres museos, como a que se presentará en breve no Aquarium Finisterrae, ou a creación da modalidade de traballos online dentro dos premios Prismas á Divulgación 2011.
LEVAR O MUSEO Á REDE
Con esta web afróntase o reto de levar o museo a Internet, de aproveitar mellor as enormes posibilidades dese medio para a divulgación da ciencia, co obxectivo de facer páxinas web que sexan os equivalentes online dos módulos das salas de exposicións dos MC2. Para construir MisterDarwin.eu partíuse da idea de levar á web os módulos interactivos, corazón destes museos: un elemento para xogar, explorar, espertar a curiosidade, facerse preguntas e empezar a buscar as respostas. Outro dos pasos foi buscar aos visitantes a donde están curioseando en Internet: en lugares como YouTube e Facebook, e usar redes sociais e servizos Web 2.0 como base para crear experiencias interactivas, que conecten ideas e persoas. Así, levouse á web o módulo viaxe de Darwin no Beagle. Se na exposición hai un xigantesco globo terráqueo acompañado de información nunha pantalla táctil, na páxina web hai un interactivo dixital baseado en Google Maps. Do mesmo xeito, o panel da exposición sobre os principais avances na teoría da evolución nos últimos 150 anos convírtese na web nunha liña temporal interactiva que conecta a vida de Darwin con outros avances científicos e con fitos históricos ou culturais. A idea é que o traballo realizado con esta páxina web sirva como plataforma común con outros museos para aplicala a outras exposicións, o que coloca aos Museos Científicos Coruñeses nunha posición de excelencia.














