O luns 14 de marzo ábrese o prazo de inscrición das Merendas no Aquarium
As
Merendas do Aquarium do terceiro trimestre estarán dedicadas neste último tramo do curso á realización de receitas de cociña con peixe recomendado pola campaña europea "Elixe o peixe correcto", liderada en España polo Aquarium Finisterrae. Da man de cociñeiras especializadas en actividades educativas, os participantes realizarán unha pizza de xarda. Preparán a masa, engadirán ingredientes frescos, enfornarana e despois farán unha degustación. E finalizarán, como é habitual nesta actividade, coa merenda de chocolate con churros. As Merendas no Aquarium están pensadas para nenos e nenas de entre 4 e 13 anos, e se celebran todos os sábados do curso escolar ás 17:00 horas. Para participar nas Merendas é necesario reservar praza chamando ao teléfono 981-189842 desde o luns 14 de marzo. Cada neno debe aboar unha entrada reducida (4 euros) e recibe un convite para merendar. Ademais, pode invitar a un adulto, que ten entrada gratuíta ao acuario. A actividade é completamente gratuíta para os nenos socios da Asociación de Amigos de la Casa de las Ciencias e para os titulares da Tarxeta Vinte.














