Galería Sargadelos: “Os retos da era dixital”, dentro das Tertulias AGPI
Mércores
16
Galería Sargadelos (Rúa Real, 56)
19:30
Entrada libre até completar capacidade.
A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración prosegue o seu ciclo "Tertulias AGPI" co acto titulado "Os retos da era dixital: como afrontar os novos tempos no mundo da ilustración", que contará como convidado especial con Henrique Torreiro (Ourense, 1972), xerente da FADIP (Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales) e coordinador do Observatorio da Ilustración Gráfica. A irrupción dos medios dixitais, e nomeadamente da internet, ten suposto un cambio radical na sociedade, e tamén no exercicio profesional da ilustración. Ao lado das múltiples vantaxes que trae consigo, os novos tempos teñen tamén algúns riscos aos que é importante prestar atención. Coincidindo coa recente publicación do informe do Observatorio "Los retos de la era digital", falarase nesta ocasión de todas as novas situacións que se están a dar na relación dos lustradores coas editoriais, os medios de comunicación e as demais industrias con que colaboran. Para abrir o coloquio, falará Henrique Torreiro, coordinador dos traballos do Observatorio. Este faladoiro conta coa colaboración da Galería Sargadelos da Coruña e co patrocinio da Concellaría de Cultura. A AGPI desenvolve o seu programa "Tertulias AGPI" de forma periódica en diferentes localidades da xeografía galega, co fin de dar a coñecer a profesión de ilustrador á sociedade e, ao mesmo tempo, fomentar a relación e intercambio de información e coñecemento entre os ilustradores.














