Teatro Rosalía: Gala dos premios María Casares

Mércores 23
Teatro Rosalía de Castro
20:30
Entrada libre até completar capacidade.

Nova edición da gran festa do teatro galego, na que se darán a coñecer os gañadores nas trece categorías a concurso, retransmitida pola TVG. Previamente terá lugar un espectáculo de variedades do estraño circo do "Doutor Crisé", converténdose no fío condutor da Gala de entrega dos XV Premios de Teatro "María Casares". A temática escollida para o espectáculo pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) consistirá, segundo Carlos Sante, nun espectáculo inspirado nas feiras e circos que percorrían o mundo amosando artistas e monstros da natureza na mesma carpa. Tamén hai referencias a filmes como 'A parada dos Monstros' de Tod Browning ou 'O noviño Frankestein' de Mel Brooks. Ritmo de espectáculo terrorífico… bailarinas zombis, cómicos excéntricos, trapecistas vampiros, cabareteiras siamesas e números sorpresa…". Esta proposta, que partiu de Willy Éter e Carlos Sante, foi a escollida nun concurso de propostas para esta gala, que é a gran festa anual do teatro galego. A dirección conxunta do espectáculo corre a cargo de Carlos Sante e de Juanillo Esteban. A dirección musical será de Gastón Rodríguez; a idea orixinal e guión, de Willy Éter; Suso Montero é o autor da imaxe gráfica da gala así como do deseño da escenografía e vestiario; produción executiva e coordinación xeral de Marta Horjales. Gonçalo Guerreiro (caracterizado como o Doutor Crisé) será o presentador acompañado por Pedro Brandariz (como o seu axudante Casemorro). No elenco tamén haberá bailarinas (Nuria Sotelo e Ángela Blanco), actrices (Sue Moreno, Yolanda Paz, Vanessa Maceiras e Irene Liaño), trapecistas (Girisho Gordon e Raquel Veganzones) acróbatas (Fredi Muiño e Pablo Reboleiro); monologuista (Juanillo Esteban); e clown (Johnny Melville). Os músicos da cerimonia serán: Gastón Rodríguez, Fernando Lamas, Ricardo Marcos Casás e Juan Tinaquero.
Os Premios de Teatro María Casares contan con 13 categorías: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación- tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo. Este ano 11 espectáculos, dos 37 que se presentaban acadaron algún posto de finalista. A eles hai que sumar o Premio de Honra Marisa Soto, que neste 2011 recae no actor, autor e director Xan Cejudo. Con este galardón, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia quere recoñecer a longa traxectoria e a singular contribución de Xan Cejudo á profesionalización do teatro en Galicia. Os XV Premios María Casares contan coa colaboración, entre outros, de AGADIC, Concello da Coruña, Fundacion AISGE, Novacaixagalicia, GADISA , Concello de Ames, Cadena Ser e TVG.
Desde a Concellaría de Cultura animamos a todo a cidadanía a disfrutar do espectáculo e de toda a Gala.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Leave a comment

Cannot get file list: '/var/www/mapa/wp-content/plugins/SK2/sk2_plugins/' is not a valid folder path