A
exposición "World Press Photo 2011" recolle as fotos gañadoras do concurso, que por terceiro ano consecutivo se estrea no Aquarium coruñés, e estará aberta do xoves 28 de abril ao xoves 26 de maio de 2011. Trátase da exposición das mellores fotografías realizadas por fotoxornalistas de todo o mundo. Son as imaxes premiadas no maior e máis prestixioso concurso de fotografía de prensa, World Press Photo.
A fotografía gañadora desta edición é unha instantánea de Jodi Bieber que mostra a unha muller de 18 anos, Aisha Bibi, da provincia de Oruzgan, en Afganistán, que fuxiu da casa do seu marido á casa da súa familia, queixándose do trato violento recibido. Os talibáns chegaron unha noite, esixindo que Bibi fose axustizada. Pouco despois, un comandante talibán pronunciou o seu veredicto, e mentres o seu cuñado a agarraba, o marido cortoulle as orellas e o nariz. Aisha foi abandonada, pero máis tarde foi rescatada por cooperantes e militares estadounidenses. Despois dun tempo nun refuxio para mulleres en Kabul, foi levada a Estados Unidos, onde foi tratada das súas feridas e sometida a cirurxía reconstructiva. Aisha Bibi vive hoxe nos EUA. Jodi Bieber xa gañou oito premios World Press Photo e é o segundo fotógrafo sudafricano en gañar o máximo galardón no concurso. Segundo un membro do Xurado, Ruth Eichhorn, "É unha imaxe incriblemente forte. Traslada ao mundo unha mensaxe dunha potencia enorme, ao redor do 50% da poboación son mulleres, moitas das cales viven aínda en condicións de miseria, sufrindo violencia. É forte porque a muller parece tan dignificada, icónica". Pola súa banda, o xurado Aidan Sullivan dixo: "Parte do que o concurso World Press Photo fai é levar fotos a unha audiencia máis ampla, unha audiencia que se pregunta Por que? E esta foto provoca que a xente se pregunte: Como é posible…?, Que está pasando…? Para min esta era a foto que provocaba as preguntas máis importantes."
Entre a lista de gañadores desta edición figuran tamén tres fotoperiodistas españois: Gustavo Cuevas, de axencia Efe, por unha foto do collida do matador Julio Aparicio na Praza das Ventas o pasado 21 de maio e os freelance Fernando Moleres, por unha foto de mozos presos nun cárcere de Serra Leona, e Guillem Val, por un retrato dun home dinka fronte á súa casa en Sudán do Sur.
O xurado concedeu premios en nove categorías temáticas a 55 fotógrafos de Australia, Bangla Desh, Brasil, Canadá, China, Dinamarca, Francia, Alemaña, Haití, Hong Kong, Hungría, India, Indonesia, Irlanda, Israel, Italia, México, Países Baixos, Polonia, Somalia, Sudáfrica, España e Estados Unidos.
Este ano alcanzouse un récord de participación, con 108.059 imaxes presentadas a concurso, realizadas por 5.847 fotógrafos de 125 nacionalidades diferentes.