Exposición “Cabanas para pensar”, na Fundación Luís Seoane
Do
venres 1 de abril ao domingo 10 de xullo
Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, s/n.)
Martes a sábado de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h.
Domingos de 11:00 a 14:00 h. Luns pechado.
Entrada libre.
A relación dos escritores, filósofos e artistas cos seus espazos de creación sempre fascinou aos estudosos da literatura e a estética, sobre todo se temos en conta que o lugar onde se escribe unha obra influe significativamente no ritmo, a estrutura e o contido da mesma. Partindo desta base nace a exposición "Cabanas para pensar", un proxecto de Eduardo Outeiro comisariado por Alfredo Olmedo e Alberto Ruiz de Samaniego. A través das cabanas de once creadores fundamentais da modernidade, desenvólvese unha investigación que afonda e pon de manifesto a importancia da organización do espazo de pensamento no acto de creación. Neste caso, o contorno en cuestión escollido por todos eles redúcese (en apariencia somente) á mínima expresión arquitectónica, inmersa na maioría dos casos nunha natureza, ás veces exhuberante, outras agreste e minimalista. A exposición plantexa un estudo da relación existente entre a intimidade escollida conscientemente e o proceso creativo por parte dos filósofos Ludwig Wittgenstein e Martin Heidegger, os compositores Edvard Grieg e Gustav Mahler, o dramaturgo August Strindberg, os escritores Knut Hamsun, George Bernard Shaw e Virginia Woolf, o poeta Dylan Thomas, o cineasta Derek Jarman, e, por último, o explorador e escritor Thomas Edward Lawrence, máis coñecido como Lawrence de Arabia.














