Palacio Municipal: exposición “Desembarco dos 80. Cando A Coruña foi posmoderna (Homenaxe a Lois Pereiro)”
Do martes 19 de abril ao martes 17 de maio
Sala de Exposicións do Palacio Municipal
De luns a domingo: de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 h.
Entrada libre até completar capacidade.
A exposición "Desembarco dos 80. Cando A Coruña foi postmoderna (Homenaxe a Lois Pereiro)", comisariada por Xosé Manuel Pereiro, recolle obxectos e imaxes do arranque da modernidade en Coruña, desde os discos dos nosos grupos, as diferentes revistas e fanzines (e algún dos foráneos e que máis influíron), diferentes imaxes das accións culturais máis destacadas, xunto as videocreacións que daquella constituían unha arte emerxente, sen esquecer os principais grupos de artistas plásticos e literarios. Un capítulo especial está dedicado a Lois Pereiro, protagonista destacado desta eclosión. A exposición é unha mostra de orixinais que se articula en oito espazos: "Marea de modernidade"; "Todo naceu cos Ramones"; "Novos tempos, novos templos"; "A banda sonora do futuro"; "VHS"; "Cadernos de Bitácora"; "A Coruña Faro da posmodernidade" e "Lois Pereiro". Con esta mostra quérese recordar unha época de grande trascendencia cultural, que tivo un grande eco nos medios, e que estivera marcada pola gran participación dende a rúa, rompendo cos tradicionais itinerarios da produción e presentación. A grande renovación cultural en toda España tivo na nosa cidade un dos epicentros, como se quere plasmar na exposición.
Deixamos a disposición da cidadanía o seu catálogo: Desembarco dos 80. Cando A Coruña foi posmoderna.














