Ciclo Poetas Di(n)versos: recital de Ana Romaní e Carlos Marzal
Luns
23
Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo)
20:30
Entrada libre até completar capacidade.
O Ciclo Poetas Di(n)versos, baixo a dirección de Yolanda Castaño, organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña interrompe a súa actividade durante os meses estivais celebrando este luns 23 de maio o último dos seus recitais poéticos, dirixido a todos aqueles que queiran achegarse a escoitar poesía galega e non galega de balde. O broche de ouro desta programación poética mensual estable poñerano dous poetas nacidos nos primeiros anos 60:
- Ana Romaní naceu en Noia en 1962. Escritora e xornalista, dende 1990 dirixe o programa "Diario Cultural" da Radio Galega, unha completa e puntual axenda cultural diaria con máis de 20 anos de traxectoria, recoñecido xa con diversos galardóns. É autora dos poemarios "Palabra de Mar" (1987), "Das últimas mareas" (1994), "Arden" (1998), "Love me tender. 24 Pezas mínimas para unha caixa de música" (2005) e o aínda recente "Estremas" (2010), co que conseguiu o Premio AELG 2011 de poesía. A súa obra está ademais recollida en diversos libros colectivos e antoloxías. Creou e participou en distintos proxectos artísticos interdisciplinares, entre eles "Son Delas" coordinado por Uxía Senlle, "O outro extremo do paraíso" e "Lob*s" (1998) con Antón Lopo, "Estalactitas" (2002) con Anxos Romeo e Lupe Gómez, "Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade" (2002) en solitario, e "A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos" (2003) con Anxo Quintela. Todos eles supoñían novas maneiras de achegar a palabra ao público a través da música ou da escena. Realizou a "Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos" (2003). Ademais, cooordina e promove o volume de relatos "Narradio. 56 historias no ar" (2003) do "Diario Cultural" da Radio Galega e o "Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico" organizado pola Radio Galega e o Centro Dramático Galego dende o ano 2006.
- Carlos Marzal naceu en 1961 en Valencia e licenciouse en Filoloxía Hispánica –sección de Literatura- pola universidade da mesma cidade. Ademais de poeta é narrador, ensaísta e tradutor. O seu primeiro libro de poemas foi "El último de la fiesta" (1987), logo virían "La vida de frontera" (1991) e "Los países nocturnos" (1996). A consagración chegaría da man de "Metales pesados" (2001) –Premio da Crítica Española e Premio Nacional de Poesía- seguidos máis tarde por "Fuera de mí" (2004) –galardoado co Premio Loewe de Poesía- e "Ánima mía" (2009). "El corazón perplejo" reunira a súa poesía en 2005. Do mesmo xeito, en 2002 e 2003 editáronse dúas antoloxías da súa obra poética: "Poesía a contratiempo (Poéticas y prosas)" e "Sin porqué ni a dónde". Coa súa primeira novela, "Los reinos de la casualidad" (2005) obtivo o Premio da Crítica Valenciana, o pasado ano publicou tamén un libro de relatos: "Los pobres desgraciados hijos de perra", e proximamente verá a luz un volume de aforismos, "La arquitectura del aire". Ademais, é autor de dous libros de ensaio, "El cuaderno del polizón (Apuntes sobre arte)" (2007) e "Los otros de uno mismo" (2009). Conta tamén cunha traxectoria como tradutor de autores de lingua catalá, tales como Enric Sòria, Pere Rovira, Miquel de Palol, Joan Vinyoli ou Màrius Torres, para varias editoriais de prestixio. Foi co-director da revista de literatura e touros "Quites" durante a súa primeira década de existencia, e hoxe é colaborador habitual de revistas literarias tanto como columnista ou crítico literario en diarios como ABC, Levante ou El Mundo.
Dende que botara a andar en outono de 2009, este ciclo achegou ao público coruñés e galego un total de 26 dos máis salientables poetas nas 5 literaturas da Península: castelán, catalán, éuscaro, galego e portugués. Os actos, que sempre superaron o centenar de asistentes, significaron un xeito directo de achegar a escrita contemporánea máis diversa e de calidade a un constatable público interesado na poesía. Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa Poetas Di(n)versos maio 2011.














