Mañá xoves, 26 de maio, remata a exposición ‘World Press Photo 2011′, no Aquarium Finisterrae
A
exposición "World Press Photo 2011", estreada no Aquarium Finisterreae o xoves 28 de abril, e que foi visitada por 23.005 persoas, remata mañá xoves, 26 de maio.
Trátase da exposición das mellores fotografías realizadas por fotoxornalistas de todo o mundo. Son as imaxes premiadas no maior e máis prestixioso concurso de fotografía de prensa, World Press Photo. A fotografía gañadora desta edición é unha instantánea de Jodi Bieber mostra a unha muller de 18 anos, Aisha Bibi, da provincia de Oruzgan, en Afganistán, que fuxiu da casa do seu marido á casa da súa familia, queixándose do trato violento recibido. Os talibáns chegaron unha noite, esixindo que Bibi fose axustizada. Pouco despois, un comandante talibán pronunciou o seu veredicto, e mentres o seu cuñado a agarraba, o marido cortoulle as orellas e o nariz. Aisha foi abandonada, pero máis tarde foi rescatada por cooperantes e militares estadounidenses. Despois dun tempo nun refuxio para mulleres en Kabul, foi levada a Estados Unidos, onde foi tratada das súas feridas e sometida a cirurxía reconstructiva. Aisha Bibi vive hoxe nos EUA. O xurado concedeu ademáis premios en nove categorías temáticas a 55 fotógrafos de Australia, Bangla Desh, Brasil, Canadá, China, Dinamarca, Francia, Alemaña, Haití, Hong Kong, Hungría, India, Indonesia, Irlanda, Israel, Italia, México, Países Baixos, Polonia, Somalia, Sudáfrica, España e Estados Unidos.














