“Xornadas do Cárcere”, do 8 ao 11 de xuño
A Plataforma Proxecto Cárcere convida
a participar das Xornadas de Portas Abertas no Antigo Cárcere Provincial da Coruña que terán lugar do mércores 8 ao sábado 11 de xuño. A inauguración das xornadas está prevista para o mércores 8 de xuño ás 18:30 horas.
Durante as xornadas realizaranse actividades sociais, culturais e da memoria organizadas por diversas persoas e colectivos da nosa cidade co fin de mostrar o grande potencial que ten este edificio, noutroras símbolo da represión, como espazo de encontro e liberdade dende onde a cidadanía podamos participar activamente na construción da nosa comunidade.
As xornadas son un paso máis nun proceso que comezou a finais do 2010 cando un grupo de aproximadamente 40 persoas e colectivos decidiu constituir a Plataforma Proxecto Cárcere e traballar conxuntamente cara á recuperación do antigo cárcere como centro sociocultural e da memoria. Por iso, alén de visibilizar in situ esta iniciativa enchendo o cárcere de actividades e persoas, e de promover o apoio e participación da sociedade coruñesa, pensan as xornadas como unha oportunidade de debater e reflexionar sobre a construción do proxecto xa cara a presentación futura dunha proposta firme e consensuada desde a participación e xestión cidadá. Con este fin haberá debates abertos á participación de todas as persoas e colectivos interesados en temas como: modelos de xestión e financiamento, titularidade do espazo, participación cidadá, construción de comunidade, creación e producción artistica, tecido asociativo da cidade, etc.
Alén da programación de actividades tamén se poderá visitar no mesmo cárcere de forma aberta durante os 4 días de xornadas a exposición LIBERDAD.É. Esta exposición é o resultado dun chamamento aberto para producir obras que explorasen o concepto de Liberdade como símbolo de ruptura co espazo que o cárcere ten representado historicamente no noso imaxinario. Nesta exposición participan por volta de 20 artistas con esculturas, videoarte, fotografía, pintura, instalacións, etc. A inauguración de LIBERDAD.É terá lugar o mércores 8 de xuño ás 19:15 h. despois da leitura do manifesto da "Plataforma Proxecto Cárcere".
Mércores 8:
19:00.- Inauguración das Xornadas: Lectura do manifesto Plataforma Proxecto Cárcere, acompañados do saxofonista Marcos Casás.
19:15.- Inauguración da exposición "Liberdad.é".
20:00.- Debate aberto: "Producción e xestión cultural".
21:30.- Obradoiro a cargo de Fredi Muíños do colectivo Manicómicos.
22:00.- Concerto de Manu Clavijo.
Actividade continua:
- Demostración e degustación: "Cociña solar e consumo responsábel". Juan Bello e Cooperativa Zocamiñoca.
- Mural participativo: "Cultura-Sociedade-Memoria". Plataforma Proxecto Cárcere.
Xoves 9:
19:00.- Debate aberto: "O movemento cidadán 15-M".
21:30.- Concerto de Álvaro Muras.
22:30.- "Cabaret As3": Carmen Cotelo, Noemí Miranda, Alba Fernández.
Venres 10:
16:50.- Feira de troco de obxectos. Rede Troco Coruña e Cooperativa Zocamiñoca.
17:00.- Charla-obradoiro: "Embarazo, maternidade e porteo respetuoso". Ser Doulas.
18:00.- Coloquio sobre feminismo e a lei da familia. Cafés Feministas.
19:00.- Debate aberto: "O futuro do cárcere. E ti que vas facer aquí?".
20:30.- Presentación mundial do Grupo Surrealista Galego.
20:30.- Performance: "Xénero Escea. Área de descanso". Compañía Gayo Pinheiro.
21:30.- Música: "Fados de Lisboa". Gonçalo Guerreiro.
22:00.- Danza: "Bótoche unha man?". Compañía Catro no metro.
Actividades continuas:
- "Da horta á mesa! Consumo consciente e responsabel". Cooperativa de Consumo Responsábel Zocamiñoca.
- Actividade participativa: Mural feminista. Colectivo Nomepisesofreghao.
Sábado 11:
11:30.- Concentración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña coa presenza de persoas que estiveron no cárcere por motivos políticos, lectura do manifesto "Nós tamén estamos indignados" e colocación de panel conmemorativo.
17:30.- Palestra: "Represión franquista e vivencias na cadea". Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica.
18:30.- Proxección do documental "O segredo da Frouxeira", coa presenza de Xosé Abad.
ACTIVIDADES PERMANENTES
- Recepción: Punto de información con dípticos, camisetas, chapas.
- Ordenador con web cam para "fichar ao público e participantes" (foto de frente e perfil).
- Paneis temáticos participativos onde a xente poda participar activamente no proceso.
- Espazo de proxeccións: Lugar onde se proxecten en bucle vídeos.
- Bar: Estará aberto durante todas as xornadas. Serviremos cañas, auga, refrescos e algún pincho.
- Radio: Cuac FM.
- Cobertura fotográfica: Ollo de vidro / Lomo colectivo.
CCCP from MrEIDANPELIS on Vimeo.














