O ceo de decembro

venres, 4 decembro 2009, 18:00 | Category : astronomía, ciencia
Tags : ,

Guia do Ceo Decembro 2009 blog
Mapa do ceo do mes de decembro: [descargar]

Váisenos o ano e os días xa son moi curtos. Non nos vén mal aos afeccionados á astronomía: son noites longas que permiten observacións pra­centeiras, mais iso si, frías en moitos casos.

O 21 de decembro, ás 17.47h UTC (18.47 hora local) prodúcese o solsticio de inverno e comeza esa estación. É o día máis curto do ano no hemisferio norte. Saturno e Marte son visíbeis en Leo durante a segunda parte da noite. Xúpiter segue á nosa vista a primeira hora da noite, mais comeza a despedirse.

Decembro é un bo mes para observar cons­telacións típicas do inverno, como Gemini, Orión ou Taurus, e outras tamén visíbeis noutras esta­cións pero que agora acadan unha altura elevada sobre o horizonte, como Auriga e Perseus. Esta zona do ceo é talvez a máis rica no que se refire a estrelas brillantes: Betelgeuse, Rigel, Alde­barán, Sirius, Procyon, Capella, Pollux, Castor... Non mentimos ao dicir que o ceo de inverno é impoñente.

Para rematar, non podemos esquecer que Decembro é o mes dunha das mellores chu­vias de meteoros do ano: as Xemínidas. Acon­tecen arredor do 14 de Decembro, pero poden
verse días antes e días despois. Nunca decep­cionan, ao se veren decenas de meteoros por
hora con facilidade.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O ceo de outubro

xoves, 15 outubro 2009, 9:00 | Category : astronomía, ciencia
Tags : ,

Guia do Ceo Outubro blog
Mapa do ceo do mes de outubro: [descargar]

Mercurio acada a súa máxima elongación leste o día 6 (17,9º). Dous días despois entra en conxunción con Saturno pouco antes do abrente; Venus estará tamén moi perto. O día 13 será Venus quen estea en conxunción con Saturno antes da saída do Sol. O día 7 e tamén antes do amencer a Lúa ocultará ás Pléiades, na constelación de Taurus. Xúpiter é visíbel na primeira parte da noite e Marte entra na constelación de Cáncer.

É un bo momento para buscar unha estrela moi brillante e próxima ao horizonte sur, Fomalhaut, en Piscis Austrinus. Pode servirnos de referencia para encontrala outro gran asterismo do ceo, o Gran Cadrado de Pegaso, parte da constelación do mesmo nome. Moi ao sur desta figura veremos Fomalhaut, que destaca nunha zona con poucas estrelas brillantes. Tamén ao sur de Pegasus están Pisces e Cetus, constelacións de estrelas de pouco brillo, pero facilmente observábeis en lugares escuros, os que sempre recomendamos para gozar do ceo. As estrelas máis brillantes de Cetus son Deneb Kaitos e Menkar, mais nesta constelación atópase ademais unha estrela curiosa e moi coñecida, Mira (a Marabillosa), prototipo de variábel pulsante de longo período e a primeira estrela recoñecida por ter variacións no seu brillo. O periodo de Mira (omicron Ceti) é de 332 días. Polo xeral, a magnitude de Mira oscila entre 3,5 e 9, mais presenta máximos e mínimos que poden ser moito máis intensos (ou moito máis febles) que estes valores medios. O seu gran rango de variación e o seu brillo fan que a observación de Mira sexa singularmente doada.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O ceo de setembro

luns, 7 setembro 2009, 19:00 | Category : astronomía, ciencia
Tags : ,

guia-do-ceo-setembro-2009-blogMapa do ceo do mes de setembro: [descargar]

Os días fanse claramente máis curtos e ao adiantarse a hora da posta de Sol aínda podemos gozar das constelacións típicas do momento central do verán, mentres aparecen as máis habituais do outono polo leste. O mes comeza cunha conxunción Xúpiter-Lúa, o 3 de setembro. Marte está en Gemini e cada vez resulta máis brillante na segunda metade da noite. O día 22 ás 21.19h UTC (23:19 hora local) entraremos no Outono no Hemisferio Norte. O Sol cruza o ecuador celeste e pasa polo tanto do hemisferio norte ao sur. Como dixeramos hai seis meses, en marzo, hoxe o Sol volverá saír exactamente polo leste e poñerase polo oeste.

É un bo momento para falar de Capricornus e Aquarius, dúas constelacións zodiacais que non destacan por nada en especial, pero que son unha boa referencia para ver a calidade do noso ceo: se o ceo é bo poderemos ver as estrelas que forman estas figuras.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A Estación Espacial Internacional, a simple vista desde A Coruña

luns, 7 setembro 2009, 17:00 | Category : astronomía
Tags :

iss-a-coruna
Picar sobre a imaxe para ampliala

Esta semana teremos varias oportunidades para ver a simple vista no ceo nocturno a Estación Espacial Internacional coma un puntiño luminoso que se despraza a gran velocidade. A táboa recolle información sobre o paso da ISS sobre A Coruña para os próximos dez días. Para consultar outras localizacións e datas, consulten a web Heavens Above

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O ceo de agosto

sábado, 8 agosto 2009, 13:00 | Category : astronomía, ciencia
Tags : ,

guia-do-ceo-agosto-2009-blog
Mapa do ceo do mes de agosto: [descargar]

Xúpiter entra en oposición o 14 de agosto, polo que será visíbel ao longo de toda a noite. O día 7 de agosto o planeta máis grande do sistema solar estará en conxunción coa Lúa, e once días despois será Venus quen entre en conxunción coa Lúa ao amencer. Mercurio será visíbel pola tardiña e terá a súa máxima elongación leste o 24 de agosto (27,1º).

Aínda que se ven durante gran parte do ano, nesta altura é cando máis destacan tres constelacións ben coñecidas polos afeccionados: Cygnus, Lyra e Aquila, coas súas estrelas máis brillantes Deneb, Vega e Altair. Estas estrelas forman o chamado “Triángulo do Verán”, un asterismo moi famoso. Vega é unha das estrelas máis brillantes do noso ceo e non está demasiado lonxe, pois fica a só 26 anos luz do Sol. Deneb porén é unha estrela bastante afastada de nós, pero aínda así o seu brillo é moi intenso. Deneb significa “cola” e de feito representa a cola de Cygnus (o Cisne).

A máis famosa chuvia de estrelas do ano, a das Perseidas, ocupará a atención dos afeccionados as noites do 11 e 12 de agosto, que é cando se prevé o seu máximo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O ceo de xullo

martes, 14 xullo 2009, 17:00 | Category : astronomía, ciencia
Tags : ,

guia-do-ceo-xullo-2009-blog
Mapa do ceo do mes de xullo: [descargar]

As noites son curtas na zona temperada do hemisferio norte e iso é algo que podemos experimentar se saímos de observación, pois é doado pasarmos da posta de Sol ao abrente sen apenas decatarnos.

O día 4 a Terra sitúase no afelio da súa órbita en torno ao Sol. Xúpiter xa é facilmente observábel durante case toda a noite, e o día 11 está en conxunción coa Lúa. O 13 e 14 de xullo Venus paseará xunto a Aldebarán, estrela α da constelación de Tauro, na cal tamén poderemos ver ao planeta Marte.

O día 22 ten lugar unha eclipse total de Sol que só será visíbel en Asia e o Océano Pacífico. A duración da súa fase de totalidade será a maior de todas as eclipses do século XXI, cun máximo de 6 minutos e 39 segundos.

Dúas das constelacións máis espectaculares do ceo protagonizan as noites de verán: Scorpius e Sagittarius. Nesta zona do ceo pódese apreciar moi ben a Vía Láctea, sempre e cando dispoñamos dun ceo escuro e sen Lúa. Podemos observala como un brazo esbrancuxado e tenue que atravesa o ceo entre estas dúas constelacións. Mirando entre ellas dúas estaremos apuntando ao centro da nosa galaxia. É unha parte do ceo que merece ser observada con prismáticos. No paseo atoparemos unha morea de obxectos interesantes, como nebulosas ou cúmulos de estrelas.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O ceo de xuño

luns, 1 xuño 2009, 0:30 | Category : astronomía, ciencia
Tags : ,

guia-do-ceo-xuno-2009-blog
Mapa do ceo do mes de xuño: [descargar]

Xuño é un mes importante astronomicamente falando, pois prodúcese nel o solsticio de verán no Hemisferio Norte. Este ano será o día 21 ás 05:45h UTC (07.45h hora local). Ese día o Sol acada a máxima altura sobre o horizonte ao mediodía e polo tanto é o día máis longo do ano.

O día 5 Venus acada a súa máxima elongación oeste (45,8º), e oito días despois fai o propio Mercurio (23,5º), planeta que é observábel un pouco antes do amencer. O día 22 hai unha interesante conxunción Venus-Marte. Este último é visíbel perto das Pléiades, aínda lonxe do seu mellor momento.

Unha constelación típica deste mes é Hércules, guerreiro mitolóxico que mereceu a súa representación no firmamento nocturno. Está constituída por un grupo de estrelas non moi destacadas, pero si co mesmo brillo aparente, que conforman un trapecio na súa parte central, moi fácil de distinguir, entre as estrelas Vega e Arcturus. En Hércules sobresae un obxecto de ceo profundo, visíbel con prismáticos como unha estrela borrosa. Falamos de M13, un gran Cúmulo Globular formado por centos de miles de estrelas a uns 25.000 anos luz de distancia de nós. Outra constelación curiosa e fácil de ver en xuño é Ophiuchus (o Serpentario). O Sol, no seu movemento aparente contra o fondo estrelado, atravesa esta constelación uns días ao ano, polo que a todos os efectos é unha das trece, e non doce, constelacións do zodíaco. Nesta rexión poden verse varios cúmulos globulares, pero non tan rechamantes coma M13.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O ceo de maio

martes, 5 maio 2009, 22:00 | Category : astronomía, ciencia
Tags : ,

guia-do-ceo-maio-2009-blog
Mapa do ceo do mes de maio: [descargar]

No hemisferio norte os días fanse cada vez máis longos e as noites acúrtanse na mesma medida segundo nos achegamos ao solsticio de verán en xuño. O ceo permanece estrelado menos horas que noutras épocas, pero a temperatura máis agradábel convida á observación do firmamento.

Saturno pode verse en Leo durante toda a noite e fai mutis antes do amencer. A esas horas entran en escena outras tres figuras do teatro da noite: Venus, cada día máis separado angularmente do Sol; Marte, que comeza a ser timidamente observábel moi perto de Venus a principios do mes; e Xúpiter, visíbel en Capricornius xa durante dúas horas antes da saída do Sol.

No que atinxe ás constelacións chegou o momento de falar de Virgo, que agocha un tesouro en forma de galaxias. Nela atópase un dos máis ricos e brillantes cúmulos de galaxias que podemos ver a partir da Terra. Cuns simples prismáticos e unha certa dose de paciencia, sempre nun bo ceo, son visíbeis algúns dos membros deste cúmulo como pequenas manchas difusas de luz. Spica é a estrela máis brillante da onstelación e podemos destacar ademais a moi bela Porrima, que foi unha das primeiras estrelas dobres en ser descuberta. Ao norte de Virgo atopámonos con Coma Berenice, que comparte algunhas das galaxias do chamado cúmulo de Virgo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O ceo de abril

xoves, 9 abril 2009, 17:00 | Category : astronomía, ciencia
Tags : ,

Mapa do ceo do mes de abril: descargar


Xúpiter comeza a ser observábel un pouco antes do amencer na constelación de Capricornius, mais o planeta campión das noites de abril continúa sendo Saturno. Mercurio acada a máxima elongación o día 26 (20,4º). Arredor do día 22 prodúcese o máximo da chuvia de estrelas das Líridas, así chamadas por teren o radiante na constelación da Lyra.

O ceo que vemos en abril é unha transición entre as constelacións típicas do inverno, que se deixan ver a primeira hora da noite na zona oeste, e aquelas máis coñecidas do verán como Hércules, Cygnus, Lyra, Aquila, Scorpius ou Sagittarius, que empezan a verse de madrugada pola zona leste. Este mes é un bo momento para botar unha ollada a Hydra, Crater e Corvus, tres constelacións do hemisferio sur e que polo tanto vemos perto do horizonte. Hydra é unha das constelacións con maior lonxitude na bóveda celeste, Crater está formado por estrelas febles e Corvus vese facilmente, con catro estrelas que forman unha pequena figura trapezoidal.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Programa do Ano Internacional da Astronomía nos Museos Científicos Coruñeses

Exposicións temporais na Casa das Ciencias, novos programas de planetario, observacións e cursos astronómicos conforman un completo programa durante todo o 2009, ano no que se repartirá de manera gratuita (ata agotar existencias) a Guía do Ceo, editada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

EXPOSICIÓNS NA CASA DAS CIENCIAS

- Constelacións. Colección de cadros da artista Luz Antequera dedicados ás constelacións. Xullo e agosto.
- Da Terra ao Universo. Unha mostra fotográfica sobre o significado científico das imaxes astronómicas mais fermosas. Estrea en outubro.
- Astrónomos por vocación. Exposición cunha selección dos mellores traballos de afeccionados á astronomía de Galicia. De xuño a outubro.
- O ceo invisible. Exposición dun libro en braille con imaxes da NASA.

PROGRAMAS DE PLANETARIO

- Evolución. A primeira producción do novo Planetario da Casa das Ciencias en colaboración cos planetarios de Pamplona e o Museo das Ciencias de Castilla-La Mancha. Estrea no Planetario da Casa das Ciencias o 24 de abril.
- Dúas pezas de vidro. Un programa sobre os descubrimentos de Galileo hai 400 años. Estrea en setembro
- Jors Jars Jurs e os Galigalitos. Programa infantil creado polo planetario do Museo de la Ciencia y el Cosmos de Tenerife. Estrea en xuño
- A noite do Vampiro. Programa infantil creado polo Planetario de Pamplona. Estrea en decembro.

OUTRAS ACTIVIDADES

- Medición do radio da Terra segundo o método de Eratóstenes, en colaboración con centros educativos de distintos lugares de España.
- Curso de Iniciación á Astronomía no Planetario da Casa das Ciencias. Un curso práctico dirixido a persoas sen coñecementos previos na materia que desexen aprender a gozar da astronomía a simple vista. Do 23 ao 26 de marzo.
- 100 horas de astronomía. Evento global do Ano da Astronomía con xornada de observación de manchas solares e a Lúa, e observación astronómica na Praza de María Pita, A Coruña. Do 2 ao 5 de abril.
- Festival Internacional de Espinho. A Casa das Ciencias participará neste festival de planetario fulldome coa presentación do programa “Evolución”. Do 24 ao 26 de abril.
- Día da Ciencia na Rúa. Actividades de astronomía e maratón de sesións de planetario no Día da Ciencia na Rúa. Se celebra o 9 de maio.
- Astronomía na aula. Curso para profesores. Celebrarase en outubro.
- Conferencia de David Galadí, astrónomo do Observatorio de Calar Alto (Almería). En outubro.
- Curso de iniciación á astronomía. Nova edición do curso en novembro.
- Guía do Ceo. Distribución gratuíta ata esgotar exemplares desta guía que recolle, entre outras cousas, algúns consellos para iniciarse na observación do firmamento, a orientación, as ferramentas a empregar, así como mapas do ceo mes a mes. Editada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google