Espazo Solidario difunde as actividades do tecido voluntario coruñés
A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, xunto con medio centenar de entidades non lucrativas, organiza este sábado 27 de febreiro un encontro no Palexco, aberto ao público de 10:00 a 14:30 h e de 16:00 a 21:00 h, coa idea de dar a coñecer o tecido solidario da cidade. Durante a xornada, as persoas asistentes terán a posibilidade de gozaren dun percorrido solidario por máis de medio centenar de stands, para coñeceren de primeira man a que se dedican as distintas entidades de acción voluntaria que traballan no municipio coruñés; as súas inquedanzas e expectativas, os valores que promoven e, por suposto, todas aquelas actividades en que as persoas interesadas poden participar como voluntarias contribuíndo coas súas achegas á consolidación dunha verdadeira rede de solidariedade cidadá. Terán oportunidade de interactuar cos/as técnicos/as das entidades e cos seus voluntarios e voluntarias nas distintas actividades que configurarán a programación da xornada; actividades planificadas e densenvolvidas, na súa meirande parte, polas propias entidades. Tedes información moi precisa sobre a xornada no sitio web Solidariedade2010.
Concerto solidario no Rosalía
Hoxe mércores 10 de febreiro no Teatro Rosalía de Castro ás 20:00 haberá un concerto solidario organizado pola Fundación Tierra de Hombres. Nel participan o Grupo de percusión Attacca, Coro infantil e a Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música da Coruña. As entradas teñen un prezo de 6 €.
Palabras encadeadas, teatro en solidariedade coas vítimas do sismo de Haití
Concerto solidario de axuda a Haití
As bandas Lady Evil e El viejo caracol ofrecen hoxe un concerto solidario de axuda a Haití no Fórum Metropolitano. O acto está organizado por Solidaridade Internacional de Galicia. A función comeza ás 20:30 e o prezo das entradas é de 5 € (fila cero 2091 0530 39 3040011953).
Acción contra el Hambre presenta o documental 854 no Fórum Metropolitano

854 é un documental de David Muñoz rodado en en 2007 no quinto país máis pobre do mundo, Níxer. Producido por Híbrida, enmárcase na campaña End Malnutrition coa que a Red Internacional Acción contra el Hambre trata de lograr que a loita contra a fame sexa a primeira das prioridades na axenda mundial. 854 eran os millóns de persoas que sufrían fame no mundo na data da rodaxe deste documental; na actualidade a cifra é aínda maior, arredor duns 1.020 millóns de persoas. Case 20 millóns sofren desnutrición aguda severa e 5 millóns de nenos morren por falta de tratamento nutricional, o dobre que o número de vítimas anuais por SIDA.
Hoxe 1 de Setembro ás 19:30 horas na sala Marilyn do Fórum Metropolitano preséntase a película documental 854, que resume as claves desta traxedia humanitaria e as posibilidades que todos nós temos para facerlle fronte. Do 31 de agosto ao 6 de setembro como actividade complementaria tamén no Fórum exhibirase a exposición Mamá Fame, que representa a íntima relación existente entre muller e fame en Angola. Dado o carácter puramente solidario e de sensibilización do evento gustaríanos contar co apoio dos medios de comunicación de Coruña para a difusión do mesmo, co obxectivo de contar co máximo número de espectadores posibles e transmitir a mensaxe compartida pola campaña: A Fame ten solución.
Sardiñada solidaria con Intermón Oxfam
Co gallo do San Xoan e para celebrar o Día Internacional do Refuxiado (20 de xuño) Intermón Oxfam organiza unha gran sardiñada no antigo Campo da Leña, hoxe martes 23 de xuño a partir das 18 horas. Grazas aos consellos da Peña David, que durante máis de 20 anos organizou a sardiñada nesta popular praza da cidade, Intermón Oxfam sae esta vez á rúa para animar a noite máxica e achegar a cidadanía a situación nos campos de refuxiados. Na sardiñada vanse utilizarar pratos, vasos e bolsas compostables; deste xeito, non se xerarán residuos contaminantes e promóvese o consumo responsábel. Polo prezo de 5 € gozarase do pan, a bebida, as sardiñas e unha papeleta para unha rifa solidaria. Nesta iniciativa cóntase coa colaboración do Concello da Coruña e de diferentes entidades como Gadisa, Cabreiroá e a Obra Social de Caixa Galicia.
"Sen mulleres non é democracia", coloquio na Sargadelos
Mañá mércores 10 de xuño na Galería Sargadelos celebrarase un coloquio arredor do tema Sen mulleres, non é democracia. Participarán como relatoras Rocío Lleó (ACSUR Las Segovias), Eveling Carrazco (feminista nicaragüense, experta en xénero), Lucía Trenor (Secretaría da Muller, CCOO), Xulia Mirón (Marcha Mundial das Mulleres) e Rocío Fraga (Nonmepisesofreghao). O acto comezará ás 19:30 e a entrada é libre até completar capacidade.
Concerto Solidario o xoves no Rosalía
O xoves 22 de xaneiro ás 20 horas celébrase no Teatro Rosalía de Castro un concerto solidario organizado pola ONG Equus Zebra cuxa recadación irá destinada a diferentes proxectos en Uganda. No concerto interveñen as Bandas xuvenil e sinfónica e a Orquestra Xuvenil do Conservatorio Profesional de Música. O prezo das entradas é de 6 €.
Concertos solidarios no Teatro Rosalía de Castro
Hoxe martes 9 de decembro ás 20 horas o Teatro Rosalía de Castro acolle un concerto do Beethoven Klavier Quartett. O prezo das entradas é de 10 €, e existe unha tarifa reducida de 3 € para os menores de 25 anos. Organiza a Sociedad Filarmónica.
No mesmo recinto haberá mañá mércores 10 de decembro un gran concerto-recital para conmemorar o vixésimo aniversario do grupo de Amnistía Internacional na Coruña. Entre os participantes nesta gala figuran grandes nomes da literatura e a música galegas coma Iria e Miguelón, Xosé Carlos Caneiro e Miguel Ladrón de Guevara, Quique Alvarado e Clifford Eight, Xavier Pan e Fernando Morán, Manuel Rivas e Pulpiño Viascón ou Rosa e Xabier Cedrón. A función comeza ás 20:30 e a entrada é libre até completar aforo.
Xa o xoves 11 de decembro o Rosalía ocupará o seu escenario co espectáculo Quilombagem: un canto de resistência e luta pela liberdade, que mestura danza, capoeira e teatro para denunciar o traballo escravo ao que aínda hoxe están sometidos milleiros de cidadáns no Brasil. Quilombagem é un proxecto da ONG brasileira Centro de Defesa da Vida e dos Direitos Humanos de Acailândia (CDVDH-A), que loita desde hai moitos anos contra o traballo escravo. Organiza esta actividade na Coruña a ONG galega Enxeñería sen Fronteiras. A función comeza ás 21 horas e o preso das entradas é 6, 7, 9 e 13 €; os posuídores de carné xove, maiores de 65 anos e desempregados teñen un 20% de desconto.
















