O vindeiro domingo, 15 de novembro, pechará as 21:00 no Kiosco Alfonso da Coruña a mostra Rodin e a mitoloxía simbolista, que inclúe 85 obras entre esculturas -a maioría na súa versión en bronce- e debuxos do artista.
Organizada pola Obra Social Fundación “la Caixa” coa colaboración do Museo Rodin de Paris e o Concello da Coruña, a mostra afonda na conexión do escultor coa corrente simbolista e a interpretación da mitoloxía. Auguste Rodin (1840-1917) é coñecido como un dos escultores que mellor marcaron o camiño cara a arte do século XX, sacándoo da fase académica e convirtíndoo nunha creación absolutamente persoal, plena de análises formais e de enerxía.
A exposición divídese en diferentes apartados a través dos cales o visitante poderá coñecer ao artista, a súa vida e a súa obra; o seu interese pola mitoloxía, a interpretación antropomórfica dos grandes elementos naturais, a natureza salvaxe ou a expresión das pasións e os sentimentos a través das súas esculturas.
Entre as obras mostradas atópanse algunhas das máis importantes creadas polo escultor: O home do nariz roto, considerada polo artista a súa primeira obra importante, Os Burgueses de Calais, Balzac, A Catedral, As Portas do Inferno, O Pensador, O Bico...
Ata o momento visitaron a mostra máis de 20.000 persoas. O gran interese da exposición reflictouse tamén nas visitas de grupos, concertadas previa cita de luns a venres, co seu calendario cuberto ata a clausura da exposición. Aínda temos a posibilidade de facer unha visita guiada para particulares o vindeiro mércores ás 18 horas (sen cita previa). O horario da exposición é de luns a domingo de 12 a 14 e de 18 a 21 horas.