A Concelleira de Cultura María Xosé Bravo presentou esta mañá o Espazo Cultura Coruña, un directorio participativo e xeolocalizado de todos os espazos e eventos de índole cultural presentes na cidade e dispoñible a través de Internet e integrada na web A Coruña Cultura. Os datos están categorizados en diversas temáticas que fan máis sinxela a procura e o filtrado da información nas listaxes e no mapa: arte e exposicións, cinema, museos, música e danza, obradoiros e conceferencias, patrimonio cultural e asociacións culturais, entre outras categorías presentes nesta web.
A primeira gran novidade deste directorio é a xeo-referenciación dos espazos e actividades culturais. Fronte a unha tradicional listaxe, esta característica aporta moito máis que a simple localización do espazo ou evento nas rúas da cidade. Dunha simple ollada, o mapa apórtanos unha visión global do panorama cultural coruñés. Os cidadáns poden así percatarse da gran cantidade de recursos culturais que teñen no seu entorno, cómo se distribúen estes espazos polos barrios da cidade ou que categoría de recursos está máis presente nunha zona concreta.
Sobor dos eventos culturáis, dunha simple ollada tamén podemos saber que estará a acontecer na cidade na próxima semana ou nun día concreto, e así rápidamente, respostarnos preguntas como... que actividades culturáis podo desfrutar no meu barrio na próxima semana? Onde poderei escoitar música en vivo nesta fin de semana? Cando teremos o próximo espectáculo de teatro no Teatro Rosalía Castro?
Unha ferramenta de divulgación
É moi habitual que un cidadán descoñeza que, a carón do seu barrio, existan diversas asociación culturais, salas de exposicións ou locais onde se pode escoitar música en vivo. Tamén, por exemplo, se descoñece a existencia de importantes museos ou elementos de patrimonio cultural afastados do casco histórico da cidade. Os mapas incitan a ser explorados e a descubrir cousas novas... un punto marcado sobre o mapa no noso barrio ou noutro lugar non esperado, chama a atención do cidadán e incita a ser estudado cun simple clic do rato.
Aberto á participación
Outra gran novidade é a participación. Sen ter coñecementos técnicos, en calquera momento e dende calquera lugar, calquera persoa responsable dunha organización de índole cultural da cidade poderá engadir ou manter actualizada a información deste directorio. Non haberá pois que agardar por unha nova edición trimestral ou anual dunha guía de recursos. A información pode estar ao día no mesmo momento grazas á colaboración da cidadanía e a Internet.
Para iso, o Concello de A Coruña organizará unha sesión formativa para tódalas entidades culturais interesadas en utilizar este sistema para darse a coñecer e para informar sobor das súas actividades. Esta sesión terá lugar o vindeiro xoves 17 de decembro ás 19.00 horas no Kiosco Alfonso.