Mañá, sábado, ás 18 horas, haberá unha audición do instrumento musical Aquófono no Aquarium (Casa dos Peixes) a cargo dos seus inventores, os percusionistas de Parto
MARÍA XOSÉ BRAVO: “AS VISITAS GUIADAS SON UN PODEROSO INSTRUMENTO DIVULGATIVO DE EDUCACIÓN ESTÉTICA E APOIO Á ARTE”
Todas as fins de semana do mes haberá un percorrido polas distintas salas para facilitar o achegamento da cidadanía aos conceptos que os autores pretenden expresar
A Coruña, venres 12 de setembro de 2008.- Todos os interesados en ver e entender as obras das vangardas artísticas en Galicia teñen unha cita esta fin de semana con OUTONARTE: Sobre o espazo infinito. A creación ao redor do mar. A Mostra de arte contemporánea da Coruña inicia mañá sábado, día 13, a quenda de visitas guiadas polas tres salas que acollen as propostas dos 31 artistas que participan nesta iniciativa, auspiciada pola Concellaría de Cultura. “Un poderoso instrumento divulgativo de educación estética, de apoio á arte”, en palabras da concelleira María Xosé Bravo.
“É un mito e unha falsidade que a arte non se entende. O que temos é que aplicar as mesmas ferramentas e os mesmos esforzos que para outros sectores culturais”, di María Xosé Bravo, quen explica o reto que se fixou á hora de organizar esta primeira mostra de arte contemporánea da Coruña: “Ser capaces de crear, ou incrementar, o hábito continuado de consumo; de goce de arte”.
OUTONARTE, que está pensada como unha exposición temporal de gran impacto público, pretende ser capaz de normalizar socialmente a existencia da arte máis contemporánea; a máis innovadora e experimental. “Sobre o espazo infinito ten como obxectivo que o público se abra á creación actual, polo que, nese sentido, as visitas guiadas xogan un importante labor de axitación e animación”, di a concelleira. As visitas guiadas que dan comezo mañá son, daquela, visitas pensadas como goce do tempo de lecer pero tamén como aprendizaxe. Foron pensadas como unha ferramenta de difusión buscando ampliar públicos para as artes plásticas, mais tamén han ser un poderoso instrumento para a promoción da arte. “Queremos que a visita se converta na mellor tarxeta de presentación dos artistas plásticos máis novos”, conclúe María Xosé Bravo.
As visitas guiadas comezarán este sábado ás 18 horas na sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita. Tres cuartos de hora máis tarde, ás 18.45, en Palexco. O percorrido guiado rematará cun repaso polas obras que se exhiben na sala Salvador de Madariaga, na rúa de Durán Loriga. A iniciativa repetirase de novo este domingo, día 14 de setembro, a partir do mediodía (12 horas, sala de María Pita; 12,45 horas, Palexco; 13,30 horas, Durán Loriga).
Visitas guiadas- horarios
18 h – Pazo Municipal de María Pita
18.45 h – Palexco
19.30 h – Salvador de Madariaga
12 h – Pazo Municipal de María Pita
12.45 h – Palexco
13.30 h – Salvador de Madariaga