Os Museos Científicos Coruñeses distribúen gratuitamente un monográfico informativo sobre a enerxía solar o domingo 26 de xuño
O domingo 26 de xuño os Museos Científicos Coruñeses realizarán a distribución gratuíta dun monográfico informativo sobre a enerxía solar.
A preocupación polo quecemento climático e o encarecemento dos combustibles fósiles dirixiu o interese da población cara a fontes de enerxía pouco contaminantes. E, especialmente, cara a aquelas que están baseadas en recursos naturais renovables, como son a radiación solar e o vento. Esta publicación ofrece aos cidadáns respostas de xeito breve, concreto e nunha linguaxe comprensible a preguntas como "Sería posible o uso de enerxía solar como fonte principal de enerxía para a produción de electricidade?", "Pódese dispor de toda a enerxía necesaria para unha vivenda a partires da enerxía solar?", "Cantas familias poden abastecerse coa produción actual de enerxía solar en España?", "Por qu a enerxía solar é tan cara?", "Cómo funciona un panel solar?".
A información, elaborada nos Museos Científicos, acompáñase de imaxes e gráficos que contribúen a comprender mellor os contidos. Esta publicación está dirixida a toda a poboación e cóntase para a súa distribución coa colaboración dos diarios La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, e La Opinión. Publicación realizada co patrocinio da Deputación da Coruña, e a colaboración de Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña e Novacaixagalicia.
Os Museos Científicos Coruñeses celebraron o inicio do verán coa estrea dun recurso interactivo sobre enerxía solar no seu e-Museo. Inclúe un xogo, un vídeo, un test e información abundante.
















