A esencia cubana, a través do ritmo da música e o baile das súas xentes, encherá hoxe o escenario do Coliséum coa presenza do Ballet Folclórico Nacional de Cuba co seu espectáculo A raíz do tempo.
A principal agrupación folclórica do país antillano foi fundada a comezos de 1962 polo folklorista cubano Rogelio Martínez Furé e o coreógrafo mexicano Rodolfo Reyes Cortés. Desde as súas orixes propúxose contribuír ao rescate e á revitalización das danzas e músicas tradicionais da súa terra, seleccionando aquelas de máis valor artístico para organizalas de acordo coas máis modernas esixencias teatrais, sen traizoar a súa esencia popular. 43 anos despois da súa fundación, ten desenvolvido un estilo de arte folklórico teatral de grande efectividade escénica e estética, que reflicte as diversas tradicións culturais cubanas, tanto de orixe europea (hispánicas ou francesas), como de antecedentes africanos (yoruba, congo, carabalí, arará, etc.) ou chegadas a Cuba doutras illas caribeñas. Levan realizado máis de 80 xiras por 45 países e teñen recibido, entre outros premios, o Tonel de Ouro e o Colar de Prata, Dijón (Francia) e o Templo de Ouro, Agrigento (Italia).
A función está prevista para as 21.30 h. e é certo que o público que asista, como sucede en todas os lugares en que o Ballet Folclórico Nacional de Cuba presentan os seus espectáculos, ficará abraiado e enmuderá co xenio orixinal dun pobo en que o ritmo e a sensualidade son innatos.