Forumfolk 2010: Contra2 (Iván Villar e Nelson Quinteiro)

Da man de IVÁN VILLAR, bailarín moi recoñecido no ámbito do baile tradicional e da danza no seu conxunto, e de NELSON QUINTEIRO, polifacético artista, chega DANZA E CONTRADANZA, un espectáculo que xira en torno á voz e o corpo. A través da voz, mesturada en directo con escenas sonoras e efectos musicais e de son, o dúo CONTRA2 fai un percorrido polo mundo tradicional dos oficios, o amor, desamor...
Iván Villar e Nelson Quinteiro atopan unha nova linguaxe escénica que combina a formación e experiencia destes dous artistas. Coa danza tradicional e outro tipo de movementos constrúen un espectáculo cheo de poesía, frescura e potencia escénica.
Preestrea do espectáculo no Salón de Actos da Casa do Concello de Cee.
Fragmento presentado no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Iván Villar
Formou parte do Ballet Galego Rey de Viana dende o ano 1996 ata o 2006.
Trala disolución do mesmo participou na montaxe Vacuo do Centro Coreográfico Galego. Posteriormente incorporouse á compañía Nova Galega de Danza coa montaxe Tradicción. Dirixe e coordina o grupo Entrecaixas. En flamenco destaca como solista da montaxe Sueño Flamenco de Beatriz Gamborino e Marco
Vargas. Tamén colaborou no espectáculo Rosas Negras da Compañía El taller. No 2008 funda a compañía CONTRA2 con Nelson Quinteiro, coa que presenta agora o espectáculo CONTRA2: DANZA E CONTRADANZA.
Nelson Quinteiro
Nelson Quinteiro é un home multidisciplinar que desenvolveu nos últimos anos unha variada actividade escénica no ámbito da produción, creación, formación, dirección e interpretación. Dirixe o Festival Galego de Cabaré que celebrou no 2009 a súa cuarta edición na cidade da Coruña; a Compostela Carpa Cabaré nas Festas de Apóstolo 2009 ou a Compañía Femme Fatale, coa que presentou obras como Lerchas, Varadas, Cabaréncrise ou Cabarédeambulante. Desde hai máis de dez anos exerce como intérprete de música tradicional, e neste campo estreou en 2009 o espectáculo en solitario As mans perdidas. Ese mesmo ano fundou a compañía CONTRA2 con Iván Villar.














