Forumfolk 2010: Xabier Díaz
Músico e compositor nacido na Coruña en 1969, Xabier Díaz compaxina ambas facetas profesionais coa súa longa laboura como investigador e compilador do noso folclore tradicional. Ao longo da súa carreira son destacábeis múltiples colaboracións en concertos e traballos discográficos con diversos artistas e formacións como Berroguetto, Luar Na Lubre, Amancio Prada, Os Cempés, Marful ou Nordestinas.
En 2003 participa no espectáculo Cantos Na Maré (2003) xunto con Uxía Senlle, Manecas Costa, Chico Cesar e Filipa Pais entre outros. Un ano despois, desta volta co guitarrista Guillermo Fernández, edita o disco Músicas de Salitre traballo que os levará a ser finalistas nos Premios da Academia da Música no 2005, acadando ademais o terceiro posto na edición dos galardóns La Opinión do mesmo ano. Na actualidade compaxina a súa actividade como cantante titular da compañía Nova Galega de Danza na que xa ten realizado espectáculos como Alento (2005) ou Engado (2006) coa dirección e copresentación do espazo radiofónico Tres Peixes Voando na Radio Galega, xunto con Guillerme Fernández.
O seu segundo traballo, Coplas Para Icia (2007), rescata músicas do pobo tomadas do seu propio arquivo, compilación froito do extenso traballo de campo que el mesmo leva a cabo entre os anos 1990 e 2000. Nestas “Coplas para Icía“ ten como compañeiros de viaxe a Pedro Lamas e Suso Iglesias.
Descargar dossier informativo: PDF, 487 KB














