Actividades de homenaxe a Lois Pereiro

Achegamos o programa de actos de homenaxe á figura de Lois Pereiro, o poeta falecido na cidade no ano 1996 e ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2011:

- Domingo 20 de marzo:
* 12:30-12:50 h. Pasarrúas desde a Praza de María Pita pola Rúa Rego de Auga até chegar ao Teatro Rosalía de Castro, coa actuación da Banda Municipal de Música.
* 13:00 h. Teatro Rosalía de Castro. Recital espontáneo con poetas e aberto a toda a cidadanía que queira asistir á actividade. No acto repartiranse octavillas cunha escolma que Manuel Rivas fixo de Lois Pereiro e escoitarase a palabra cantada de Manu Clavijo e outros cantautores. O mantedor do acto será Lino Braxe.
Para a lectura no Teatro Rosalía chámase a toda a cidadanía para ler textos, que poden ser versos de Lois, versos de poetas/autores que lle gustaban a Lois ou poemas escritos para a ocasión, e darlle deste xeito a mellor das homenaxes, a voz e o recoñecemento común de todos nós.

- Xoves 7 de abril. Teatro Rosalía de Castro. Espectáculo escénico "Mundo Lois", ideado por Antón Reixa e dirixido por Lino Braxe, co que se pretende difundir a través da imaxe a obra de Lois Pereiro.

- Asimesmo desde a Concellaría de Cultura estase a traballar nunha pequena publicación que incluirá un roteiro que nos levará por aqueles lugares da cidade que foron importantes na vida de Lois Pereiro. Este roteiro está sendo preparado por Inés, a súa irmá.

- Pola súa banda, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas chamaron á participación nun concerto de música a celebrar en varios lugares. Animan a todo aquel que estea interesado en musicar a obra de Lois Pereiro a informarse e anotarse na páxina web dedicada ao autor, onde tamén se poderán enterar de todas as novidades do ano Lois. Esta actividade é realizada en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (A.E.L.G.), Pen Club, Asociación Galega de Editores (A.G.E.) e Real Academia Galega.

Deixamos aquí esta escolma da "Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia", de Lois Pereiro, preparada por Manuel Rivas:

Loita, furia, humor... Amén!

"Xa entendes o que quero dicir:
non cambiar de señores, senón non ter ningún"
Bertolt Brecht

"Vivimos malos tempos para a reflexión e a resistencia neste imperio zombie de Microsoft mental.
¿E de que parte estaba eu? Da parte dos que intenten dalgún xeito non contribuír a que esa roda opresiva e maldita (unha historia da infamia que xa non nos permite ser inxenuos) continúe a xirar eternamente, perpetuando, cun cíclico cambio de papeis de amos ou escravos, a mesma situación ata que a terra estoupe de noxo e perversión, farta de nós.
Se alguén non o sabía xa é que estaba cego: non queremos ter amos.
Pode que xa nos atopemos a poucos metros da nosa extinción, pero o sentido do humor pervivirá sempre, e o sentido crítico deixa un rastro detrás, con mans, sen elas, cos miolos no cranio ou espallados polo chan. Volveremos á terra, e aos outros elementos primordiais. Como dicía Zeca Afonso: "Camaradas de armas dos catro elementos!..."
Agora aínda teño liberdade de opción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia lingua, "porque me peta e quero e dáme a gaña...". Moitas culturas crúzanse no meu espírito e no meu corazón non hai fronteiras. Ninguén me impediu nunca ser máis crítico e sarcástico co que eu sinto máis meu, propio e herdado.
Se me permite seguir axudando á defensa que non procura dominar nin agredir, seguirá a ser unha loita compartida por min: da tropa dos vencidos. Terra, Lingua, Cultura, Dereito á diferenza. Mente aberta ao mundo... e nada máis.
Defendámonos, logo, caladamente, con furia, ou con humor tibetano, pero non transixamos cunha soia agresión máis.
Sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos, como a estratexia humilde e provocadora de Bartleby, o gris e lúcido escribente de Melville, que para non someterse sen máis ás ordes arbitrarias, dicía simplemente, sen ira, pero teimosamente: "Preferiría non facelo".
A reflexión, as ideas, a creación ou as palabras. A arte e a cultura é sempre o que me salva da tentación da morte e me anima a reiniciar.
A verdadeira poesía nunca minte, por ferinte que sexa. Quen crea algo sen intencións perversas é inocente da súa posible perversión. Bernhard, Beckett, Cioran, Genet, Celan, Valente, Shopenhauer, Pound, Carver, Poe... tiñan razón, temos razón. E tiñan razón Yeats, Dylan Thomas, Eliot, Joyce, Homero, Dante... temos razón tamén a un tempo, como todos os atormentados ou felices pintores da Beleza e das tebras que cohabitan comigo o meu cerebro, discutindo sen pausa dentro da miña alma...
E a verdade é que "na miña vida nunca vin máis que tolos e enfermos” (Bernhard); que "Morrer é ben doado; vivir é o difícil" (Maiakowski) e tamén que "Vivir é fácil. Arduo sobrevivir ao vivido" (Valente).
O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande.
A dor, a escuridade, o mal tamén existen por nós e contra nós, pero axudan a que a beleza e o pracer sexan aínda máis brillantes. Por iso non debemos evitar, para aforrarnos sufrimento, a parte máis escura en cada cousa, porque produce a lucidez e o horror de seu coñecemento.
Aprender é unha vitoria. Dubidar é unha loita continua, e a Crítica nunca hai que desterrala.
Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco e ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa.
Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Amén."

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Acto cívico en lembranza do traslado dos restos de Rosalía organizado pola AELG

luns, 12 xullo 2010, 9:30 | Category : homenaxes, poesía
Tags : ,

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza o vindeiro xoves 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro en Padrón e Santiago de Compostela. Desde a Asociación Cultural Alexandre Bóveda estase organizando o desprazamento a Compostela en autobús que sairá ás 16:30 horas da Praza da Palloza da Coruña, co fin de estar alí ás 18:00 h. para recibir o tren “Follas Novas” e sumarse ao Acto Cívico e Reivindicativo. Para reservar praza deberase chamar á Asociación Cultural Alexandre Bóveda (981 200 869) ou a través do correo electrónico  acab at mundo-r.com. O horario de atención das chamadas é de luns a xoves de 16:30 a 19:30 h. O prazo para reservar praza no autobús será desde o luns 5 de xullo ate o mércores 14 de xullo ás 19:30 horas. Cobraranse 2 euros para colaborar no pagamento do autobús.
Máis información aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Miguel Anxo Murado no III Encontro Cidade da Coruña

Mércores 28;
20:00;
Real Academia Galega (Rúa Tabernas 11, A Coruña).

Organizado conxuntamente pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, terá lugar a segunda conferencia inscrita no III Encontro Cidade da Coruña, nesta ocasión a cargo de Miguel Anxo Murado, baixo título “Inventar un lugar en vez dunha historia”. O III Encontro Cidade da Coruña, baixo lema “Literatura e viaxe”, contou xa coa presenza do poeta arxentino Juan Gelman, e acollerá a Hélia Correia (5 de maio), Alberto Manguel (11 de maio) e a Xavier P. Docampo (19 de maio). Autor galego dunha prolífica obra narrativa, poética, ensaística e dramática, Miguel Anxo Murado cubriu como xornalista as guerras de Croacia e Bosnia e mais a Segunda Intifada Palestina. Durante as súas estadías en Oriente Medio traballou como oficial de prensa das Nacións Unidas, asistindo ao goberno palestino e, máis tarde, como correspondente en Xerusalén do diario El Mundo, xermolo dos volumes Fin de século en Palestina, A segunda Intifada ou Ruído. Presentará ao conferenciante Mercedes Queixas, secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

“Encontro poético” no Kiosko Alfonso

Sábado 24;
De 18:00 a 21:00;
Kiosko Alfonso.

Dentro do programa de actividades da Feira da poesía terá lugar un "Encontro poético" no Kiosko Alfonso. Trátase de propiciar o encontro dos lectores cos poetas para que podan conversar e se o desexan mercar poemas ou mesmo confeccionar a súa persoal antoloxía no momento. A un prezo dun euro cada un, o público poderá mercar poemas autografiados polos poetas e ilustrados polos artistas presentes e facer a súa propia antoloxía. Haberá ademais recitais poéticos e música en directo.
Contaremos coa presenza de Francisco Xosé Fernández Naval, Estíbaliz Espinosa, Lois Diéguez, Paloma Calvo, Eduardo Estévez, Antía Otero, Xavier Seoane, Eva Veiga, Alberte Suras, Ánxeles Penas, Olga Patiño, Chelo Suárez, Begoña Paz, Xosé Abeal, Eli Ríos, Diana Varela Puñal... Ademais, participarán os seguintes ilustradores pertencentes a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI): Idoia de Luxán, Manel Cráneo, Yago García Rodríguez, Carlos Arrojo Naya, Almudena Aparicio Andión, Víctor Boullón Gómez, Diego Ogando Vidal, David Rubín, Saray García Rúa e Iván Rodríguez Castro.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Acto da AELG no Día de Rosalía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega promove para mañá mércores día 24 de febreiro a lectura dun manifesto conmemorativo do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro, a celebrar en varias cidades do país. Na Coruña a lectura terá lugar ás 18:00 no monumento a Curros Enríquez e contará coa participación de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Luz Pozo. Colabora a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Conferencia de Elena Poniatowska

martes, 5 maio 2009, 15:00 | Category : Libro e lectura, conferencias
Tags : ,

elenaponiatowskaO próximo venres 8 de maio ás 20:00 a escritora mexicana Elena Poniatowska visitará a sede da Real Academia Galega (rúa Tabernas 11) para impartir unha conferencia, A literatura que vén da rúa. A entrada é de balde e libre até completar a capacidade do recinto.

Xornalista e narradora, Elena Poniatowska nace en París no ano 1933, filla dunha mexicana e dun nobre polaco. Na Segunda Guerra Mundial partiu coa súa nai cara México, mentres seu pai loitaba co exército francés e participaba no desembarco de Normandía. Doutora Honoris Causa polas Universidades de Sinaloa, Toluca, Columbia (Nova York), Florida (Miami) e pola Universidade Nacional Autónoma de México. A súa carreira iniciouse no exercicio do periodismo, mais ten publicado unha obra moi ampla que inclúe varios xéneros. Entre os seus textos destacan as novelas Hasta no verte Jesús mío (1969), Querido Diego, te abraza Quiela (1978), La flor de lis (1988), Tinísima (1992) e La piel del cielo (2001); os ensaios Todo empezó el domingo (1963), La noche de Tialtelolco (1971), Fuerte es el silencio (1980), El último guajolote (1982), Ay vida, no me mereces (1985), Nada, nadie. Las voces del temblor (1988), Juchitán de las mujeres (testimonio, 1989)”; as coleccións de contos Lilus Kikus (1954), De noche vienes (1979), Métase mi prieta entre el durmiente y el silbatazo (1982) e os libros de entrevistas Palabras cruzadas, Era (1961), Domingo 7 (1982), Todo México (1990) e Todo México, vol. II (1994). Ten recibido múltiples premios entre os que destacan Premio Nacional de Periodismo (foi a primeira muller que recibiu esta distinción) (1978), Premio Mazatlán de Literatura (1992), e, o máis recente, Premio Alfaguara de Novela 2001, por La piel del cielo.

Elena Poniatowska utiliza a súa literatura combativa e crítica para deitar luz sobre as desigualdades e inxustizas que se producen decote en México, de maneira sobranceira, ten dado voz en múltiples foros internacionais á causa das mulleres asasinadas e desaparecidas de Ciudad Juárez.

A conferencia enmárcase dentro da homenaxe que este ano lle tributa a AELG, que lle outorgou este ano o Premio “Escritora Galega Universal”.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

II Encontros Cidade da Coruña

mulleres-na-literatura

Este venres comezan os II Encontros Cidade da Coruña, organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Os actos desenvolveranse na Sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), sempre ás 20.00, e contarán coa presenza das escritoras María Reimóndez (24 de abril), Elena Poniatowska (8 de maio), Marilar Aleixandre (15 de maio) e Teresa Moure (22 de maio). Estes II Encontros contan co patrocinio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

Programa en PDF dos II Encontros: [descargar]

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google