O Teatro Rosalía acolle a obra Náufragos

A Concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, presentou onte a obra de teatro Náufragos de André Roussin a cargo Teatro Galileo que acollerá o Teatro Rosalía de Castro os vindeiros xoves e venres ás 21.00 horas. Trátase dunha comedia que fala da convivencia humana tal e como destacou a Concelleira durante a presentación.
Un matrimonio de clase alta e o seu amigo común son víctimas dun naufraxio. Afortunadamente conseguen chegar até unha illa aparentemente deserta, onde deben facer fronte a un novo xeito de vida. Naquela illa os personaxes mestúranse entre eles, e os diálogos de dobre sentido funcionan coma un bisturí que vai abrindo a esencia das paixóns humanas. As tres persoas agardan un barco como quen agarda a Godot, máis na espera establécense novos xeitos de relacións sentimentais que cuestionan as relacións humanas contemporáneas. Mais logo intervén un cuarto personaxe que rompe novamente a orde sentimental establecida entre os personaxes. Deste xeito o espectáculo amósanos o míolo das relacións humanas e descúbrenos as raras complicacións destas, nun texto cargado de humor e ironía.
A obra está dirixida por Pedro Rubín e interpretada por Ana Santos, César Cambeiro, Paco Campos e Raúl Varo. As representacións terán lugar o vindeiro xoves 17 e venres 18 de setembro ás 21.00 horas e a entrada será de sete euros.














