Museos Científicos Coruñeses: Que cuestión lle interesaría coñecer sobre a enerxía solar?

Os Museos Científicos Coruñeses preparan unha Monografía de Comunicación Científica sobre "Enerxía solar".
- Solicitan para iso a participación dos cidadáns mediante o envío das súas preguntas á seguinte dirección de correo electrónico: mc2responde@casaciencias.org
- Tamén poden deixalas por escrito na recepción da Casa das Ciencias, Domus ou do Aquarium Finisterrae.

A necesidade por buscar enerxías alternativas aos combustibles fósiles, que resultan altamente contaminantes e inciden en incrementar a cantidade atmosférica de dióxido de carbono, provocou a investigación e o desenvolvemento de fontes alternativas como a solar, eólica, biomasa, xeotérmica, etc. Unha das que suscita certa polémica nestes momentos, por exemplo en canto á súa rendibilidade, é a enerxía solar. Os Museos Científicos Coruñeses desexan responder á demanda social de información científica-tecnolóxica sobre esta cuestión publicando un documento que recolla as preocupacións, curiosidades e intereses de todos os cidadáns. É por iso que solicitan e invitan a todos a participar nesta iniciativa. Recolleranse preguntas ata o 4 de abril.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O luns 14 de marzo ábrese o prazo de inscrición das Merendas no Aquarium

As Merendas do Aquarium do terceiro trimestre estarán dedicadas neste último tramo do curso á realización de receitas de cociña con peixe recomendado pola campaña europea "Elixe o peixe correcto", liderada en España polo Aquarium Finisterrae. Da man de cociñeiras especializadas en actividades educativas, os participantes realizarán unha pizza de xarda. Preparán a masa, engadirán ingredientes frescos, enfornarana e despois farán unha degustación. E finalizarán, como é habitual nesta actividade, coa merenda de chocolate con churros. As Merendas no Aquarium están pensadas para nenos e nenas de entre 4 e 13 anos, e se celebran todos os sábados do curso escolar ás 17:00 horas. Para participar nas Merendas é necesario reservar praza chamando ao teléfono 981-189842 desde o luns 14 de marzo. Cada neno debe aboar unha entrada reducida (4 euros) e recibe un convite para merendar. Ademais, pode invitar a un adulto, que ten entrada gratuíta ao acuario. A actividade é completamente gratuíta para os nenos socios da Asociación de Amigos de la Casa de las Ciencias e para os titulares da Tarxeta Vinte.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O martes de Entroido a entrada as Museos Científicos Coruñeses é gratuíta

Este martes 8 de marzo, martes de Entroido, o público poderá acceder de xeito gratuíto aos Museos Científicos Coruñeses: Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Aquarium Finisterrae: Exposición fotográfica “Antártida. A vida no límite: as expedicións Bentart”

Do duratransmércores 2 de marzo ao domingo 24 de abril
Aquarium Finisterrae
De luns a venres: de 10:00 a 18:00 h. O acceso péchase unha hora antes da hora de peche do Aquarium.
Sábados, domingos e festivos: de 11:00 a 20:00 h. O acceso péchase unha hora antes da hora de peche do Aquarium.

O Aquarium Finisterrae presenta unha exposición fotográfica sobre o traballo de investigadores españois e estranxeiros na Antártida ao abeiro dos proxectos e campañas Bentart. Os fondos mariños do Antártico, como consecuencia do seu illamento, gardan celosamente ecosistemas en gran parte constituídos por unha fauna endémica, cuxa supervivencia dependeu ao longo de millóns de anos da súa capacidade para desenvolver estratexias vitais especialmente adaptadas ao seu frío ámbito. O proxecto Bentart ten como obxectivo o estudo das comunidades faunísticas que habitan os fondos mariños da Antártida do Oeste. Nos anos 1994 e 1995 desenvolvéronse as dúas primeiras campañas, que tiveron como área de traballo as illas Livingston e Decepción e o estreito de Bransfield ao norte da península Antártica. As outras dúas campañas, realizadas nos anos 2003 e 2006, centráronse no estudo do bentos do afastado e solitario mar de Bellingshausen. As incógnitas que encerran os ecosistemas bentónicos antárticos son numerosas, e moitas delas aínda non foron resoltas. Cales son os grupos de invertebrados máis abundantes? Como se agrupan? De que condicións ambientais depende a súa densidade e distribución? Intentar achegar algunha luz a estas e outras preguntas son as formulacións do proxecto de investigación Bentart, que se foron concretando e afianzando ao longo dos anos de traballo. Durante as campañas localizáronse densas comunidades de animais suspensívoros nos fondos que rodean as illas estudadas e a península Antártica. Tamén se puxo de manifesto que existe un gradiente latitudinal e batimétrico na distribución da biodiversidade, de tal maneira que, tanto esta coma a biomasa, diminúen claramente dende as illas Shetland do Sur cara ao mar de Bellingshausen, e que as comunidades faunísticas encontradas neste mar son notablemente diferentes coas estudadas na península Antártica e illas adxacentes. En definitiva, a vida nos fondos mariños antárticos é única e complexa, e pola súa exposición a condicións de vida tan extremas, é dunha gran fraxilidade. O seu interese ecolóxico é excepcional, merecedor de ser preservado o máis inalterado posible para as futuras xeracións. A inauguración terá lugar o martes 1 de marzo ás 19:00 h.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Aquarium Finisterrae: exposición fotográfica “Liv”, de Carlos Cid

Do mércores 16 de febreiro a abril
Aquarium Finisterrae
De luns a venres: de 10:00 a 18:00 h. O acceso péchase unha hora antes da hora de peche do Aquarium.
Sábados, domingos e festivos: de 11:00 a 20:00 h. O acceso péchase unha hora antes da hora de peche do Aquarium.

Esta mostra fotográfica, que se aloxa na nova sala "Artista invitad@", un espazo para presentar novidades da arte relacionados coa ciencia e o mar,  de Carlos Cid (Madrid, 1965), "Liv", nome que en sueco remite ao concepto de vida máis elemental, intérnase nos atlas da historia que nacen da orixe máis profunda da nosa existencia, que pertence ao noso presente, pasado e futuro. A auga como a orixe da vida: todo sae dela e volve cara a ela; é o lugar do nacemento, transformación e o renacemento. Na serie é importante subliñar as calidades metamórficas da auga. O decisivo é tomar en consideración os elementos fundamentais que configuran a vida e ver como o tempo produce os seus cambios efémeros e eternos. Xa que na súa extensión, case sen límites, subxacer a idea do indeterminado, o indefinido e o insondable, as obras do proxecto, falan dunhas masas de auga descontextualizadas que son protagonistas absolutas e donas do espazo e de nós mesmos; universos eternos de materias, modos ancestrais e vivencias comúns. As obras están guiadas pola experiencia emocional, convencidas de que o tempo da auga, é ao mesmo tempo o noso propio. Son mapas de vida, sen programas nin liñas trazadas, onde simplemente ler o reflexo do curso da existencia humana e das flutuacións dos seus desexos e sentimentos. Como diría o mesmo Victor Hugo, mestre mundial de movemento romántico: "L'Art c'est l'azur" (A arte é azul). E neste caso é o espello azul onde mirarnos e buscar reflectida a experiencia de o noso ser íntimo reencontrándose coa experiencia vital colectiva. As obras da serie "Liv" non están na paisaxe, senón que son o paisaxe. Non aparecen na obra elementos temporais, nin referenciais, tampouco humanos. O mar existe no tempo. Malia a súa aparencia de invariabilidade parece deter ou anular o paso das horas. Algo que o home busca dende as distancias da historia e ao que inevitablemente pertence. O proxecto fala de lugares comúns á humanidade onde somerxerse e perderse. Lugares analóxicos co templo, aínda que baleiros de estigmas, marcas e pecados implícitos. "Liv" remite ao deus/home que todo o habita e que é a metáfora orixinal. "Liv" é sublímeo kantiano que se limita en tanto "estado do espírito" coma encontro do home coa natureza, o un co infinito.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Museos Científicos: Galerías da UDC nos mc2

"Galerías da UDC nos mc2" é un proxecto realizado entre dúas institucións científicas relevantes da cidade, os Museos Científicos Coruñeses e a Universidade da Coruña, froito dun conxunto amplo de colaboracións que se desenvolve entre ambas entidades. As "Galerías da UDC" pretenden amosar o labor investigador dalgúns dos equipos científicos que traballan na universidade, contribuindo á visualización desa actividade entre o público, neste caso entre os visitantes dos Museos Científicos Coruñeses. O obxectivo final das intervencións é, por tanto, informar ao público e estimular o interese pola ciencia, achegar aos investigadores á sociedade. O propio nome de "Galería" alude ao carácter de fiestra pola que o público pode asomarse e ollar o que se fai no interior da UDC, utilizando como denominación algo que forma parte do patrimonio identitario da cidade herculina. Este novo espazo forma parte da contribución dos Museos Científicos Coruñeses e a Universidade da Coruña á celebración do Ano Internacional da Química.
A primeira "Galería da UDC" ábrese agora no Aquarium Finisterrae, nun espazo dentro da sala Humboldt, onde se presentan dous traballos; un sobre a loita contra organismos incrustantes e outro sobre novos tratamentos contra as bacterias patóxenas. No primeiro caso, o grupo de investigación PRONAMAR (Productos Naturais Mariños) da Universidade da Coruña presenta o proxecto no que está a traballar, unha sustancia obtida dunha esponxa mariña que podería ser eficaz paa evitar as incrustacións de organismos acuáticos nas superficies somerxidas de barcos, canos ou plataformas petrolíferas, un problema que ocasiona grandes perdas económicas e de rendemento. No segundo, o grupo PRONAMAR da UDC e o Grupo de Microbioloxía da Universidade de Santiago traballan cunha sustancia que as bacterias mariñas empregan para transportar ao seu interior o ferro que precisan; esta sustancia podería converterse no laboratorio nun cabalo de Troia para introducir antibióticos na bacterias patóxenas, o que sería de especial utilidade no tratamento de peixes nas granxas acuícolas.
Neste mesmo ano está previsto abrir unha nova "Galería", neste caso na Domus.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Aquarium Finisterrae: exposición “Traspasar fronteiras. Un século de intercambio científico entre Alemaña e España”

Do xoves 20 de xaneiro ao xoves 24 de febreiro
Aquarium Finisterrae
De luns a venres: de 10:00 a 18:00 h. O acceso péchase unha hora antes da hora de peche do Aquarium.
Sábados, domingos e festivos: de 11:00 a 20:00 h. O acceso péchase unha hora antes da hora de peche do Aquarium.

Organizada polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e o Servizo Alemán de Intercambio Académico (Deutscher Akademischer Austausch Dienst, DAAD), coa colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, a mostra "Traspasar fronteiras. Un século de intercambio científico entre Alemaña e España" repasa as relacións científicas hispanoalemanas no século XIX e principios do XX, así como as estanzas de destacadas personalidades alemás en España e viceversa. Albert Einstein e os irmáns Wilhelm e Alexander von Humboldt, por exemplo, viaxaron a España en distintas ocasións, mentres que José Ortega e Gasset, Juan Negrín, José Castillejo e Gregorio Marañón estudaron en Alemaña. A posta en marcha no ano 1910 dos primeiros organismos de investigación da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), significou tamén o inicio dunha frutífera colaboración coa ciencia alemá. A través de preto de 30 paneis explicativos, a exposición tamén fai un repaso sobre o papel que exerceron algunhas mulleres pioneiras nesta relación científica, a difícil situación que atravesaron as ciencias alemás despois da I Guerra Mundial e o estado actual da colaboración hispanoalemana nos ámbitos académico e científico, con especial fincapé na contribución que realizaron o CSIC e o DAAD para fomentar a cooperación científica entre ambos os dous países. A exposición amosa, en definitiva, a importancia da formación dos investigadores en institucións extranxeiras de referencia, e a súa trascendencia para o desenvolvemento da comunidade científica.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Museos Científicos Coruñeses: programación e horarios xaneiro-febreiro 2011

Estas son as principais actividades e horarios dos Museos Científicos Coruñeses para os meses de xaneiro e febreiro:

* Casa das Ciencias. Parque de Santa Margarita, s/n. Tlf. 981-189844. Novos horarios: de  luns a venres de 10:00 a 18:00 h. Sábados, domingos e festivos de 11:00 a 19:00 h.
Pechado o 1 e 6 de xaneiro.

Exposicións:
- O asombro de Mr. Darwin.
- As palabras da ciencia.

- Proxeccións no Planetario Dixital:
Sábados, domingos e festivos:
- 12:00 h: "A noite do Vampiro" (galego)
- 13:00 h: "Evolución" (castelán)
- 17:00 h: "El mundo de Fugaz" (castelán)
- 18:00 h: "Evolución" (galego).
Os días 3, 4, 5 e 7 de xaneiro:
- 12:00 h: "A noite do Vampiro" (galego)
- 13:00 h: "Evolución" (castelán)
- 17:00 h: "El mundo de Fugaz" (castelán).

Actividades:
- "O ceo está máis preto do que pensas". O último sábado do mes dobre sesión de planetario en directo:
- 11:00 h: "O ceo para enterados". Para profundizar nos coñecementos astronómicos.
- 12:00 h: "O ceo do mes". Para iniciarse na observación do ceo.

- 5 e 7 de xaneiro. "Música baixo as estrelas", concerto de Xabier Díaz, Guadi Galego e Guillerme Fernández no Planetario da Casa das Ciencias. Dous concertos cada día, ás 20 e 20:45 horas. As entradas, de 5 euros, están á venda nas oficinas do IMCE na praza de Ourense, abertas en horario de 9:30 a 13:00 e de 16:30 a 19:30 horas, así coma no teléfono 902 504 500. Nos mismos días dos concertos,  de non terse completado o aforo (79 prazas), poderán comprarse tamén na recepción da Casa das Ciencias.

Domus. Rúa Santa Teresa, 1. Teléfono: 981 189 840. Novos horarios. Aberto de luns a venres de 10:00 a 18:00 horas. Sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 19:00 horas.
Pechado o 1 e 6 de xaneiro.

Exposicións:
- Eureka!. Ciencia e creatividade.
- Homínidos e homínidas. A familia presumida.
- Éufrates. Un río de historia. Exposición fotográfica sobre a expedición arqueolóxica da Universidade da Coruña en Siria. Do martes 21 de decembro ao luns 31 de xaneiro.
- "Familias. Xenéticas de parecidos". Exposición fotográfica de Xosé Teiga. Do martes 1 de febreiro ao venres 13 de marzo.

Proxeccións:
- Cine 3D
-Do 3 ao 7 de xaneiro:
12:00 h: "SOS Planet" (castelán)
13:00 h: "Wild Safari" (galego)
17:00 h: "Wild Safari" (castelán).

A partir do 8 de xaneiro:
- De luns a venres, "SOS Planet" ás 17:00 h.
- Sábados, domingos e festivos:
12:00 h: "SOS Planet" (castelán)
13:00 h: "Wild Safari" (galego)
17:00 h: "SOS Planet" (galego)
18:00 h: "Wild Safari" (castelán).

Actividades
- Taller de Manitas. Experiencia piloto na que o público poderá participar de forma directa na construción de elementos interactivos que, tras o seu desenvolvemento, se presentarán nas salas do museo. O "Taller de manitas" destinarase a dous tipos de público: público xuvenil (17-23 anos) e público sénior (a partir de 55 anos). Ambos os dous talleres discorrerán de forma paralela durante cinco meses, con sesións semanais de 4 horas, a concretar segundo a dispoñibilidade de horario dos participantes. O "Taller de manitas" xuvenil orientarase cara á robótica. Por outra parte, o "Taller de manitas" sénior orientarase a proxectos de modelismo. Ao finalizar a actividade, os traballos realizados presentaranse ao público na Domus. A actividade comezará o 31 de xaneiro, logo de inscrición.

- Exploradomus. Os pequenos exploradores verán a nova película en 3D "SOS Planet", e a continuación farán experimentos con fenómenos importantes para a vida no noso planeta. Unha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 10 anos, e que ten lugar na Domus os sábados ás 16:45 horas. Inscricións no teléfono 981 189 840. A tarifa é de 1 euro por neno.

* Aquarium Finisterrae. Paseo Alcalde Francisco Vázquez, 34. Tel.: 981 189 842. Novos horarios. Aberto de 10:00 a 18:00 de horas, de luns a venres. Sábados, domingos e festivos de 11:00 a 20:00 horas.
Pechado o 1 e 6 de xaneiro.

Exposicións:
- Oceanosfera. Nunha esfera de gran diámetro instalada na sala Maremagnum o público poderá ver presentacións de fenómenos oceanográficos que suceden a escala global: impacto do cambio climático e acción humana, correntes, migracións de animais mariños.
- "Traspasar fronteiras. Un século de intercambio científico entre Alemaña e España". Exposición de fotografías na sala Isabel Castelo sobre a ciencia e Alemaña. Do 19 de xaneiro ao 24 de febreiro.
- "Novas conversas con Atlante", exposición de fotografías de 6 autores que reflicten as pegadas que a marea negra do Prestige deixou na sociedade galega. Ata o 18 de xaneiro.
- "Viaxe polar". Exposición de fotografías da expedición de Carlos Caraglia á Antártida.
- "Charca das Caricias". Nova instalación na sala Maremagnum que combina diferentes recursos: un acuario con animais vivos que os visitantes poden tocar, unha pantalla xigante, un ordenador, microscopios e lupas binoculares.
- "Darwin e o mar". Módulos interactivos sobre evolución marina e o estudos de Darwin sobre os arrecifes de coral. Na sala Maremagnum.
- "Farmacuáticos. A botica do mar". Exposición sobre os medicamentos de orixe mariña e os seres vivos que os producen. Na sala Humboldt.
- "Mare Oceanum". Ciencia e tecnoloxía da exploración submarina. No túnel de acceso ao Nautilus.

Actividades
- "Bioloxía con-tacto". Na "Charca das Caricias", obradoiros de bioloxía mariña para coñecer en vivo e en directo aos inquilinos do Aquarium Finisterrae. Os obradoiros "Tiburóns en familia" e "Proxecto Santiaguiño" realízanse:
- Sábados ás 13:00 horas
- Domingos e festivos ás 13:00, 16:00 e 18:00 horas.
- Os días 3, 4, 5 e 7 de xaneiro ás 11:00, 13:00 e 16:00 horas.
- "Alimentación de focas". No exterior do acuario, todos os días ás 12:00 e 17:00 horas.
- "Alimentación de tiburóns" Os luns, mércores e venres ás 12:30 horas, na sala Nautilus.
- "Merendas no Aquarium". Pensadas para nenos de entre 4 e 13 anos, a actividade combina a realización dunha investigación científica cunha merenda de chocolate con churros. Todos os sábados do curso escolar ás 17:00 horas.

Máis información na web dos Museos Científicos Coruñeses: Horarios e prezos, Como chegar, Que ver, Axenda de actividades, Materiais divulgativos (descarga gratuita): monografías, cadernos de actividades, vídeos, conferencias, unidades multimedia.
Novo espazo de participación en Facebook: Faite seguidor dos Museos Científicos Coruñeses, opina sobre as exposicións e actividades, comparte e valora as nosas novidades e materiais divulgativos.
Subscríbete e recibe as novidades:
Lista de correo: http://www.casaciencias.org/gl/ayuda.htm...
Canle RSS: http://feeds.feedburner.com/mc2novidades
Avisos en Twitter: http://twitter.com/casadasciencias/.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Aquarium Finisterrae: inauguración da escultura “Humildade”, de Nando Lestón

mércores, 29 decembro 2010, 9:00 | Category : Aquarium Finisterrae, Arte, museos científicos
Tags : , ,

Xoves Nando Lestón30
Aquarium Finisterrae
19:00
Entrada libre até completar capacidade.

Inauguración da escultura "Humildade", do artista Nando Lestón. A escultura, un cilindro duns tres metros de altura, estará ubicada nunha terraza exterior do Aquarium Finisterrae. A obra vén ser un "faro de nasas", un humilde faro nocturno, cómplice do grande e veciño faro da Torre de Hércules. A instalación da escultura permite aos Museos Científicos Coruñeses felicitar aos seus visitantes a fin do ano 2010 e a chegada do 2011. En palabras do seu autor: "Cando estaba traballando nos refugallos que traía o mar, emerxeron as anacaradas formas das cunchas e a quente suavidade das táboas, nas derivas da marea. Anacos de nasas, medio afundidas na area despois dun temporal, pasaron a formar parte da paisaxe nas mañáns do meu taller. Desexaba erguerme para tocar, ou máis ben acariñar, aquelas "crebas" preñadas da salitre. Duras e un pouco reviradas polos envites das ondas. Teimei sen darme conta, na nasa coma unha gaiola. Un algo atrapapeixes, unha "trampa"... e arrimei por vez primeira esta "arte" a pequenas composicións. Deixa de ser oficio e pasa a ser unha forma pensada e despois intuída, cromática, leve. Emerxiu entón a forma dun faro. Un faro nouturno, feito de ceo estrelado, fincado no mar, un cilindro etéreo. Guiador nas noites escuras. Humilde. Converteuse a trampa, arrepentida, en pastor de mariñeiros".

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Hoxe os Museos Científicos Coruñeses reciben ao visitante 10.000.000

Este luns 27 os Museos Científicos Coruñeses reciben ao visitante 10.000.000. Unha cifra espectacular que pon de manifesto o interese do público pola cultura científica e o relevante papel dos Museos Científicos Coruñeses.
Ás 11:00 h. no Aquarium realizarase un acto de celebración da visita 10 millóns.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

II Seminario “A conservación en acción. Desafíos da conservación”

Venres 10 de decembro – Castelo de Santa Cruz, sede do CEIDA.
Sábado 11 de decembro de 2010 – Domus
Domingo 12 de decembro de 2010 – Aquarium Finisterrae
Xoves 16 e Venres 17 de decembro de 2010 – Obradoiro on line

Dentro das actividades promovidas polo CEIDA, polos Museos Científicos Coruñeses e a Concellaría de Cultura en relación coa conmemoración no 2010 do Ano Internacional da Diversidade Biolóxica, organízase este Seminario no que se mostran experiencias de planificación, xestión, divulgación, participación e investigación, útiles para a conservación da biodiversidade. As experiencias e propostas seleccionadas permiten coñecer contidos, reflexións e exemplos de boas prácticas aplicables tanto no ámbito local como no rexional e o internacional. A matrícula é de 20 euros, e a inscrición pódese facer chamando ao teléfono 981-630618, enviando un correo electrónico ao enderezo  formacion at ceida.org, ou neste enlace. Neste arquivo pódese descargar toda a información: Seminario Desafios Decembro 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O Aquarium Finisterrae presenta a OceanoSfera

xoves, 2 decembro 2010, 13:25 | Category : Aquarium Finisterrae
Tags : ,

A OceanoSfera é un proxector esférico dixital de máis de metro e medio de diámetro permitirá aos visitantes observar un espectáculo único, a simulación de fenómenos globais da Terra vistos dende o espazo. O novo sistema supón para o Aquarium un recurso de divulgación similar ao Planetario dixital para a Casa das Ciencias ou o Cinema 3D para a Domus.
Isto sitúa os Museos Científicos Coruñeses na vangarda tecnolóxica da oferta audiovisual científica en Europa. Esta presentación encaixa no desenvolvemento dunha das liñas actuación do Aquarium Finisterrae durante 2010, a de crear proxectos museográficos dirixidos á construción dunha colección de infraestruturas de contido educativo. A nova Charca da Caricias foi a primeira desas instalacións. Agora se presenta a OceanoSfera, un proxector dixital esférico para mostrar simulacións de fenómenos mariños, atmosféricos e oceanográficos a escala global. Precisamente pola dificultade que encerra a dimensión á que se producen os procesos que se queren contar, o proxector convértese nunha ferramenta eficaz que axudará á imaxinación dos visitantes para comprendelos. E será especialmente útil para ofrecer sesións didácticas aos grupos escolares. A OceanoSfera ocupa un espazo próximo á entrada da sala Maremagnum, acondicionado para as actividades que alí se desenvolverán. Dispón dunhas bancadas para acomodar ao público, e un sistema de iluminación e acústica que optimiza a calidade da proxección. A colección de infraestruturas museográficas completarase cun espazo no vestíbulo da planta inferior do Aquarium e que acollerá unha especie de aula dixital, actualmente en construcción.
O software do sistema inclúe un conxunto de fotos e vídeos preparados para a simulación de fenómenos globais da Terra vistos dende o espazo. Permite ademais realizar rotacións e inclinacións da esfera terrestre para visualizar, por exemplo, os casquetes polares dende un ángulo insual. É unha forma diferente de explicar estas cuestións, tradicionalmente representadas en pantallas planas. A instalación complétase cun atril interactivo cunha pantalla táctil que permite aos visitantes seleccionar o contido a proxectar, podendo elixir o idioma entre tres, galego, castelán ou inglés. Un primeiro nivel de selección na pantalla táctil distingue entre dous grandes apartados: Terra e Océanos. Dentro deles, inclúense dous programas "Blue Planet", que presenta cuestións como as correntes mariñas ou a distribución de auga salgada e doce na Terra, e "Frozen", un audiovisual que fala sobre o efecto regulador do xeo dos polos sobre a temperatura do planeta. Ademais, o proxector ofrece outros recursos para dar charlas e talleres, de especial interese para os grupos escolares. Así, pódese acceder a contidos didácticos sobre o cambio climático, visualizando os efectos do aumento do nivel do mar ou o desxeo dos polos, aproximarse aos métodos de exploración dos océanos, mediante a observación da distribución das boias coas que se obteñen datos, coñecer a dinámica do fenómeno de El Niño e La Niña, as estacións meteorolóxicas e a formación de nubes, ou a erosión das liñas de costa, entre moitos outros. Os contidos divulgativos da OceanoSfera están realizados con datos e imaxes procedentes de axencias internacionais de investigación oceanográfica (NOAA, NASA). E ofrece a posibilidade de incorporar programas propios. Así, proximamente o Aquarium Finisterrae presentará un programa sobre o tema da sobrepesca, un material derivado da campaña europea "Elixe o peixe correcto", liderada na España polo Aquarium. A OceanoSfera consta dunha esfera de proxección de 60 polgadas, 152 cm. de diámetro. Ademais ten un sistema de proxección dixital de alta definición instalado no seu interior, formado por dous proxectores de 7.000 lumens cada un, o que proporciona unha imaxe esférica cunha resolución de 1280P.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O Aquarium Finisterrae aplicará a tarifa reducida (4 euros) a todos os visitantes até o 19 de decembro

xoves, 2 decembro 2010, 13:24 | Category : Aquarium Finisterrae
Tags :

A medida foi adoptada como compensación polas incomodidades que poidan ocasionar as obras que se están a desenvolver e que afectan á zona de tránsito e distribución da planta baixa do edificio do acuario e ao corredor de acceso á Sala Nautilus. Deste xeito todas as persoas que desexen visitar o Aquarium até o 19 de decembro, deberán abonar só a entrada de tarifa reducida, 4 euros.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Outono Fotográfico: “Novas conversas con Atlante”, no Aquarium Finisterrae

Do Novas conversas con Atlantemartes 23 de novembro ao luns 17 de xaneiro
Aquarium Finisterrae
Horario: de 10:00 a 19:00 todos os días (até as 20:00 h. os sábados, domingos e festivos. O acceso péchase unha hora antes do peche do Aquarium).
Entradas: 4 euros para todo o público (até finais de novembro, debido ás actuais obras). A partir desa data: 10 euros para o público xeral, e 4 euros só para menores de 14, maiores de 65 e con carné Xove.

Dentro das actividades do Outono Fotográfico 2010, a exposición colectiva "Novas conversas con Atlante", con obra de: Xosé Abad, Miguel Harguindey, Xacobe Meléndrez Fassbender, Sandra G. Rey, Paco Rocha e Xosé Teiga, comisariada por Xacobe Meléndrez, supón unha reflexión sobre o estado actual do movemento social e ambientalista xerado polo afundimento do Prestige hai 8 anos. Está composta por 58 fotografias de 40 x 60. A inauguración será o martes 23 de novembro ás 19:00 h. Deixamos aquí as palabras do seu comisario, Xacobe Mélendrez:
"O Océano Atlántico, ese ollo no que o Sol se deita a descansar, falou dende sempre coa sociedade galega, manténdoa e axudándoa a medrar. Seis fotógrafxs galegxs tentan recoller con esta exposición os cambios sufridos nesta relación anos despois da traxedia do afundimento do petroleiro Prestige.
O 19 de novembro de 2002 o Prestige parte en dous e afúndese derramando miles de toneladas de fueloil, o que provoca a última das mareas negras que sufriu Galicia. Unha terra caracterizada xeograficamente polas súas Rías -que lle confiren unha moi alta proporción de costa- e socialmente pola súa relación co mar.
Naquel contexto de crise económica e social, diante do engano e o vacío institucional xurdiron cunha forza dramática dous sentimentos: o da reconciliación co medio natural e o de comunidade; a resposta plasmouse nun movemento social sen precedentes que se autoorganizou en grupos de voluntarios ou mesmo de espontáneos que retiraban o piche cos útiles dos que dispuñan, incluso coas mans.
Dende o mundo da cultura artelláronse medios de resposta, así os artistas participaron na denuncia e nas mobilizacións con happenings, publicacións, exposicións... Entre estas iniciativas a fotografía foi un dos axentes máis activos.
Foi aquel un punto de inflexión onde parecía estar a se crear un novo modelo de relacións sociais e entre a sociedade e o medio, unha nova visión máis harmónica e respectuosa do mar. Mesmo chegamos a cuestionar a nosa visión antropocentrista deste océano Atlántico que foi o noso principal motor económico no século pasado, e do que aínda hoxe dependen directa ou indirectamente 250.000 familias en Galicia. Foi un tempo de procura... atopamos respostas?
No 2009, pasados 7 anos, algúns fotógrafxs rastrexamos sobre a realidade galega as pegadas daquela mudanza de hábitos. Ata que ponto se produciu esa nova relación e en que consistiu o cambio? Cal é a nova relación entre a sociedade e o mar galego?
Novas palabras, novas imaxes para vellos actores dun fermoso escenario clásico, retratadas a través dun feixe de ollos escrutadores para reintroducir de novo a reflexión, nun xogo de espellos, de imaxes e identidades tan fondamente ligado á linguaxe fotográfica."

Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Novas conversas con Atlante 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Museos Científicos: distribución gratuíta do monográfico informativo “Sobrepesca”

O domingo 21 de novembro os Museos Científicos Coruñeses distribúen gratuitamente un monográfico informativo titulado "Sobrepesca". Aínda que existen noticias sobre o esgotamento de recursos mariños na antigüidade, a explotación pesqueira mundial deu sinais de alarma durante a segunda metade do século XX. O aumento da demanda debido ao incremento da poboación mundial e a modernización da tecnoloxía provocou un paulatino esgotamento dos recursos pesqueiros. É por iso que as noticias relacionadas con este tema están cada vez máis presentes en todos os medios de comunicación. A monografía "Sobrepesca" forma parte da campaña europea "Elixe o peixe correcto", liderada en España polo Aquarium Finisterrae, e cuxo obxectivo é convidar a consumir peixes que non poñan en perigo os recursos mariños. Esta campaña tamén está a ser desenvolvida en Francia por Nausicaa Centre National de la Mer, e en Italia, a cargo do Acquario di Genova. A publicación recolle as principais inquedanzas dos cidadáns sobre o tema, recollidas nos tres países participantes. Cuestións como Cando se considera que un caladoiro está sobreexplotado?, Canto tempo tarda en recuperarse un caladoiro sobreexplotado?, Que peixes están en perigo de extinción debido á sobrepesca? Estase terminando o peixe que compro?, Que eu cambie os meus hábitos de consumo, de verdade axuda a mellorar a situación?, Como se aplican no mar as leis de pesca?, Por que se di que as redes de arrastre son malas para o mar?, É posible repoboar o mar con peixes?, teñen nesta publicación unha resposta breve, concreta e nunha linguaxe comprensible para todos os cidadáns. A información, elaborada nos Museos Científicos Coruñeses e revisada polo comité científico asesor da campaña europea, acompáñase de imaxes e gráficos que contribúen a comprender mellor os contidos. A monografía inclúe tamén unha lista de especies de consumo recomendado pola campaña para Galicia. Esta publicación está dirixida a toda a poboación e cóntase para a súa distribución coa colaboración dos diarios La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, e La Opinión. A edición está realizada co patrocinio de Caixanova.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google