Cinema no Fórum: Valse con Bashir
O filme Valse con Bashir de Ari Folman, esta semana na Sala Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano dentro do ciclo O Oriente máis próximo.
Horario: Xoves 1, 20:15. Venres 2, 20:15 e 22:45. Sábado 3, 17:15 e 20:15.
O filme Valse con Bashir de Ari Folman, esta semana na Sala Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano dentro do ciclo O Oriente máis próximo.
Horario: Xoves 1, 20:15. Venres 2, 20:15 e 22:45. Sábado 3, 17:15 e 20:15.
Para a maioría de nós, Oriente e Occidente seguen a ser etiquetas poderosas, evocadoras dunha morea de ideas e tópicos que adoitan reproducir unha imaxe estereotipada e vulgar, no peor dos casos inzada de prexuízos xenófobos e racistas. De acordo con esa mirada serían “civilizacións que chocan”, culturas imposíbeis de mesturar e mutuamente incomprensíbeis, e de aí se deriva o noso descoñecemento xeral das artes plásticas, da música ou da literatura fabricados na outra beira do Mediterráneo; un descoñecemento especialmente grave no que atinxe á creación contemporánea, pois actuamos como se “alí” todo o importante tivera acontecido hai moitos anos (mesmo moitos séculos) e agora viviran nunha sorte de estraño impás.
Nada máis lonxe da realidade, e isto vale por suposto para o cinema. Para atopar algunhas das obras máis fermosas da actualidade é imprescindíbel deixar Europa para adentrármonos na Asia máis cercana e chegar a Irán, berce dun dos creadores máis grandes do noso tempo, Abbas Kiarostami, cuxa filmografía se abre en infinidade de camiños e en todos os casos con excepcional acerto. Irán é tamén o país da familia Majmalbaf, co patriarca Mohsen á cabeza, e seguido polas súas fillas Samira e Hana, que empezaron a estudar cinema sen apenas acadar a adolescencia e desde entón non pararon de batir records de precocidade: Samira é a persoa máis nova en participar na competición oficial do Festival de Cannes cun filme, A mazá, que rodou con só dezasete anos; e a súa irmá Hana tiña quince cando obtivo o seu primeiro premio, unha mención especial nunha sección do Festival de Venecia polo documental Joy of madness. De Samira poderemos ver no Fórum O cabalo de dúas pernas, un durísimo filme que levou o Premio Especial do Xurado no Festival de Donostia 2008.
A película que levou a Cuncha de Ouro nesa mesma edición obríganos a seguir mirando cara ao leste. Dirixida pola turca Yesim Usteoglu, A caixa de Pandora ten como protagonista a unha anciá afectada polo Alzheimer. Mestres os seus fillos se enredan cos seus conflitos persoais, é o neto quen establece coa avoa unha curiosa relación de entendemento. No papel principal, a nonaxenaria Tsilla Chelton arrastrou consigo as simpatías dos asistentes ao certame donostiarra e acabou por conquistar o premio á mellor interpretación feminina.
De Turquía chéganos tamén Tres monos, do cineasta nacido en Estambul Nuri Bilge Ceylan, un dos nomes máis interesantes e repetidos no circuito de festivais internacionais e de quen xa puidemos ver na Coruña traballos coma Uzak ou Os climas. O xordano Amin Matalqa debutou con éxito no cinema coa película Capitán Abu Raed, premio do público en Sundance, presente nun ciclo que se completa cun dos traballos máis audaces e sorprendentes dos últimos tempos, Valse con Bashir, o documental de animación dirixido por Ari Folman que explora a súa propia experiencia persoal como soldado israelí durante a invasión do Líbano de 1982 e os seus recordos do masacre de Sabra e Shatila.