Forumfolk: ARRÁS
O vindeiro luns 27 ás 21 horas o auditorio do Forum Metropolitano acollerá no marco do seu ciclo Forumfolk a presentación do traballo discográfico Asumindo riscos, o primeiro disco do grupo folk ARRÁS no que o grupo condensa as diversas tendencias musicais e sonoras que o caracterizan. ARRÁS nace a finais do ano 2004 como un grupo de amigos estudantes que deciden facer a música que lles gusta. Sen dúbida a ideosincrasia do grupo refléxase na súa música, un auténtico "potaxe galego" froito das diversas influencias dos seus integrantes. Manteñen unha liña de traballo definida; a base do seu repertorio son as composicións propias, que en ocasións o grupo mestura en perfecta sintonía coa música tradicional e popular. ARRÁS foi gañador do VI Concurso Folk organizado por Radio Obradoiro grazas ao cal levaron a súa música ao longo destes anos por algúns dos máis representativos escenarios e festivais galegos (Teatro Principal de Compostela, Teatro de Viveiros, Viveifolk, Festival folk de Guísamo, Festival folk da praia de Ézaro, Festa do Queixo...) e compartiron escenario e vivencias con grupos de renome: Kepa Junquera, Cristina Pato, Leilía, Susana Seivane, Brath, Faltriqueira... ARRÁS está formado por seis compoñentes de diversa procedencia, todos eles curtidos no mundo da música dende moi novos e unidos cun obxectivo común: desfrutar coa boa música. O prezo das entradas é de 5 euros (3 euros para xente nova con carné xove, maiores de 65 anos e desempregados).
A banda: Manu Abraldes: baixo eléctrico e acústico; Rocío Jiménez: voz; David Bellas: gaitas, saxos tenor e soprano e frautas; Pablo Gómez: piano, teclados e voz; Michel Ribadulla: guitarras acústica e eléctrica; Dani Díaz: batería e percusión.














