Exposición “Celebrando o Códice Calixtino”, de Francisco Leiro
Do mércores
25 de agosto ao domingo 26 de setembro
De 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 h., todos os días
Pazo Municipal
Entrada libre.
O grande artista galego Francisco Leiro ilustrou a edición de luxo traducida da obra mestra do Medievo galego, o manuscrito en latín do século XII, conservado na Catedral de Santiago e considerado a primeira guía de viaxes, onde se exalta o universo xacobeo e a figura do Apóstolo Santiago. O traballo do prestixioso escultor de Cambados, residente en Nova York, inclúe as 34 letras capitais coas que comeza cada capítulo do Códex Calixtinus e as seis portadas que creou sobre papel e técnica mixta. A mostra complétase con dúas esculturas de madeira que dan forma, en tres dimensións, a dúas das letras utilizadas como capitulares: a B e a T. As portadas deseñadas por Leiro ilustran o principio da obra e o inicio de cada un dos cinco libros dos que se compón o Códice Calixtino. E as letras capitulares inician cada un dos seus capítulos. Os visitantes poderán, ademais, manipular e consultar un exemplar da edición de luxo traducida ao galego, sempre acompañados pola música de ambiente do Códice Calixtino da que se fai especial mención nos textos.















