A
seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 8 da tarde: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro… Se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición: "quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo... (por exemplo)".
Na web de Lois Pereiro está habilitado este espazo para que anotar as iniciativas de cada localidade, e así organizar xente, propostas e esforzos. Xúntase tamén unha proposta de escaleta. As dúbidas ao enderezo oficial loispereiro2011 at gmail.com.
Na Coruña terán lugar, o día 12 de maio, estas actividades dentro do VENTO LOIS, todas elas con entrada libre até completar capacidade:
- No Antigo Cárcere Provincial, a partir das 21:00 horas: Concerto Expansivo coa música de Ulträqäns e Loretta Martin; e un recital poético a cargo de Antía Otero, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xulio López Valcárcel. Presentan Manuel Rivas e Xurxo Souto.
- No Salón de Actos do Museo de Belas Artes, ás 20:00 horas, terá lugar a lectura do Manifesto Loisista, a proxección de varios videopoemas de Pedro Ramos sobre a obra de Lois, e un recital coa participación de Andrés Ibáñez -perfomance cos textos ¿Que é Galicia? e Narcisismo-, Olga Patiño, Tiago Acosta, Juan García e unha performance de Uxía Vázquez a partir de Dyn-Amo e Steve Dwoskin ós trinta anos.
- Na Biblioteca González Garcés (Rúa Miguel Glez. Garcés, s/n), ás 20:00 h., espectáculo de teatro con música en directo "Poesía última de Lois Pereiro", por Fantoches Baj.
- No Centro de Formación Profesional "Tomás Barros" (Rúa Ramón María Aller, 10, entrechán), a partir das 12:30 horas, os alumnos e profesores súmanse ao VENTO LOIS coa ventisca do Manifesto Loisista, seguida do vendaval participativo de poemas de Lois a cargo do alumnado; para dar paso a unha breve brisa biográfica con protagonistas monfortinos; e estoupar cun furacán musical de melodías domésticas. O acto estará aberto a todo o público que queira acudir.
