Álvaro Cebreiro ten desde hoxe unha rúa co seu nome na Coruña
O Pleno do Concello dedícalle este luns 7 de febreiro unha rúa da Coruña a Álvaro Cebreiro, e desde a Concellaría de Cultura queremos lembrar a singradura vital desta relevante figura artística que por fin acada un merecido recoñecemento na súa cidade:
Naceu o 26 de maio de 1903 na rúa Linares Rivas. Estudou na Escola de Comercio da cidade, ainda que nunca exercería ningún oficio relacionado con este ámbito. En1919 comeza a colaborar, facendo caricaturas, co xornal "A Nosa Terra", órgano de expresión das "Irmandades da Fala". A súa primeira exposición individual tería lugar, precisamente, na sala das Irmandades, en 1920.
Nestes primeiros anos da década dos 20 traba amizade cun grupo de intelectuais galegos e portugueses: Manuel Antonio, Teixeira de Pascoaes, Ramón Cabanillas, etc., a quen caricaturizou maxistralmente. Son anos de traballo intenso e de participación en diferentes publicacións: a revista "Mondariz"; redactor artístico de "Alborada"; ilustrador da editorial "Céltiga", da colección "Libredón" e de "Rexurdimento". En xuño do 1922 asina con Manuel Antonio o manifesto "Máis alá", texto en que poeta e debuxante se comprometen cunha postura estética de ruptura e renovación e cunha busca de novos camiños na expresión artística e literaria, amosando o seu compromiso coa vangarda artística e cultural da época. Ao ano seguinte, fúndase en Lugo a revista artística "Ronsel", da que Cebreiro será director artístico, e na Coruña "Alfar", na que será colaborador habitual, colaborando tamén na prensa xeral e en pequenas publicacións culturais: "As Roladas", "Prisma", "Gráfica", "La Concordia" e "El Pueblo Gallego". En 1927 colabora en "El Sol", un dos xornais de máis tirada en Madrid. Unha das súas creacións en prensa máis significativas foi a que mantivo coa revista "Vida Gallega" de Vigo. Por estes anos, inicia unha especial relación cun grupo de intelectuais portugueses, algúns deles exiliados por un tempo na Coruña. Destas verdadeiras e fondas amizades cómpre destacar dous nomes, o poeta Teixeira de Pascoaes e Bernardino Machado, que fora presidente da República portuguesa, sendo tradutor de moitos textos destes intelectuais do portugués ao galego, e tamén trasladou ao galego a obra de poetas de vangarda franceses como Apollinaire. En 1928 viaxa a París para completar a súa formación artística.
Durante os tempos da II República vai estar moi vencellado ao taller de Luis Huici, onde se reunía un grupo de intelectuais nun faladoiro, no que coincidiu con Luís Seoane e Urbano Lugrís. Foi un recoñecido debuxante de carteis por estas datas, chegando a gañar o premio do Concello da Coruña. En 1934 participa na fundación da Asociación de Artistas da Coruña. A partir da guerra civil, asasinados Huici e Abad Conde, e exiliado Seoane, fica nun difícil exilio interior do que non sairá ata 1949, en que reaparece como artista no certame "Cien años de arte en Galicia". A partir de 1950 comeza a colaborar no xornal El Ideal Gallego, facendo a tira de humor. Chégalle o recoñecemento de novo, sendo considerado un dos humoristas gráficos sobranceiros da plástica galega. Na década dos 50 aparece en diferentes certames artísticos e é nomeado, en 1953, académico na Real Academia Provincial de Belas Artes da Coruña. En 1954 xurde a revista "Atlántida", na que vai colaborar con Urbano Lugrís e co seu íntimo amigo e biógrafo Mariano Tudela. En novembro dese mesmo ano reaparece "Vida Gallega", que volve contar con Cebreiro, quen finalmente morreu en 1956 tras unha longa enfermidade pulmonar.
Para máis información pódese consultar, completa, a excelente biografía publicada na web do Museo de Belas Artes da Coruña, que tomamos como base para este texto.














