Confírmase a realización na Coruña do Culturgal 2010

mércores, 28 xullo 2010, 9:18 | Category : culturgal
Tags : , , ,

Culturgal, a feira das industrias culturais galegas, vaise celebrar do 10 ao 12 de decembro na Coruña. A concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, e o presidente da recentemente creada Asociación Culturgal, Xulio Amigo, acompañado por tres membros da executiva: o vicepresidente da asociación, Ernesto Chao, o secretario, Cándido Meixide e a tesoureira, Beatriz Sieira, reuníronse esta semana para comezar a andaina da que vai ser a grande cita referencial da cultura galega. Polo de agora, a Concellaría de Cultura da Coruña (que destinará a este evento un orzamento similar ao adicado o ano pasado ao AchegArte), e a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) son os únicos apoios económicos garantidos a día de hoxe. O obxectivo fundamental é traer de volta o Culturgal, que desaparecera despois de dúas exitosas edicións. No ano 2008, estimouse que uns 35.000 visitantes pasaron polo Palexco coruñés. Tras esa edición, o novo titular de Cultura tras o cambio de goberno na Xunta deixou de financiar a feira alegando “falta de cartos e de tempo”. A Deputación e a Concellaría de Cultura da Coruña decidiron entón organizar unha feira alternativa, nacendo así AchegArte, que supuxo un rotundo éxito de público con 40.000 visitantes no 2009. Os sectores implicados amosan, deste xeito, a súa vontade de non deixar pasar un ano máis sen a grande Feira da cultura galega.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A Concelleira de Cultura lamenta o desprezo da Xunta coa cidade da Coruña ao negarlle unha vez máis a celebración do Culturgal

venres, 12 marzo 2010, 11:00 | Category : comunicados
Tags : ,

A Concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, lamentou a actitude de desprezo que continúa a manter a Xunta de Galiza coa cidade da Coruña ao negarse a aceptar A Coruña como sede para a celebración do vindeiro Culturgal ao mesmo tempo que negou comprometer fondos para a celebración deste evento que tivo unha importante acollida no sector e convertiuse nun apoio para á cultura galega.

A portavoz de cultura do BNG, Ana Pontón, defendeu onte no Parlamento galego unha Proposición non de Lei sobre a organización da Feira das Industrias Culturais “CULTURGAL” no ano 2010 que foi rexeitada polo grupo parlamentario do Partido popular. A deputada do BNG, lamentou igual que a Concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo, que o Partido Popular non aceptara a cidade de A Coruña para a celebración do próximo “CULTURGAL” e a falta de compromiso orzamentario para un evento que cualificou de “grande éxito” en edicións anteriores.

A celebración do “CULTURGAL” durante os anos 2007 e 2008 tivo unha acollida moi favorable entre as industrias culturais e foi un importante apoio para as asociacións do sector pero “no ano 2009 a actual Consellaría de Cultura e Turismo decidiu suspendelo alegando falta de recursos para a súa organización”. No pasado período de sesións o BNG presentou unha iniciativa na que se instaba á Xunta de Galicia a que no ano 2009 se celebrara o CULTURGAL, baseándose nos anos 2007 e 2008 como “fito importante” na política de promoción, proxección das industrias culturais e elemento dinamizador da cultura galega. Con este evento celebrado no ano 2007 co Goberno bipartito, “a Xunta apostaba por visibilizar as industrias culturais galegas dándolle pulo no ano 2008 cunha gran afluencia de público”.

A Concelleira de Cultura María Xosé Bravo lembrou que foi en decembro de 2008 cando a anterior Conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, fixara A Coruña como sede permanente de Cultur.gal despois de avaliar a moi boa presenza de público na feira celebrada ese mesmo ano na cidade herculina que superou as 37.000 persoas, o que significou cuadriplicar a asistencia á primeira edición (nova que continúa a ser a última entrada da web oficial do Cultur.gal).

A Concelleira de Cultura da Coruña considera que a Consellería dirixida por Roberto Varela cometeu un importante “un erro” no ano 2009 por non seguir apostando por esta iniciativa sendo a cidade da Coruña en solitario a que impulsou a celebración da Feira o pasado ano. O Partido Popular argumentou no ano 2009 non contar con recursos nin tempo para organizalo, mais a concellaría de Cultura de A Coruña que dirixe a nacionalista María Xosé Bravo foi quen de poñer en marcha unha iniciativa semellante baixo o lema Achegarte que foi outro “rotundo éxito” con máis de 40.000 visitantes.

Por todo isto, a Concelleira de Cultura -igual que fixo a representante do BNG no Parlamento- exise unha rectificación da política da Xunta por considerar que as industrias culturais galegas son “un elemento dinamizador que dá traballo a máis de 26.000 persoas e representa case o 2% do PIB, ademais de contar cun gran potencial de creación”. Na actualidade, e en plena crise económica, “a Xunta de Galicia edita libros con editoriais foráneas”, cando existen en Galicia empresas que realizan esta actividade .

Na súa intervención de onte no Parlamento Ana Pontón acusou ao portavoz de cultura do PP, Ignacio López Chaves, de “manter unha postura belixerante co idioma galego e coa anterior conselleira, Ánxela Bugallo, promotora do CULTURGAL. Pontón reiterou as súas criticas ao actual Conselleiro de Cultura por non apoiar as industrias culturais nin aos artistas galegos e seguir ofendéndonos –dixo- cando se refire á cultura galega como “unha cultura acomplexada” ou ao “desván de los monjes”
A deputada do BNG afirmou que o Partido Popular “segue obsesionado” cos éxitos do bipartito e que esa foi a razón pola que decidiu suspender a celebración do CULTUGAL e agora pretenden cambiar tamén a sede sen ter en conta que “ter unha sede dimensiona este evento”.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

AchegArte: a feira da cultura galega en 2009

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Queremos cultura!

domingo, 4 outubro 2009, 19:00 | Category : comunicados, culturgal
Tags :

O goberno do Partido Popular acaba de confirmar que non organizará o CULTURGAL, a Feira das Industrias Culturais pola que o ano pasado pasaron máis de 37.000 persoas, onde a música, o libro, o teatro, o audiovisual, as novas tecnoloxías… eran os protagonistas, onde a cultura estaba no mellor escaparate para gabarse e para venderse. Alí puidemos gozar coa cultura que facemos: contemporánea, moderna, atractiva, que nos fixo sentir que somos unha potencia, porque este país ten talento.

Quizá non debería sorprendernos esta decisión porque a dereita semella incapaz por natureza de ter a cultura entre as súas prioridades. Mais un grupo de persoas iniciou unha campaña para facer a grande mostra da Cultura Galega, aínda sen axuda da Consellaría de Cultura. Xuntando a capacidade de moitos para facelo posible e nós estaremos aí, non liderando senón acompañando, empuxando con eses que non se conforman, que non se amilanan, que non se encollen, que non se acovardan, que non se venden, porque queremos cultura.

Non será posible o CULTURGAL 2009 que queriamos, mais faremos unha festa da CULTURA GALEGA, porque nós queremos cultura e ímola defender con paixón e vehemencia, como somos. Ímolo facer por dignidade, faremos unha festa da cultura, unha festa atractiva porque nós sabemos que recortar gastos en cultura só produce miseria total. E cómpre que saiba todo o mundo que mentres algúns só destrúen, nós traballamos, nós avanzamos.

Foi Nietzsche quen dixo “O grande estilo nace cando o fermoso obtén a vitoria sobre o enorme”. Con estilo esta batalla ímola dar!

Mª Xosé Bravo
Concelleira de Cultura do Concello da Coruña

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A Concellaría de Cultura expresa o seu malestar pola decisión da Xunta de non convocar este ano o Culturgal

mércores, 9 setembro 2009, 21:00 | Category : comunicados, culturgal
Tags :

A Concellaría de Cultura quere expresar a súa máis profunda decepción ante a decisión dada a coñecer hoxe por parte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia de non organizar en 2009 a Feira Galega das Industrias Culturais “Culturgal”. A anterior edición do Culturgal celebrouse na nosa cidade o pasado mes de decembro e acadou espectaculares cifras de asistencia, que favoreceron a proclamación da Coruña como sede permanente desta Feira, un evento que demostrou ser un utilísimo escaparate para a cultura de noso. Ao adiar a Feira como mínimo ata 2010 alegando razóns financeiras o departamento de cultura da Xunta de Galicia deixa aos coruñeses e coruñesas sen un dos principais acontecementos culturais e sociais do ano, que é tamén, non o esquezamos, unha valiosa oportunidade de negocio para as empresas do sector.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google