Concerto de presentación do disco "A Coruña Son 2008"

O vindeiro mércores 28 de xaneiro ás 20:30 no Fórum Metropolitano da Coruña celébrase o concerto de presentación do disco A Coruña Son 2008, que nace como resultado do obradoiro que baixo a dirección do cantante e compositor Santiago Auserón se desenvolveu na nosa cidade o pasado mes de marzo. A maior parte dos artistas que participaron naquela experiencia actuarán no Fórum nun concerto no que o público que asista recibirá ademais como agasallo a edición en formato digipack do disco. O prezo das entradas será de 3 €. As bandas que confirmaron a súa presenza no concerto son as seguintes:

Mr Carácter: “Xabarín Manía” (Rock galego)
Chámalle Xis!: “Canto aquí, canto onde me peta” (Son galego)
doGma'I: “A lagoa dos soños” (Pop psicodélico)
Pablo Díaz: “O moucho” (Novo folk)
Siesta continental: “Violoncello” (Cabaret-art)
Tonhito de Poi: “Mariñeira” (Rock galego)

O disco A Coruña Son 2008 complétase coas cancións de Nat (“Nunca te quixen”, canción de autor), O sonoro maxín (“A rúa do perigo”, reggae atlántico), D-Laxe (“Túas mans”, trip-hop atlántico) e “A misteriosa”, versión en galego de “La misteriosa” con tradución de Tati Mancebo e Alfredo Ferreiro e interpretada por Santiago Auserón.

Recordámosvos tamén que até o 10 de febreiro está aberto o prazo para inscribir cancións na segunda edición de ACoruñaSon’09, que terá lugar na Coruña entre o 24 e o 28 de febreiro. Organizado polas Concellarías de Cultura e de Mocidade do Concello da Coruña, este certame ten como obxectivo fomentar, descubrir e promocionar novos autores e autoras de canción popular en galego. Os dez artistas que sexan seleccionados terán como premio a asistencia a un obradoiro de canción popular dunha semana de duración impartido por Santiago Auserón, primeira figura da creación, a interpretación e o estudo da música popular peninsular, onde traballarán as súas propias composicións. A actividade final do obradoiro será a gravación dun disco colectivo e a celebración dun concerto ao que serán convidados representantes de todos os sectores da industria musical galega. Os solistas ou conxuntos interesados en participar poden subir xa as súas cancións en vídeo ou en formato mp3 na web do proxecto.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google