Cartaz (1260 x 1800, 2,2 MB): [descargar]
Programación en PDF: [descargar]
Coincidindo co inicio do ano, a Concellaría de Cultura do Excmo. Concello da Coruña abre as súas portas á cuarta edición do Iberojazz, festival que se está a converter nunha cita ineludible do mes de xaneiro nesta cidade para afeccionados e músicos. Como vén sendo habitual cada ano, a organización esfórzase en amosar as novidades musicais coa máxima calidade neste xénero que se están a facer na Península Ibérica, facendo fincapé no jazz de Galiza.
A pasada edición estivo dedicada a reflectir os sesenta anos de historia do jazz en España homenaxeando as figuras de Tete Monteliú da man do seu contrabaixista Horacio Fumero e a Pedro Iturralde, que participou como cabeza visible do Iberojazz 2008. Nesta nova edición marcada pola continuidade histórica, é de rigor a presenza de dous músicos que diferenciados artisticamente polo seu estilo, pertencen ao que poderiamos denominar como segunda xeración de músicos de jazz da Península. Estamos a falar por unha banda do contrabaixista lisboeta Zé Eduardo que dirixira nos anos oitenta a Big-band do Taller de Músicas de Barcelona acompañando ao propio Tete Monteliú. Zé Eduardo ofreceranos no Fórum Metropolitano a súa visión contemporánea do jazz co seu grupo Zé Eduardo Unit co que leva varios discos editados, entre eles un dedicado á música de José Afonso co título A Jazzar no Zeca. Por outra banda, o saxofonista-flautista madrileño Jorge Pardo xunto ao guitarrista Antonio Carbonell "El Bola", impregnarán de sons flamenco-jazz o Teatro Rosalía de Castro coa presentación do seu álbum Desvarios editado polo selo RTVE Música, dentro da colección Jazz en España.
Dentro do ámbito autonómico crimos necesario que un grupo con personalidade propia que gravou, entre outros, un disco nos anos oitenta co propio Jorge Pardo, clausurase este Iberojazz 2009 no mesmo Teatro Rosalía. Clunia, que xa ten representado ao jazz galego en múltiples certames e festivais nacionais e internacionais ao longo da súa traxectoria, está a celebrar o seu vintecinco aniversario como formación e fará coincidir a súa presenza no Iberojazz coa gravación do seu próximo traballo discográfico.
Sen esquecer a filosofía que lle deu vida a este festival e en colaboración coa Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, esta nova edición do Iberojazz contará cun novo intercambio entre músicos de diferentes escolas superiores da Península, coa permanente presenza dun grupo da nosa comunidade. Se o ano pasado lle tocaba compartir o escenario do Fórum Metropolitano a un combo de Musikene (Euskadi) cun combo do Departamento de Jazz do Cosmac (Conservatorio Superior de Música da Coruña), nesta nova edición compartirao un combo da Esmae (Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Oporto) con outro de diferentes características do devandito Conservatorio Superior de Música da Coruña.
O Jazz Galego seguirá a ter gran presenza no Fórum Metropolitano coa presentación dun novo traballo discográfico da vocalista Terela Gradín e o pianista Manolo Gutiérrez co título de Pascala, un traballo que afonda no pop de Radiohead e nas creacións propias desde a estética do Jazz.
As novidades neste certame 2009 veranse reflectidas en dúas vertentes. A primeira, arredor dunha mesa redonda co título "O Jazz en tempos de crise" que abrirá o Festival no Fórum e será conducida e coordinada por Juan Torreiro (xornalista de La Voz de Galicia) xunto a músicos, críticos e programadores da comunidade. Despois, darase paso a un concerto no mesmo Fórum do dúo Ton Risco e Jacobo de Miguel, dúo de vibráfono e piano que presentarán oficialmente en Galiza o seu primeiro traballo discográfico Duo. A segunda novidade terá como orixinalidade a unión da música ao cinema nun espectáculo multimedia en clave de jazz a cargo do zanfonista Germán Díaz e o guitarrista Antonio Bravo, tratándose dun novidoso espectáculo que percorrerá o Cancioneiro popular da Guerra Civil Española baseado nun material recollido no libro de Luis Díaz Viana.
Os clásicos clubs da cidade onde o jazz soa cada noite, non pasarán desapercibidos ofrecendo tres concertos, un en cada club, de tres grupos noveis que ofrecerán a súa visión do jazz actual. No Jazz Vides, o trío 3 Azoteas, presentará un repertorio de composicións propias da man do pianista Iago Mouriño, o contrabaixista Pablo Pérez e o batería Miguel Queixas, que se verá reflectido no que será o seu primeiro traballo discográfico. O pub Garufa acollerá a presentación, por primeira vez na súa cidade, da cantante coruñesa Ángeles Dorrio que acompañada polo pianista-teclista Sergio Delgado, o baixista Octavio Vargas e o batería Miguel Cabana amosarán un repertorio orixinal e de versións propias sobre diferentes cantantes do soul-jazz, en arranxos do propio Sergio Delgado. Xa para rematar, o Filloa será o club onde o trío Citric presente o seu primeiro traballo discográfico. Citric é un trío que vén de participar no circuíto de jazz do Injuve 2008 e está composto polo saxofonista Luis Verde, o contrabaixista Ander García e o baterista Hilario Rodeiro.
Desde a concellaría, a xerencia e a dirección deste festival desexamos que esta nova edición cumpra coas esixencias dun público cada día máis crítico e apaixonado por esta música.Que o gocedes!
Alberto Conde
Director artístico