Iberojazz 2010: concerto de Walter White

luns, 18 xaneiro 2010, 11:00 | Category : concertos, música
Tags : , , , ,

Un ano máis o Festival Iberojazz presenta as novas perspectivas que afloran no jazz ao longo da Península coa mirada posta en novos talentos e novos proxectos. Este ano, a organización fixo fincapé nas creacións e adaptacións dos grandes formatos, desde a clásica Big Band até os proxectos máis vangardistas e actuais na creación orquestral. Para conseguir un amplo abano nesta disciplina, ampliouse a colaboración co Conservatorio Superior de Música da Coruña, que este ano presenta a súa orquestra en formato Big Band con dúas colaboracións artísticas de excepción no ámbito internacional.

O martes 19 de xaneiro, abrirá o festival o concerto que ofrecerá o trompetista Walter White (Detroit) no club Filloa ás 23.00 h, sen dúbida un dos máis importantes tiplistas do mundo. Gravou dúos históricos con Maynard Ferguson no Ronnie Scott, rexistrados no CD Live from London, e destacou tamén como intérprete de jazz e clásica nas súas colaboracións coa Lincoln Center con Wynton Marsalis, a Woody Herman, a Jaco Pastorius e a Mingus Big Bands, e como solista da Sinfónica de Detroit, á parte de colaboracións con Bob James, Dave Holland ou Kenny Wheleer. Neste concerto, formará cuarteto co trío galego-asturiano-arxentino composto por Miguel Queixas (batería), Jacobo de Miguel (piano) e Gustavo Hernán (contrabaixo), e interpretará composicións do propio Walter e do pianista Jacobo de Miguel.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: O último round

xoves, 17 decembro 2009, 14:00 | Category : cinema
Tags : ,

O último round (Battling Butler) de Buster Keaton, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo Música para Keaton.

Horario: Xoves 17, 20:30. Venres 18, 20:30. Sábado 19, 20:30. As sesións do venres e o sábado ás 20:30 contarán coa música en directo de Jacobo de Miguel.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: Sherlock Jr

xoves, 3 decembro 2009, 15:00 | Category : cinema
Tags : ,

O moderno Sherlock Holmes (Sherlock Jr) de Buster Keaton, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo Música para Keaton.

Horario: Xoves 3, 20:30. Venres 4, 20:30 e 23:00. Sábado 5, 17:30 e 20:30. As sesións do venres e o sábado ás 20:30 contarán coa música en directo de Jacobo de Miguel.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: Música para Keaton

xoves, 3 decembro 2009, 12:50 | Category : cinema
Tags : ,

BusterKeatonA lenda asegura que non fixera aínda un ano cando Harry Houdini lle puxo o alcume polo que sería coñecido o resto da súa vida. Nacido en Kansas canda o cinema, en 1895, o naipelo chamado Joseph Frank Keaton caeu polas escaleiras sen mancarse, un feito insólito que provocou unha resposta inmediata do lendario mago: “Iso si que foi un bo sopapo”, “buster” no argot empregado por Houdini. Esa estoica resistencia infantil levouno a debutar nos escenarios xunto aos seus pais con apenas tres anos, en números cómicos e circenses nos que o habitual era que o neno Keaton acabase voando polo aire. Antes de dedicarse ao cinema contaba os seus anos de vida por anos de experiencia acrobática no vodevil, mais os accidentes e feridas foron case inexistentes, até o punto de que algúns dos seus espectáculos chegaron a promocionarse coa frase O mozo que non pode facerse dano.

Empezou a facer filmes en 1917, cando coñeceu en Nova York a Roscoe "Fatty” Arbukle, daquela xa unha estrela. Keaton tiña certas reservas cara ao cinema, mais decidiu pedirlle prestada unha cámara e levala para o hotel coa intención de desmontala e volvela montar; levoulle unhas poucas horas dar entendido o seu funcionamento e foi niso que regresou ao estudio de rodaxe para pedir traballo. Non tardou moito en convertirse no axudante de dirección de Fatty e o seu principal fabricante de gags. Na altura de 1920 o produtor Joseph Schenck creou para el unha unidade específica de produción coa que fixo miticas curtas coma One week ou Electric house. O seu éxito permitiu o salto á longametraxe e aí arrincou unha etapa de creatividade incomparábel. Unha detrás doutra viñeron as súas obras mestras: As tres idades, A lei da hospitalidade, O moderno Sherlock Holmes, O navigante, Sete ocasións, O Rei dos cowboys, O último round, O maquinista de La General, O colexial, O heroe do río, O cameraman... Logo chegou o esquecemento. En 1928 fichou pola MGM, unha decisión que lamentaría toda a súa vida; perdeu independencia e viuse obrigado a traballar en filmes que desprezaba no tempo da transformación radical da industria pola aparición do sonoro que coincidiu ademais cun complicado momento persoal. Mantívose nun segundo plano escribindo escenas de humor para películas alleas (entre elas, varias dos Irmáns Marx) e facendo cameos. A televisión deulle nova popularidade a partir dos anos 50; tivo o seu propio show e permitiu a emisión das súas películas pola pequena pantalla, o cal reavivou o interese pola súa obra. Fixo pequenos papeis en filmes de moita sona (Sunset Boulevard, Limelight) e protagonizou pezas de prestixio como The Railrodder ou Film, o único guión que o Premio Nobel Samuel Beckett escribiu directamente para o cinema. Morreu pouco despois, en 1966, vítima dun cancro de pulmón. Era outra vez un mito, unha figura de culto honrada por poetas e ensaístas que viron nel un autor irrepetíbel.

A Sala Fernando Rey rende tributo ao xenial cineasta no ciclo Música para Keaton, que ofrecerá en decembro tres das súas grandes películas, coa música en directo do pianista Jacobo de Miguel como acompañamento de luxo.

MÚSICA PARA KEATON
Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano, decembro de 2009
Xoves 3, venres 4 e sábado 5: Sherlock Jr (O moderno Sherlock Holmes)
Xoves 10, venres 11 e sábado 12: Go west (O Rei dos cowboys)
Xoves 17, venres 18 e sábado 19: Buttling Butler (O último round)
Proxeccións os xoves ás 20.30; venres, ás 20.30 e 23.00; e sábado ás 17.30 e 20.30 h. Os pases dos venres e sábados ás 20:30 contarán con música ao vivo a cargo de Jacobo de Miguel.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Jacobo de Miguel pon música aos filmes de Buster Keaton

xoves, 3 decembro 2009, 11:00 | Category : cinema, música
Tags : ,

jacobodemiguelPianista ovetense de formación clásica, Jacobo de Miguel centrou axiña todo o seu interese na música improvisada e o jazz. Foi profesor nos talleres de músicos de Oviedo e Xixón, e actualmente é profesor na Fundación de Música Moderna de Avilés onde dirixe o Departamento de Improvisación e Jazz. Completa o seu labor pedagóxico impartindo cursos e seminarios da especialidade.

Participou con diferentes formacións en festivais de jazz de todo o estado (Badaxoz, Vigo, Oviedo, Coruña, Lleida, Ourense, Ribadesella, Xixón, Santiago de Compostela...) así como en diferentes salas e clubes do país. Tocou oi gravou con Carlos Barreto, Roberto Somoza, Mathew Simon, Iñaki Askunze, Andreas Pritwitz, Carlos López, David Pastor, Fernando Llorca, Israel Sandoval, Celia Mur, Ton Risco, Kin García, Marcelino Galán, Ethan Winogrand, Joaquín Chacón, Noah Shaye, Ciro Daniel Buono, Goran Strbac... Entre as súas últimas gravacións atópanse Dúo co vibrafonista ourensán Ton Risco; Eye In The Sky Proxecto, trío coliderado por David Casillas ao contrabaixo e Fernando Arias á batería e CD debut do Jacobo de Miguel Cuarteto coa participación de Roberto Somoza no saxo, Kin García ao contrabaixo e Carlos López á batería. As súas últimas colaboracións como sideman están recollidas en Right Way Down do baterista neoiorquino Ethan Winogrand con Carlos Baretto ao contrabaixo e The Vanguard da Roberto Somoza Jazz Orquestra.

Jacobo de Miguel fará o acompañamento musical ao vivo das proxeccións de cinema dos venres e sábados ás 20:30 do ciclo Música para Keaton, en decembro na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Forumfolk: Pedro Lamas e Jacobo de Miguel + Xabier Díaz

luns, 26 xaneiro 2009, 12:00 | Category : concertos, música
Tags : , , ,

O luns 26 comeza o ciclo Forumfolk'09 cunha actuación de Pedro Lamas e Jacobo de Miguel Dúo na que presentarán o seu primeiro traballo, A lebre e a mazá, un proxecto no que interpretan temas tradicionais en clave de jazz. Será un concerto intimista e elegante no que Pedro Lamas (gaita e saxo) e Jacobo de Miguel (piano) contarán coa colaboración do cantante Xabier Díaz.

Partindo do respecto polas claves que definen e conforman a tradición (da que Pedro Lamas é bo coñecedor), o dúo vai tinguindo as diferentes pezas que escollen para o seu repertorio con variadas cores que reflicten as súas vivencias musicais e persoais. É así que Lamas e De Miguel incorporan nos seus arranxos elementos extraídos do jazz, do new age, da música clásica e mesmo da cultura pop e a música máis comercial, sen prexuízo ningún en canto á súa procedencia e tomando como única guía a procura dun vehículo de expresión propio no que a tradición ocupe un lugar preferente.

O seu espectáculo bríndanos a posibilidade de disfrutar da beleza das melodías populares revisadas co bo facer destes dous músicos que nesta ocasión contan coa inestimábel participación de Xabier Díaz para conformar un directo no que hai sitio tanto para o lirismo máis refinado como para momentos de singular firmeza e intensidade.

O concerto celébrase no auditorio do Fórum Metropolitano ás 21 horas do luns 26 de xaneiro. O prezo das entradas é de 5 € (3 euros para usuarios de carné xove, maiores de 65 anos e desempregados)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Presentación do ciclo Forumfolk

Jacobo de Miguel, Pedro Lamas, a concelleira María Xosé Bravo e a directora do Fórum, Bettina Kohlhaas

Hoxe deuse a coñecer a programación do ciclo Forumfolk, o espazo que o Forum Metropolitano dedica á presentación de novas propostas do folk e da musica tradicional galega. O ciclo comeza o próximo luns 26 coa actuación de Jacobo de Miguel, Pedro Lamas e Xabier Díaz, e continúa até o verán cun concerto cada cuarto luns de mes. No futuro o ciclo incluiŕa tamén actividades paralelas, como mesas de debate, proxeccións, exposicións, clases maxistrais, etc. Forumfolk fica aberto a propostas e pretende convertirse nun espazo moi dinámico, coa intención de afianzar o ciclo coma un referente de apoio e fomento do folk e da música de noso.

Máis información e cartaz de Forumfolk, nesta páxina.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Iberojazz: concerto de Jacobo de Miguel e Ton Risco

xoves, 15 xaneiro 2009, 14:55 | Category : concertos, música
Tags : , , ,

O concerto de hoxe no Fórum Metropolitano será a presentación de “DÚO”, o primeiro disco do proxecto formado por Jacobo de Miguel (piano) e Ton Risco (vibráfono) que amosa unha perspectiva camerística da música de jazz. É a culminación de anos de traballo musical e a mestura de dúas persoalidades de experiencias diferentes mais con puntos converxentes en aspectos cruciais: o entendemento musical, o gusto pola delicadeza e o compromiso coa música improvisada. Neste sentido, a concepción das súas composicións participa destes feitos tanto no labor compositivo coma nas secións improvisatorias. En “Dúo” converxen diferentes tradicións musicais: a clásica, a americana e a europea. Non é casualidade daquela que ambos os dous teñan formación clásica e participen non só da tradición jazzística americana senón tamén do gusto pola chamada “música seria”. Coma músicos do noroeste da península participan dunha corrente de interpretación europea crucial no desenvolvemento do jazz ao longo do século XX. Máis alá destas consideracións, “Dúo” é, sobre todo, a suma de dúas individualidades musicais que están a atopar un espazo común no que construír a súa obra.

Jacobo de Miguel é un pianista ovetense de formación clásica que ben axiña centrou o seu interese na música improvisada e o jazz. Foi profesor nos talleres de músicos de Oviedo e Gijón e actualmente é profesor na Fundación de Música Moderna de Avilés onde dirixe o Departamento de Improvisación e Jazz. Completa o seu labor pedagóxico impartindo cursos e seminarios desa especialidade. Toca con diferentes formacións en festivais de jazz por toda a xeografía nacional así coma en diferentes salas e clubes do país.

O ourensán Ton Risco comezou os seus estudios de batería e percusión con Fernando Martínez-Risco. En 1998 recibiu clases en Madrid do batería de jazz Pedro López. En 1999 é aceptado na Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia, e no Real Conservatorio da Haia (Holanda) cos profesores Wim Vos e Aly N'Diaye Rose; e con Erik Ineke e Frits Landesbergen (batería e vibráfono) no departamento de jazz. Licénciase en 2004 e 2006 en Percusión Clásica e Vibráfono de Jazz, respectivamente. Na actualidade é profesor de percusión do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela á vez que desenvolve a súa carreira concertística como membro de “Odaiko Percussion Group” e traballando no proxecto “Dúo” co pianista asturiano Jacobo de Miguel.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Jacobo de Miguel e Ton Risco abren Iberojazz 2009

xoves, 15 xaneiro 2009, 11:00 | Category : concertos, música
Tags : , , , ,

Coa actuación de Jacobo de Miguel e Ton Risco, dúo de vibráfono e piano que presenta o seu primeiro disco, dá comezo hoxe unha nova edición de Iberojazz. O concerto terá lugar ás 21 horas no auditorio do Fórum Metropolitano. Unha hora antes e no mesmo recinto haberá unha mesa redonda coordinada por Juan Torreiro co título "O jazz nos tempos de crise". O prezo das entradas é de 7 € (5 € para maiores de 65 anos, desempregados e posuídores do carné xove)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google