Museos Científicos: distribución gratuíta do monográfico informativo “Sobrepesca”
O
domingo 21 de novembro os Museos Científicos Coruñeses distribúen gratuitamente un monográfico informativo titulado "Sobrepesca". Aínda que existen noticias sobre o esgotamento de recursos mariños na antigüidade, a explotación pesqueira mundial deu sinais de alarma durante a segunda metade do século XX. O aumento da demanda debido ao incremento da poboación mundial e a modernización da tecnoloxía provocou un paulatino esgotamento dos recursos pesqueiros. É por iso que as noticias relacionadas con este tema están cada vez máis presentes en todos os medios de comunicación. A monografía "Sobrepesca" forma parte da campaña europea "Elixe o peixe correcto", liderada en España polo Aquarium Finisterrae, e cuxo obxectivo é convidar a consumir peixes que non poñan en perigo os recursos mariños. Esta campaña tamén está a ser desenvolvida en Francia por Nausicaa Centre National de la Mer, e en Italia, a cargo do Acquario di Genova. A publicación recolle as principais inquedanzas dos cidadáns sobre o tema, recollidas nos tres países participantes. Cuestións como Cando se considera que un caladoiro está sobreexplotado?, Canto tempo tarda en recuperarse un caladoiro sobreexplotado?, Que peixes están en perigo de extinción debido á sobrepesca? Estase terminando o peixe que compro?, Que eu cambie os meus hábitos de consumo, de verdade axuda a mellorar a situación?, Como se aplican no mar as leis de pesca?, Por que se di que as redes de arrastre son malas para o mar?, É posible repoboar o mar con peixes?, teñen nesta publicación unha resposta breve, concreta e nunha linguaxe comprensible para todos os cidadáns. A información, elaborada nos Museos Científicos Coruñeses e revisada polo comité científico asesor da campaña europea, acompáñase de imaxes e gráficos que contribúen a comprender mellor os contidos. A monografía inclúe tamén unha lista de especies de consumo recomendado pola campaña para Galicia. Esta publicación está dirixida a toda a poboación e cóntase para a súa distribución coa colaboración dos diarios La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, e La Opinión. A edición está realizada co patrocinio de Caixanova.














