Achegamos
o programa de actos de homenaxe á figura de Lois Pereiro, o poeta falecido na cidade no ano 1996 e ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2011:
- Domingo 20 de marzo:
* 12:30-12:50 h. Pasarrúas desde a Praza de María Pita pola Rúa Rego de Auga até chegar ao Teatro Rosalía de Castro, coa actuación da Banda Municipal de Música.
* 13:00 h. Teatro Rosalía de Castro. Recital espontáneo con poetas e aberto a toda a cidadanía que queira asistir á actividade. No acto repartiranse octavillas cunha escolma que Manuel Rivas fixo de Lois Pereiro e escoitarase a palabra cantada de Manu Clavijo e outros cantautores. O mantedor do acto será Lino Braxe.
Para a lectura no Teatro Rosalía chámase a toda a cidadanía para ler textos, que poden ser versos de Lois, versos de poetas/autores que lle gustaban a Lois ou poemas escritos para a ocasión, e darlle deste xeito a mellor das homenaxes, a voz e o recoñecemento común de todos nós.
- Xoves 7 de abril. Teatro Rosalía de Castro. Espectáculo escénico "Mundo Lois", ideado por Antón Reixa e dirixido por Lino Braxe, co que se pretende difundir a través da imaxe a obra de Lois Pereiro.
- Asimesmo desde a Concellaría de Cultura estase a traballar nunha pequena publicación que incluirá un roteiro que nos levará por aqueles lugares da cidade que foron importantes na vida de Lois Pereiro. Este roteiro está sendo preparado por Inés, a súa irmá.
- Pola súa banda, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas chamaron á participación nun concerto de música a celebrar en varios lugares. Animan a todo aquel que estea interesado en musicar a obra de Lois Pereiro a informarse e anotarse na páxina web dedicada ao autor, onde tamén se poderán enterar de todas as novidades do ano Lois. Esta actividade é realizada en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (A.E.L.G.), Pen Club, Asociación Galega de Editores (A.G.E.) e Real Academia Galega.
Deixamos aquí esta escolma da "Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia", de Lois Pereiro, preparada por Manuel Rivas:
Loita, furia, humor... Amén!
"Xa entendes o que quero dicir:
non cambiar de señores, senón non ter ningún"
Bertolt Brecht
"Vivimos malos tempos para a reflexión e a resistencia neste imperio zombie de Microsoft mental.
¿E de que parte estaba eu? Da parte dos que intenten dalgún xeito non contribuír a que esa roda opresiva e maldita (unha historia da infamia que xa non nos permite ser inxenuos) continúe a xirar eternamente, perpetuando, cun cíclico cambio de papeis de amos ou escravos, a mesma situación ata que a terra estoupe de noxo e perversión, farta de nós.
Se alguén non o sabía xa é que estaba cego: non queremos ter amos.
Pode que xa nos atopemos a poucos metros da nosa extinción, pero o sentido do humor pervivirá sempre, e o sentido crítico deixa un rastro detrás, con mans, sen elas, cos miolos no cranio ou espallados polo chan. Volveremos á terra, e aos outros elementos primordiais. Como dicía Zeca Afonso: "Camaradas de armas dos catro elementos!..."
Agora aínda teño liberdade de opción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia lingua, "porque me peta e quero e dáme a gaña...". Moitas culturas crúzanse no meu espírito e no meu corazón non hai fronteiras. Ninguén me impediu nunca ser máis crítico e sarcástico co que eu sinto máis meu, propio e herdado.
Se me permite seguir axudando á defensa que non procura dominar nin agredir, seguirá a ser unha loita compartida por min: da tropa dos vencidos. Terra, Lingua, Cultura, Dereito á diferenza. Mente aberta ao mundo... e nada máis.
Defendámonos, logo, caladamente, con furia, ou con humor tibetano, pero non transixamos cunha soia agresión máis.
Sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos, como a estratexia humilde e provocadora de Bartleby, o gris e lúcido escribente de Melville, que para non someterse sen máis ás ordes arbitrarias, dicía simplemente, sen ira, pero teimosamente: "Preferiría non facelo".
A reflexión, as ideas, a creación ou as palabras. A arte e a cultura é sempre o que me salva da tentación da morte e me anima a reiniciar.
A verdadeira poesía nunca minte, por ferinte que sexa. Quen crea algo sen intencións perversas é inocente da súa posible perversión. Bernhard, Beckett, Cioran, Genet, Celan, Valente, Shopenhauer, Pound, Carver, Poe... tiñan razón, temos razón. E tiñan razón Yeats, Dylan Thomas, Eliot, Joyce, Homero, Dante... temos razón tamén a un tempo, como todos os atormentados ou felices pintores da Beleza e das tebras que cohabitan comigo o meu cerebro, discutindo sen pausa dentro da miña alma...
E a verdade é que "na miña vida nunca vin máis que tolos e enfermos” (Bernhard); que "Morrer é ben doado; vivir é o difícil" (Maiakowski) e tamén que "Vivir é fácil. Arduo sobrevivir ao vivido" (Valente).
O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande.
A dor, a escuridade, o mal tamén existen por nós e contra nós, pero axudan a que a beleza e o pracer sexan aínda máis brillantes. Por iso non debemos evitar, para aforrarnos sufrimento, a parte máis escura en cada cousa, porque produce a lucidez e o horror de seu coñecemento.
Aprender é unha vitoria. Dubidar é unha loita continua, e a Crítica nunca hai que desterrala.
Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco e ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa.
Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Amén."