O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) (Rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Copruña) comeza hoxe luns día 20 de xullo (20.30 horas) o ciclo dedicado ao cineasta portugués Miguel Gomes (Lisboa, 1972) coa proxección dunha sesión de curtas realizadas por el. O ciclo Miguel Gomes / Carta branca a Miguel Gomes estenderase o resto do mes e está formado polos seus traballos, dúas longametraxes e seis curtas, e cinco títulos escollidos por el e relacionados tanto coa súa obra como co cinema portugués contemporáneo. O día 30 Gomes manterá un coloquio co público, moderado polo crítico Martin Pawley, coincidindo coa presentación da súa última longametraxe, Aquele querido mês de agosto, gañadora do premio maior no BAFICI bonaerense.
O cineasta portugués Miguel Gomes (Lisboa, 1972) é obxecto dunha retrospectiva sobre a súa obra, unha traxectoria avalada este ano polo éxito crítico e o premio no BAFICI de Bos Aires por Aquele querido mês de agosto. Ao mesmo tempo, o CGAI concedeulle carta branca, liberdade de elección a Gomes para que presentase toda unha serie de títulos portugueses que tivesen que ver dunha ou doutra forma co seu cine, uns por relación directa -mesmo en ocasións con firmes afinidades profesionais-, outros porque representan o cine portugués no que Gomes, por distintas razóns, se recoñece.
Gomes explica desta maneira o resultado das súas eleccións: “Rapace foi o único filme no que traballei sen ser realizador, monteino con João Nicolau, que xa participara como montador ou actor en filmes meus. Escollín Quando Troveja para dialogar con A Cara que Mereces (o seu realizador, Manuel Mozos, escribiu comigo o argumento d’A Cara, onde interpreta o personaxe de Harry). E escollín Nós por Cá Todos Bem de Fernando Lopes, un dos fundadores do cinema novo portugués para dialogar con Aquele Querido Mês de Agosto. Intentei optar por filmes menos coñecidos e por iso as ausencias de filmes de Manoel de Oliveira e Pedro Costa, mais non conseguín deixar fóra a Joâo César Monteiro e Recordações da Casa Amarela, un dos filmes claves da miña cinefilia. O barroco O Bobo é precisamente unha das máis descoñecidas óperas primas de todo o cinema portugués. Jardim é o primeiro filme dun realizador máis novo ca min, un singularísimo e extravagante “documental” sobre o xardín Calouste Gulbenkien onde a cámara toma por momentos o lugar dos cágados e patos que flotan no lago.”