Cinema no Fórum: Jacques Tati

xoves, 4 febreiro 2010, 14:00 | Category : cinema
Tags : ,

Poucos cineastas acadaron tanto con tan pouco. A filmografía como director de Jacques Tati comprende seis longametraxes e un par de curtas esparexidas ao longo de tres décadas; a súa dedicación verdadeira ao cinema foi relativamente tardía e o recoñecemento xeralizado en todo o mundo con Mon oncle chegoulle cando xa cumplira os cincuenta. Nesa altura e con só tres películas xa ocupaba un espazo de honra na historia da cultura europea grazas ás súas comedias intelixentes que satirizaban con elegancia os excesos do mundo moderno.

Descendente por parte de pai dunha familia rusa de nobre avoengo -o seu verdadeiro apelido, Tatischeff, apunta con claridade as súas orixes- Jacques Tati (1908-1982) exerceu na súa mocidade como xogador de rugby profesional antes de lanzarse con éxito ao music-hall, valéndose da súa formación e talento como mimo e no teatro físico. Nos trinta participa como actor e guionista en diversas pezas cinematográficas, unha delas dirixida polo logo célebre René Clement, nas que ensaia diferentes números cómicos e explota a súa faceta de paiaso; mais o Jacques Tati que coñecemos arranca en 1947 coa curta L'ecole des facteurs (A escola dos carteiros), claro antecedente da inmediatamente posterior Jour de fête (Día de festa), que competiu no Festival de Venecia. No seu seguinte traballo presentou o personaxe que o faría célebre, o de Monsieur Hulot, presente coa súa característica gabardina, pipa e sombreiro en catro filmes inmortais: Les vacances de Monsieur Hulot (1953), Mon oncle (1958), que lle proporcionou un Oscar de Hollywood e o Gran Premio do Xurado en Cannes; Playtime (1967) e Trafic (1971), demostración todas elas dun depurado talento cinematográfico que fai do plano-secuencia a súa ferramenta principal. Tati é un artista da imaxe que constrúe sofisticadísimos gags visuais renunciando ao diálogo mais non aos efectos de son, que manexa cun oficio insuperábel. O seu humor leva aparellado un discurso moi crítico coa sociedade de consumo e os vicios burgueses. Ao facer burla dos abusos tecnolóxicos e os paradoxos dunha mecanización que quizá fai a vida máis doada, mais non necesariamente máis feliz, Jacques Tati lanza unha voz de alarma contra a deshumanización e reivindica o valor das relacións persoais, unha mensaxe que hoxe é tan actual ou máis que no seu tempo.

Os cinco filmes citados mais o derradeiro dos seus, Parade, compoñen o ciclo de febreiro da Sala Fernando Rey, nunha oportunidade imperdíbel que nos permitirá revisar a obra longa completa dun cineasta esencial.

Sala Fernando Rey, febreiro de 2010
4, 5: Playtime
6: Trafic
11, 12: Jour de fête
13: Parade
18, 19 e 20: Mon oncle
25, 26 e 27: Les vacances de Monsieur Hulot

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Dúas “sesións do espectador” cada semana nas salas de cinema do Fórum Metropolitano

luns, 11 xaneiro 2010, 14:00 | Category : cinema
Tags : , ,

A partir do día 11 de xaneiro de 2010, as funcións dos venres ás 22:45 e 23:00 e as dos sábados ás 17:15 e 17:30 pasan a ser "sesións do espectador" e a entrada terá un prezo reducido de 1,50 €.

O resto das sesións (xoves, venres e sábados ás 20:15 e 20:30) manteñen o seu prezo habitual de 3 euros (2 € para os usuarios de carné xove, maiores de 65 anos e desempregados). O abono de cinco entradas ten un prezo especial de 12 euros (cinco filmes polo prezo de catro).

HORARIO XERAL DAS SALAS DE CINEMA DO FÓRUM METROPOLITANO:

Sala Marilyn Monroe: xoves ás 20:15, venres ás 20:15 e 22:45, sábados ás 17:15 e 20:15.

Sala Fernando Rey: xoves ás 20:30, venres ás 20:30 e 23:00, sábados ás 17:30 e 20:30

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: Encrucilladas

xoves, 1 outubro 2009, 8:00 | Category : cinema
Tags : , ,

Nunha das máis estimulantes películas de Pedro Almodóvar, La mala educación, o cineasta manchego exorcizaba os fantasmas do ensino represivo que lle tocou padecer. A educación -ou máis ben a mala educación do título- deixaba tocados a todos os personaxes, os alumnos e os profesores, que no contexto do filme é tanto como falar de vítimas e verdugos.

Somos o que aprendemos, na dobre acepción que a palabra ten en galego, adquirir coñecementos máis tamén transmitilos. E aprender aprendemos constantemente; para ben e para mal; non facemos outra cousa na vida que aprender, e non sempre de maneira consciente. Educámonos na escola e na casa, nos libros e na televisión, na rúa e no bar, grazas ao contacto con persoas diferentes que teñen algo que dicirnos e aportarnos; e a súa influencia é sempre transformadora, por acción ou por omisión, por seren un espello no cal mirarnos, un modelo a imitar, ou todo o contrario, pola súa condición de icona negativa, de referente que nos lembra permanentemente aquilo que non queremos ser.

A pegada decisiva dos educadores, entendido nun sentido amplo, é un tema recorrente no mundo do cinema. Mestres abnegados capaces de enfrontarse a unha aula desnortada coma o Glenn Ford de Blackboard jungle ou anos despois Sidney Poitier en To Sir, with Love; que abren fendas de liberdade nun espazo pechado e obsoleto, coma o Robin Williams de O clube dos poetas mortos; que practican exercicios diarios de humanismo nun sistema inxusto, coma o Philippe Torreton de Hoxe comeza todo, ou que fan do seu sacrificio a súa lección máis importante, caso do Charles Laughton de Esta terra é miña. Pais de integridade insobornábel coma o Atticus Finch que interpretou prodixiosamente Gregory Peck en Matar un reiseñor, nais sacrificadas como a Stella Dallas que compuxo unha memorábel Barbara Stanwyck e doce anos antes, na etapa muda, Belle Bennett ás ordes de Henry King, ou esa “árbore firme con moitas ramas” que era a Lillian Gish de A noite do cazador; mais tamén pais e nais dispostos a acabar coa felicidade dos seus descendentes, como a Aurora Soler Leal que asasinaba á súa adorada filla ao descubrir que se afastaba do seu paranoico ideal de muller no filme A miña filla Hildegart de Fernando Fernán-Gómez, baseado nunha fascinante e cruel historia real.

O noso mundo pode cambiar polo heroico empeño dun neno para devolverche o caderno do colexio (Onde está a casa do teu amigo?), polo encontro cun mariñeiro bondadoso (Spencer Tracy en Capitáns intrépidos) ou cun pirata co aspecto contundente de Anthony Quinn en Vento nas velas, e mesmo cun ladrón no Londres dickensiano de Oliver Twist, cuxas adaptacións cinematográficas deixáronnos polo menos dúas excelentes encarnacións do personaxe de “Fagin”, a de Alec Guinness e a de Ron Moody. De todo iso, de xente que forma e transforma, trata o ciclo que ocupará a Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano este mes de outubro.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: Diarios de motocicleta

xoves, 11 xuño 2009, 15:00 | Category : cinema
Tags : , ,

Diarios de motocicleta de Walter Salles, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo No camiño.

Horario: Xoves 11, 20:30. Venres 12, 20:30 e 23:00. Sábado 13, 17:30 e 20:30.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Estrea de Campás, a nova curta de Jairo Iglesias

martes, 9 xuño 2009, 10:30 | Category : cinema
Tags : , ,

Mañá mércores 10 de xuño terá lugar a estrea na Coruña da curta Campás, dirixida por Jairo Iglesias con produción de Mr. Misto Films. O acto celebrarase na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano e comezará ás 21:00.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: No camiño

mércores, 3 xuño 2009, 17:30 | Category : cinema
Tags : ,

“Todas as viaxes son un regreso". Viaxamos para contalo, “para facer da viaxe relato”, segundo nos conta Xabier P. DoCampo na súa obra máis recente, a memorábel O libro das viaxes imaxinarias; para descubrir e para logo descubrirlles aos demais aquilo que vimos e aprendimos, outras paisaxes e outros rostros diferentes dos que nos son comúns. “Viaxar” non é simplemente “ir a outro sitio”; é unha experiencia máis profunda e transformadora que consiste en mirar o outro para entendernos e recoñecernos a nós mesmos.

O cinema gustou das viaxes desde as súas orixes, cando era pouco máis que un xoguete científico que servía entre outras cousas para amosarlles o mundo aos abraiados espectadores. Mesmo acabou por nacer un subxénero específico, a road movie, do que achamos ecos ao longo de toda a historia do cinema mais que se fixo claramente visíbel nos últimos trinta ou corenta anos. É lóxico: unha viaxe en coche é unha magnífica escusa argumental para pechar a varios personaxes nun espazo reducido e obrigalos a falar e mergullar nos seus recordos, ideas e ilusións. A máis quilómetros de estrada, máis vida compartida, máis amizade, ou máis odio e máis xenreira, emocións en calquera caso humanas e polo tanto moi cinematográficas. A road movie é ademais un xénero barato, que en xeral pode resolverse sen apenas decorados e con poucos actores, circunstancia esta que encaixa ben coas limitacións orzamentarias de certo cinema independente que non por casualidade botou man do asfalto en numerosas ocasións. A falta de medios pode suplirse coa espectacularidade dos grandes escenarios naturais e o gusto natural por desprazarnos; a fin de contas, e como xa dixen algunha outra vez, ir en coche ou en tren é como vivir dentro dun travelling: o paraíso para un cinéfilo.

A Sala Fernando Rey ponnos no camiño este mes de xuño, empezando por unha viaxe ao ritmo que marca o motor dunha segadora, o que fai o Alvin Straight de Unha historia verdadeira, disposto a cruzar medio país para se reencontrar cun irmán enfermo nunha obra mestra dirixida por David Lynch. Tamén a viaxe iniciática nunha escangallada motocicleta emprendida por dous amigos, Alberto Granado e Ernesto Guevara de la Serna, varios anos antes de se convertir no “Che”, o mítico líder revolucionario cuxa xuventude e toma definitiva de conciencia explora con vigor e entusiasmo Walter Salles en Diarios de motocicleta. Necesariamente crepuscular é o traxecto que fan catro persoas coa urna que contén as cinzas doutro amigo morto en Last orders, cun memorábel reparto e a eficaz dirección de Fred Schepisi. Para rematar, Transamerica, ou de como atravesar os Estados Unidos na compaña dun fillo cuxa existencia descoñecías.

Sala Fernando, ciclo No camiño
4, 5 e 6 de xuño: The straight story, de David Lynch
11, 12 e 13 de xuño: Diarios de motocicleta, de Walter Salles
18, 19 e 20 de xuño: Last orders, de Fred Schepisi
25, 26 e 27 de xuño: Transamerica, de Duncan Tucker

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: Yo

mércores, 27 maio 2009, 12:00 | Category : cinema
Tags : , , ,

Yo de Rafa Cortés, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo Colleita española.

Horario: Xoves 28, 20:30. Venres 29, 20:30 e 23:00. Sábado 30, 17:30 e 20:30 (a proxección do venres ás 23:00 é gratuíta).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: Nevando voy

xoves, 14 maio 2009, 10:00 | Category : cinema
Tags : , , ,

Nevando voy de Candela Figueira e Maitena Muruzábal, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo Colleita española.

Horario: Xoves 14, 20:30. Venres 15, 20:30 e 23:00. Sábado 16, 17:30 e 20:30 (a proxección do venres ás 23:00 é gratuíta).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: Colleita española

xoves, 14 maio 2009, 9:15 | Category : cinema
Tags : , ,

Hai apenas uns días que rematou a edición número doce do Festival de Cine de Málaga, exclusivamente dedicado ao cinema español e que leva anos convertido no gran punto de reunión da industria do estado. Dentro da súa exhaustiva programación sorprendía a presenza dunha sección titulada El otro cine español, composta por un pequeno ciclo de só catro longametraxes e dúas sesións de curtas que incluía traballos de José Luis Guerín, Pere Portabella, Albert Serra, Daniel Villamediana, Isaki Lacuesta e Gonzalo de Lucas. No texto de presentación falábase deles coma dun cinema “raro, minotario, experimental”, un “gran descoñecido” que porén é o que máis e mellor se coñece fóra das nosas fronteiras, alén dos xa ben asentados Almodovar, Amenábar ou Isabel Coixet.

Mais... ten sentido realmente falar de “outro cinema”? Cal é, entón, o cinema español prototípico, o maioritario, o que non é “o outro”? Hai en España un cinema de consumo popular masivo ben definido, que ateiga as salas de espectadores, en oposición a un cinema de intencións artísticas? Que é máis popular, un filme esixente coma La soledad de Jaime Rosales, que co impacto dos seus Premios Goya chegou por ter máis de cen mil espectadores, ou calquera desas comedias vulgares que pretenden ser grandes éxitos e acaban pasando sen pena nin gloria polas salas comerciais?

No fondo destas cuestións o que latexa aínda é un triste prexuízo contra o cinema feito en España, que un bo número de afeccionados consideran con diferenza peor que o que se fai noutras partes do planeta. Mais as comparacións non poden facerse en termos absolutos, senón relativos. Cantas obras mestras feitas nos Estados Unidos identificamos cada ano sobre unha produción xeral formada por certos e centos de filmes? Que porcentaxe sae? E en Italia ou Alemaña? Fronte ao tópico pesimista que acredita nun cinema español que aínda hoxe sería “políticamente ineficaz, socialmente falso, intelectualmente ínfimo, estéticamente nulo e industrialmente raquítico”, empregando as mesmas palabras do célebre manifesto das conversacións de Salamanca impulsadas en 1955 por Bardem e Martin Patino, a realidade é que temos un bo número de autores de interese, algúns deles moi novos e capaces de competir en igualdade de condicións nos circuitos internacionais. A Sala Fernando Rey festexa en maio a diversidade da colleita española máis recente cun ciclo que aposta polas novas voces aparecidas nunha industria tan boa e tan mala como calquera outra.

Martin Pawley

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: Malas temporadas

xoves, 7 maio 2009, 12:00 | Category : cinema
Tags : , ,

Malas temporadas de Manuel Martín Cuenca, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo Colleita española.

Horario: Xoves 7, 20:30. Venres 8, 20:30 e 23:00. Sábado 9, 17:30 e 20:30 (a proxección do venres ás 23:00 é gratuíta).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: Amateurs

xoves, 30 abril 2009, 16:00 | Category : cinema
Tags : , ,

Amateurs de Gabriel Velázquez, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo Colleita española.

Horario: Xoves 30, 20:30. Venres 1, 20:30 e 23:00. Sábado 2, 17:30 e 20:30 (a proxección do venres ás 23:00 é gratuíta).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: Roma

xoves, 23 abril 2009, 9:23 | Category : cinema
Tags : , , ,

O filme Roma de Federico Fellini, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo Cinema e cidade.

Horario: Xoves 23, 20:30. Venres 24, 20:30 e 23:00. Sábado 25, 17:30 e 20:30 (a proxección do venres ás 23:00 é gratuíta).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: O terceiro home

xoves, 16 abril 2009, 10:30 | Category : cinema
Tags : , ,

O filme The third man de Carol Reed, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo Cinema e cidade. O filme proxéctase en versión orixinal con subtítulos en castelán.

Horario: Xoves 16, 20:30. Venres 17, 20:30 e 23:00. Sábado 18, 17:30 e 20:30 (a proxección do venres ás 23:00 é gratuíta).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: Cinema e cidade

Un mozo americano, Jesse (Ethan Hawke), e unha estudante francesa, Celine (Julie Delpy), coñécense nun tren e deciden pasar unhas horas xuntos en Viena, coa chegada dun novo día como límite para a súa relación. Ese era o argumento de Before sunrise de Richard Linklater, unha delicia que nos sorprendeu alá polo ano 1995. O filme Before sunset reunía unha década despois á mesma parella en París para presentarnos aos dous protagonistas xa máis maduros e experimentados recuperando o tempo perdido mentres paseaban pola cidade do Sena e falaban e falaban sen parar.

París é un tópico cinematográfico, o lugar ao que escapan os mozos e mozas americanos para atopar o seu lugar no mundo, como facía a Sabrina encarnada por Audrey Hepburn no lendario filme de Billy Wilder. Non é a única ocasión en que Audrey visitou París: volveu alá en Funny face, en Love in the afternoon e sobre todo en Charade, acompañada por un Cary Grant que mudaba de identidade cada poucos minutos; mais non é esa a única cidade asociada á súa filmografía, porque... quen non quixo coñecer a capital de Italia despois daquelas Vacacións en Roma, ou ir a Nova York ao ver a Holly Golightly tomando un almorzo diante do escaparate dunha xoiaría?

Bos Aires en Happy together (Wong Kar-wai, 1997), Kuala Lumpur en I don't want to sleep alone (Tsai Ming-Liang, 2006), Nova Delhi en Monsoon wedding (Mira Nair, 2001), México D.F. en Batalla en el cielo (Carlos Reygadas, 2004), Taipei en Millenium Mambo (Hou Hsiao-Hsien, 2001), a Bamako do filme homónimo de Abderrahmane Sissako, a Lisboa dos de Pedro Costa... a memoria dos cinéfilos está inzada de espazos urbanos inesquecíbeis, amosados ás veces sen piedade, mais cheos de vida en calquera caso. De cidades e de espazos urbanos vai o ciclo que en abril ocupará as salas do Fórum Metropolitano con catro obras mestras que nos levarán á Viena da posguerra na que se cociñaban negocios turbios (The third man, 1949), á Roma pasada pola peneira da imaxinación desbordada de Federico Fellini (Roma, 1972), a París para gozar cos personaxes que se entrecruzan conducidos pola man maxistral de Jacques Rivette (Va savoir, 2001) e a Estrasburgo para seguir os pasos dun home novo na procura dunha muller que coñeceu anos atrás (En la ciudad de Sylvia, 2007).

Sala Fernando Rey:
16, 17 e 18 de abril The third man de Carol Reed.
23, 24 e 25 de abril Roma de Federico Fellini.

Sala Marilyn Monroe:
16, 17 e 18 de abril Va savoir, de Jacques Rivette.
23, 24 e 25 de abril En la ciudad de Sylvia de José Luis Guerin

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cinema no Fórum: Belle de jour

xoves, 2 abril 2009, 11:15 | Category : cinema
Tags : , ,

O filme Belle de jour de Luis Buñuel, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano dentro do ciclo Buñuel francés. O filme proxéctase en versión orixinal con subtítulos en castelán.

Horario: Xoves 2, 20:30. Venres 3, 20:30 e 23:00. Sábado 4, 17:30 e 20:30 (a proxección do venres ás 23:00 é gratuíta).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google