Despois da Segunda Guerra Mundial o cinema italiano iniciu un período de esplendor que encheu a memoria dos afeccionados con centos de películas e ducias de directores, guionistas, actores e actrices. Sexa no ámbito dos dramas apegados ás rúas do neorrealismo, das comedias populares ou do cinema de autor máis intelectual, a listaxe de nomes lendarios parece non ter límite: Roberto Rossellini, Vittorio de Sica, Federico Fellini, Michelangelo Antonioni, Mario Monicelli, Luchino Visconti, Pier Paolo Pasolini... Unha colleita impagábel que achou continuidade en cineastas posteriores coma os irmáns Taviani, Ermanno Olmi, Bernardo Bertolucci, Ettore Scola ou Marco Belloccio, todos eles aínda en activo e nalgúns casos (Centochiodi de Olmi ou Vincere de Bellocchio) con enerxías renovadas.
O peso histórico desta ilustre serie de creadores produce por comparación unha tan inevitábel coma inxusta sensación de esmorecemento e febleza na actualidade. A industria italiana produce arredor de cen filmes por ano e presenta hoxe problemas equivalentes ao da española: unha certa debilidade industrial e unha evidente dificultade para competir no resto do planeta cos seus mellores produtos, fóra de excepcións puntuais coma Gomorra de Matteo Garrone. Aínda así, Italia seguiu a ter figuras de prestixio, caso de Nanni Moretti, e nos últimos anos viu nacer unha nova xeira de cineastas coma Emmanuele Crialese (Nuovomondo), Vincenzo Marra (Vento di Terra), Marco Tullio Giordana (La meglio goventú), Paolo Sorrentino (Il divo), Paolo Franchi (La spectatrice), Saverio Costanzo (Private), Kim Rossi Stuart (Anche libero va bene), Andrea Molaioli (La ragazza del lago) ou Gianni di Gregorio (Pranzo di ferragosto).
A primeira consecuencia deste renacemento é medíbel non só en termos de calidade senón tamén económicos: en cinco anos a cota de pantalla das producións deste país mellorou en dez puntos porcentuais até situarse outra vez por riba do 30%. A programación do Fórum xa ofreceu nos últimos anos varias mostras desta vitalidade e dedícalle ao cinema italiano o ciclo de febreiro na Sala Marilyn Monroe.
4, 5 e 6: Le consequence dell'amore (Paolo Sorrentino, 2004)
11, 12 e 13: La spectatrice (Paolo Franchi, 2004)
18, 19 e 20: Caterina va in cittá (Paolo Virzi, 2003)
25, 26 e 27: La sconosciuta (Giuseppe Tornatore, 2006)