Forumfolk: Pedro Lamas e Jacobo de Miguel + Xabier Díaz

luns, 26 xaneiro 2009, 12:00 | Category : concertos, música
Tags : , , ,

O luns 26 comeza o ciclo Forumfolk'09 cunha actuación de Pedro Lamas e Jacobo de Miguel Dúo na que presentarán o seu primeiro traballo, A lebre e a mazá, un proxecto no que interpretan temas tradicionais en clave de jazz. Será un concerto intimista e elegante no que Pedro Lamas (gaita e saxo) e Jacobo de Miguel (piano) contarán coa colaboración do cantante Xabier Díaz.

Partindo do respecto polas claves que definen e conforman a tradición (da que Pedro Lamas é bo coñecedor), o dúo vai tinguindo as diferentes pezas que escollen para o seu repertorio con variadas cores que reflicten as súas vivencias musicais e persoais. É así que Lamas e De Miguel incorporan nos seus arranxos elementos extraídos do jazz, do new age, da música clásica e mesmo da cultura pop e a música máis comercial, sen prexuízo ningún en canto á súa procedencia e tomando como única guía a procura dun vehículo de expresión propio no que a tradición ocupe un lugar preferente.

O seu espectáculo bríndanos a posibilidade de disfrutar da beleza das melodías populares revisadas co bo facer destes dous músicos que nesta ocasión contan coa inestimábel participación de Xabier Díaz para conformar un directo no que hai sitio tanto para o lirismo máis refinado como para momentos de singular firmeza e intensidade.

O concerto celébrase no auditorio do Fórum Metropolitano ás 21 horas do luns 26 de xaneiro. O prezo das entradas é de 5 € (3 euros para usuarios de carné xove, maiores de 65 anos e desempregados)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Presentación do ciclo Forumfolk

Jacobo de Miguel, Pedro Lamas, a concelleira María Xosé Bravo e a directora do Fórum, Bettina Kohlhaas

Hoxe deuse a coñecer a programación do ciclo Forumfolk, o espazo que o Forum Metropolitano dedica á presentación de novas propostas do folk e da musica tradicional galega. O ciclo comeza o próximo luns 26 coa actuación de Jacobo de Miguel, Pedro Lamas e Xabier Díaz, e continúa até o verán cun concerto cada cuarto luns de mes. No futuro o ciclo incluiŕa tamén actividades paralelas, como mesas de debate, proxeccións, exposicións, clases maxistrais, etc. Forumfolk fica aberto a propostas e pretende convertirse nun espazo moi dinámico, coa intención de afianzar o ciclo coma un referente de apoio e fomento do folk e da música de noso.

Máis información e cartaz de Forumfolk, nesta páxina.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google