O
XXXII Concurso de baile tradicional Xacarandaina que todos os anos ven organizando a Asociación Cultural Xacarandaina terá lugar o domingo día 29 de maio. Este concurso é o certame máis veterano de toda Galicia tendo gran repercusión entre as agrupacións e escolas de música tradicional. Xacarandaina leva 32 anos organizándoo, sendo, este ano, o primeiro en realizarse no Coliseum da Coruña adaptado en formato teatro. Para a Asociación é un novo reto e un novo esforzo tanto económico como organizativo, sendo o principal obxectivo que o acto sexa do agrado de todas e todos: participantes, público e voluntariado. No concurso poden participar Asociacións folclóricas, Centros Parroquiais, Asociacións Culturais e Recreativas, Asociacións Xuvenís etc. chegados de toda Galicia: Vigo, Santiago, Padrón, Arteixo, Ribeira, Betanzos... e mesmo de fora, como os grupos do Centro galego de L´Hospitalet de Llobregat. Todos os grupos participantes deberán cumprir as bases do concurso, onde se indica que os grupos poden ser mixtos, femininos ou masculinos, e estarán formados como mínimo por oito persoas (agás cando as características do baile o precisen). O uso de traxe tradicional é obrigatorio. A categoría determinarase pola media das idades dos compoñentes do grupo e ningún deles superará a media da categoría en máis de dous anos:
- Categoría A: ata 8 anos inclusive.
- Categoría B: de 9 a 12 anos inclusive.
- Categoría C: de 13 a 16 anos inclusive.
- Categoría D: de 17 anos en adiante.
Cada grupo terá un tempo límite de 5 minutos. O grupo que exceda dito tempo, quedará descualificado. Terá que levar o seu acompañamento musical (gaiteiros, pandereteiras...) que deberá estar presente no escenario vestindo o traxe tradicional. O xurado no momento da cualificación terá en conta: autenticidade da peza, dificultade técnica e calidade na execución. En cada unha das categorías serán concedidos tres premios:
- 1º premio: trofeo e 350 euros.
- 2º premio: trofeo e 200 euros.
- 3º premio: trofeo.
O XXII Concurso de Música Tradicional Xacarandaina terá lugar o día 5 de xuño no Teatro Rosalía de Castro, en sesión de mañá e tarde. Este concurso consta con tres modalidades diferentes: pandereteiras, cuartetos de gaita e gaiteiro solista. Esta última modalidade incorpórase como novidade este ano, aínda que cando se creou o Concurso, hai xa 22 anos, era a única modalidade instrumental. A división das categorías realízase do mesmo xeito que no concurso de baile, aínda que varían segundo as modalidades: no apartado de pandereteiras cóntase con catro categorías, no de cuartetos de gaita cóntase con dúas categorías, e no apartado de gaiteiro solista existirá unha única categoría. No concurso poden participar grupos de Asociacións folclóricas, Centros Parroquiais, Asociacións Culturais e Recreativas e Asociacións Xuvenís etc. procedentes de toda Galicia. Todos os grupos participantes deberán cumprir as bases do concurso, onde se indica que é obrigatorio o uso de traxe tradicional. Concederanse tres premios por categoría, que se determinará pola media das idades dos compoñentes do grupo e ningún deles superará a media da categoría en máis de dous anos.
Cada grupo terá un tempo límite de 5 minutos, quedando descualificado o grupo que exceda dito tempo. O xurado no momento da cualificación terá en conta: autenticidade e dificultade da peza, afinación e interpretación e expresividade na interpretación.
En cada unha das categorías serán concedidos tres premios:
- 1º premio: trofeo e 250 euros.
- 2º premio: trofeo e 150 euros.
- 3º premio: trofeo.
O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio do mundo do folclore, e serán alleos á Asociación Cultural Xacarandaina.
Este ano poderanse realizar as inscricións a través da páxina web de Xacarandaina, ou da mesma forma que en edicións anteriores, enviando debidamente cumprimentada a folla de inscrición adxunta por:
* Correo ordinario ao local social: A.C .Xacarandaina, rúa Historiador Vedía nº3, soto 1º, 15004 A Coruña.
* Correo electrónico: info at xacarandaina.com
* Exclúese a vía telefónica para realizar as inscricións.
O prazo de inscrición remata o día 12 de maio para o concurso de baile, e o día 19 desde mesmo mes de maio para o de música.