Teatro Rosalía: “O florido pensil”, de Andrés Sopeña
Venres
30 de setembro, sábado 1 e domingo 2 de outubro
Teatro Rosalía de Castro
20:30
Entradas: 6, 7, 9 e 13 euros (carné xove, maiores de 65 anos e desempregados: desconto dun 20%).
"O florido pensil", de Andrés Sopeña Monsalve, conta substancialmente as vicisitudes dun grupo de rapaces sometidos á absurda e ilóxica brutalidade do sistema educativo que dominou a España da posguerra. Os seus protagonistas descóbrennos un fresco no que se sucederán os escenarios da acción; en primeiro lugar a escola -centro de operacións fundamental para a propaganda do ideario fascista- e, máis tarde, o resto das tribunas dende onde o réxime mandaba os seus sinais de apoio: o cine de barrio, a radio familiar, a igrexa e a prensa, representada aquí polo aparentemente inofensivo cómic. O fresco inclúe tamén unha variada e interesante fauna de personaxes nos que se mesturan heroes do cine con casposos mestres e mozos (máis ou menos espelidos) con curas de alento tronante. Ademais inclúe voces de nomes míticos cuxos rostros nos roubou a historia: Matías Prats, Pedro Pablo Ayuso, Matilde Conesa. A obra está representada por cinco actores adultos: Xosé Manuel Olveira "Pico", Antonio Durán "Morris", Federico Pérez, Josito Porto e Alfonso Agra, baixo a dirección de Fernando Bernués e Mireia Gabilondo, unha parella de directores vinculados á compañía Tanttaka T.
















